Hai tan só uns días, e ao cumprirse un ano desde que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarase a COVID unha pandemia mundial, a Xunta anunciaba a próxima licitación do primeiro gran contrato para o rastrexo do coronavirus. Destinará 14 millóns de euros para un ano, que podería prorrogarse outro máis, e pretende estabilizar un servizo ata agora opaco, no que é difícil coñecer o número real de traballadores e sobre o que se acumulan denuncias sobre precariedade laboral e esaxerada temporalidade.
A Xunta anunciou a licitación do primeiro gran contrato para o rastrexo da COVID un ano despois do inicio da pandemia
A última chega da man dos sindicatos e de teleoperadores que traballan no servizo contratado pola Xunta a unha empresa de telemárketing con sede en Bergondo. Ademais dos 180 militares asignados polo Ministerio de Defensa que fan labores de rastrexo en Galicia, na actualidade algo menos de 300 persoas levan a cabo tamén ese labor e o de información da COVID a través da empresa Universal Support, do grupo de call center Konecta.
Hai algunhas semanas, no pico da terceira onda, nesa empresa eran máis de 450 as persoas dedicadas ao rastrexo de casos de coronavirus e dos seus contactos. No mes de novembro, o persoal dedicado a esas funcións sumaba só 120 traballadores. Daquela, Feijóo xa asegurara no Parlamento que eran en total 700 as persoas que realizaban labores de rastrexo en Galicia, logo de que en xullo falase de 6.000.
Rastrexadores subcontratados pola Xunta denuncian a precariedade do seu labor: "Xogan cos picos da pandemia para ir contratando e despedindo"
"Xogan cos picos da pandemia para ir contratando e despedindo, aproveitando períodos de proba ou contratos eventuais que son fraude de lei", denuncian os sindicatos. Así, a CIG advirte das "precarias condicións" do persoal e de que boa parte das persoas contratadas "están en fraude de lei", unha denuncia que realiza tamén CCOO.
Segundo aseguran, a empresa ten contratados moitos teleoperadores cun contrato eventual por circunstancias da produción que, segundo o convenio colectivo de call center, só pode ser utilizado de modo continuado durante catro meses e cunha prórroga, de mutuo acordo, que non supere esa duración.
"Moita xente renova mensualmente na modalidade máis precaria cando xa superou eses catro meses e sen que pasen a un contrato de obra ou servizo, como corresponde", explica Federico Chouza, delegado da CIG en Universal Support, que aclara que a contratación mediante o devandito contrato de obra, e tendo en conta que o persoal está vinculado ao control da pandemia, implicaría que non puidesen ser despedidos de continuarse co rastrexo.
CIG e CCOO advirten de que Universal Support contratan "en fraude de lei" ou mesmo emprega os períodos de proba para labores de rastrexo puntuais
"É a artimaña que utilizan para despedir e contratar xente segundo as necesidades de rastrexo que marquen os picos da COVID", insisten Chouza e Iván Cordeiro, responsable Contact Center CCOO-Galicia. Ambos sindicatos consideran grave a situación, pero máis aínda tendo en conta de que é a Xunta quen contrata este servizo "de tanta transcendencia social e que é responsabilidade dunha administración pública".
"É intolerable que se consistan estas prácticas claramente prexudiciais para os traballadores e traballadoras que veñen desempeñando un labor esencial dende o inicio da emerxencia sanitaria", di a CIG, que sinala que "o único obxectivo desta actuación é dispoñer libremente do persoal e poder prescindir del con facilidade cando diminúa o traballo, sen cumprir as formalidades reservadas para o contrato de obra".
Así, segundo destacan sindicatos pero tamén persoal de Universal Support consultado por Praza.gal, na terceira onda da pandemia, a empresa contratou "ás présas e de súpeto" máis de 150 persoas que foron despedidas tres semanas despois. Segundo CCOO, nalgúns casos chegouse a prescindir de traballadores só un mes máis tarde alegando que non superaran o período de proba.
Sindicatos e persoal denuncian que a empresa de telemárketing contratou "de súpeto" no pico da terceira vaga 150 persoas despedidas tres semanas despois
"Estamos afeitos a modos de proceder de empresas bancarias ou enerxéticas das que levamos campañas que non nos parecen correctas, pero neste caso é peor porque é a Xunta quen está permitindo estas prácticas", destaca Chouza.
Tanto o seu sindicato como o resto de centrais denuncian tamén o "escurantismo" e "opacidade" dunha empresa, Universal Support, que non dá detalle ningún das condicións da campaña asinada coa Xunta. "A información facilitada ao comité foi practicamente nula dende un principio, o que impide que a representación do persoal coñeza tanto o contrato ou a orde do servizo, como os contratos das persoas que compoñen a campaña. Impídesenos facer o noso traballo para garantir o cumprimento da lexislación laboral", advirte a CIG.
Desde a Xunta, desde o principio da pandemia, a información sobre o traballo dos rastrexadores é case nula ou, no caso de habela, contraditoria. Malia que tanto Feijóo como Sanidade aseguraran sempre que o persoal destinado ao rastrexo, no que se incluían nun principio profesionais de Atención Primaria ou Medicina Preventiva, era suficiente, o pasado mes de novembro o Goberno galego incrementou a partida para a contratación do servizo de call center para este labor. Fíxoo a través dunha transferencia de crédito de máis de 2,5 millóns de euros desde o fondo de imprevistos dos Orzamentos aos gastos da Consellería. Pouco antes xa reservara outros 230.000 euros para persoal de "seguimento" da orixe dos contaxios.
Malia a escaseza de información, desde a CIG aseguran que, na actualidade, e tendo en conta os plans de ocupación dos seus centros que Universal Support fai cada semana, na campaña de rastrexo e información de coronavirus traballan 287 persoas, a meirande parte delas desde a casa e 46 no centro de traballo de Bergondo. Durante os peores momentos da terceira onda chegaran a 451, mentres que no outono pasado roldaban os 120.
"Van mudando o número de persoas segundo as necesidades, aproveitándose da precariedade e de contratos en fraude de lei para prescindir de traballadores cando non son tan necesarios", quéixanse fontes do persoal. Todo, critican os seus representantes sindicais, en lugar de "consolidar un servizo permanente con garantías que permita afrontar inmediatamente novos gromos".
Xusto a estabilidade que a Xunta di que agora, máis dun ano despois do inicio da pandemia, pretende dar coa licitación do primeiro gran contrato para o rastrexo. Durante os últimos doce meses, condicións precarias e, no mellor dos casos, empregos con contrato de obra e servizo onde, dependendo das horas extras, dificilmente se superan os 1.000 euros netos mensuais.
Os rastrexadores dificilmente chegan aos 1.000 euros netos mensuais, carecen de coñecementos sanitarios e a súa formación limítase a "catro instrucións un día"
Porque os rastrexadores da Xunta, como lembraban dous deles nesta reportaxe en Praza.gal, réxense polo mesmo convenio que calquera outro teleoperador de telemárketing. "Facemos esta campaña igual que a facemos para unha entidade bancaria porque é o noso traballo, pero non é o mesmo porque aquí está en xogo a saúde", contaba unha ex-traballadora. "É evidente que isto debería estar profesionalizado e supervisado directamente polo Sergas", engadían outros sobre unha dura función relatada por outro deles en primeira persoa: "Teño chorado ao chegar á casa".
Malia que a calidade do rastrexo mellorou co tempo, como indican varios traballadores, o que non mudaron foron as precarias condicións laborais ou a escaseza de formación. "Quen traballa nestas campañas non é sanitario nin ten ningún tipo de coñecemento dese tipo... A formación limítase a escoitar un día as instrucións doutro compañeiro e catro instrucións", explica un teleoperador. "Podemos entender pola urxencia dos brotes certa celeridade e que se intente axilizar todo, pero cremos que é mellor non improvisar e estabilizar e consolidar un servizo que é tan esencial", remata outro traballador.