A Xunta evidencia a necesidade de máis rastrexadores da COVID con 2,5 millóns para novos teleoperadores

Proba PCR a unha persoa no seu coche CC-BY-SA Xunta

O pasado 11 de novembro, Feijóo asegurou no pleno do Parlamento que son 700 persoas as que realizan labores de rastrexo en Galicia, logo de que o pasado xullo falara de 6.000 e días despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, se negase outra vez a desvelar unha cifra que continúa sen ser oficial. 

Feijóo cifra en 700 o número de rastrexadores logo de falar de 6.000; 180 son do Exército e máis de 200 teleoperadores dunha subcontrata da Xunta

Durante meses, a Xunta incluíu neste labor calquera profesional sanitario pendente de casos positivos de covid ou dos seus contactos, ben sexa de Atención Primaria ou Medicina Preventiva, e a TVG chegou a dar por fixos, en cifras redondas, os seis milleiros que nin o Sergas se atreveu a contabilizar

Cifrado agora en 700, seguen as denuncias de eivas no rastrexo por parte do Centro de Seguimento, ao que a Xunta vén de asignar novas competencias que ata agora encomendaba ao persoal de Atención Primaria e do que non se sabe exactamente como se organiza nin desde onde traballan os seus membros. 

Detalle das modificacións orzamentarias tramitadas por Sanidade para incorporar persoal para rastrexo CC-BY-SA Praza Pública

Si se coñece que hai 180 militares asignados polo Ministerio de Defensa a Galicia que fan labores de rastrexo: 110 do Exército de Terra (100 da Brilat e 10 da Forza Loxística Operativa) e 70 da Armada (60 do Arsenal de Infanteria de Mariña de Ferrol e 10 da Escola Naval Militar de Marín). E sábese tamén, tal e como confirmaron a Praza.gal varios dos propios profesionais, que sobre 120 persoas dedicáronse especificamente nos últimos meses a estes traballos a través dunha subcontrata da Xunta, unha empresa de telemárketing con sede en Bergondo, con precarias condicións laborais e sen formación sanitaria. 

A Xunta tira do fondo de imprevistos para destinar 2,5 milóns de euros a "gastos derivados da contratación dun servizo de 'call center' para realizar o rastrexo"

Tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Sanidade aseguraron que o número de rastrexadores era dabondo. Agora, a Xunta incrementa a partida para a contratación de servizo de call center para realizar o rastrexo de casos de coronavirus e dos seus contactos. Faino a través dunha transferencia de crédito de máis de 2,5 millóns de euros (2.510.664,09) desde o fondo de imprevistos dos Orzamentos aos gastos da Consellería de Sanidade. 

Son 2,5 millóns de euros solicitados "coa finalidade de dispoñer de crédito" no Sergas "para o financiamento dos gastos derivados da contratación dun servizo de Call Center para realizar o rastrexo para a pronta identificación de casos de infección por SARS-COV-2". 

Así se aclara na documentación enviada ao Parlamento, onde se reservan eses 2,5 milóns para subcontratar de inmediato o servizo de telemárketing, pero onde se prevé tamén un gasto de 6 millóns de euros neste concepto. 

Non é a primeira vez que o Goberno galego tira do fondo de imprevistos dos Orzamentos para reforzar o rastrexo. No pasado mes de setembro destinou máis de 230.000 euros á contratación de persoal para seguir casos de coronavirus e para corrixir unha das súas eivas na loita contra a pandemia: a identificación da orixe dos contaxios. 

O Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e o Centro Nacional de Epidemioloxía, organismos dependentes dos ministerios de Sanidade e Ciencia, elaboran dende xullo informes sobre a expansión da COVID a partir das información que as comunidades autónomas remiten. 

Galicia segue ignorando onde se contaxian máis da metade dos casos, o peor dato de todo o Estado

Na última actualización do estudo, Galicia ten uns resultados semellantes ao resto de autonomías no que atinxe ao número de contactos identificados por cada caso confirmado da COVID-19, pero segue tendo os peores no referido a obter información sobre a orixe do contaxio. Nesa primeira variable, o rastrexo cara a adiante, o Sergas identifica entre 1 e 5 contactos por positivo e o máis habitual é obter uns 3.

Rastrexadores do Exército en Ferrol © Delegación do Goberno en Galicia

Pero, como en anteriores edicións destes estudos, o dato galego de casos positivos da COVID-19 "sen contacto coñecido", isto é, sen orixe identificada do contaxio, segue sendo o peor. Agora sitúase no 51,8%, mentres a media estatal cae ata o 38,6%. Malia ser aínda o sistema menos efectivo neste ámbito no conxunto do Estado, chegou a situarse no 77,7%, aínda que nas últimas tres semanas xa baixou do 40%. 

Á espera aínda da resposta da Consellería de Sanidade, descoñécese se os 2,5 millóns dos que disporá agora servirán para renovar algúns dos servizos de call center xa contratados ou supón o aumento do número de teleoperadores nos labores de rastrexo. 

A empresa de telemárketing contratada para o rastrexo incorporou máis profesionais para a campaña COVID nas últimas semanas, ata superar os 250

Nas últimas semanas, segundo fontes profesionais do sector, o grupo de call center Konecta --co que a Xunta mantén o acordo para subcontratarlle servizos para o control da pandemia-- levou a cabo novas contratacións de persoal para a campaña da COVID. Son máis de 250 os profesionais que agora traballan neste ámbito, a maioría deles facendo labores de rastrexo. Aproximadamente o dobre dos que había hai tan só unhas semanas. 

Entre o apoio dos militares e os máis de 200 teleoperadores sumarían arredor de 400 persoas como rastrexadores, aos que se unirían outros 300 máis que traballan en distintos departamentos do Sergas, que non detalla a organización nin localización deste persoal. 

"Quen contaba como rastrexadores aos médicos é un bocalán"

Non serían, xa que logo, os 6.000 dos que chegou a falar Feijóo. “O PP confirma que quen contaba alegremente como rastrexadores a todos os médicos de familia é un bocalán”, advertiu o pasado xoves portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, durante unha comisión parlamentaria na que, segundo di, a voceira do PP no mesmo ámbito, Encarna Amigo recoñeceu que os doutores de Atención Primaria non poden estar 15 minutos facendo un labor de rastrexo. 

Así, Torrado reivindicou a figura dos rastrexadores como persoal “ao que hai que dedicar investimento sanitario” por parte da Xunta porque “canta máis xente estea desenvolvendo este traballo, menos propagación do virus haberá” entre a cidadanía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.