Atrasos no rastrexo levan a que docentes acudan a clase varios días sabendo que son contactos estreitos dun positivo de COVID

Aula dun centro de ensino galego © Xunta

O pasado 4 de novembro a Consellaría de Educación modificou o seu protocolo para a abordaxe da COVID-19 nos centros de ensino, facendo que deixase de ser obrigatorio que os contactos estreitos dos casos sospeitosos de coronavirus gardasen corentena nos seus domicilios, permitíndolles ir a clase mentres non se recibían os resultados das súas probas PCR. A modificación foi moi criticada por sindicatos coma CIG-Ensino, que sinalou as contradicións existentes coas recomendacións xerais realizadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellaría de Sanidade, e cualificou de "temeridade" a decisión.

Docentes que son contactos estreitos de casos confirmados de coronavirus non están podendo gardar corentena, acudindo a clase durante varios días ata que reciben a chamada dos rastrexadores

Porén, semella que mesmo se están producindo situacións nas que docentes que son contactos estreitos de persoas que deron positivo nas probas PCR (e polo tanto son casos confirmados, non só sospeitosos) tampouco están podendo gardar a necesaria corentena. E, neste caso, o problema está nas eivas no proceso de rastrexo de contactos en Galicia, que funciona con varios días de atraso, incrementando o risco de contaxios, tamén nos centros de ensino.

Begoña é mestra no IES Ramón Menéndez Pidal, situado no barrio coruñés de Zalaeta. O luns 2 de novembro outra das profesoras do centro comunicou que dera positivo en Covid-19. Begoña, ao igual que outras docentes do instituto, era contacto estreito deste caso positivo, polo que decidiu enviar un correo electrónico ao centro no que comunicaba que -por precaución e seguindo as recomendacións xerais- se declaraba "confinada", a non ser que por escrito a dirección lle indicase que tiña que seguir acudindo a clase. 

Aula no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

"Eu son funcionaria, teño que cumprir ordes. Así que fun traballar, con todas as precaucións que puiden, e confineime no resto da miña vida persoal", explica Begoña

Porén, a Dirección do centro respondeulle que tiña que incorporarse a traballar porque o feito de ser clasificada como contacto estreito dependía da Consellaría de Sanidade. "Cónstame que a Dirección estivo toda a semana tentando falar con Sanidade para obter unha confirmación e saber que facer, pero non obtivo resposta", explica Begoña.

Así que a pesar de ser un contacto estreito dun caso sospeitoso, Begoña tivo que seguir acudindo a clase, co risco de ser un vector de contaxio da enfermidade. "Eu son funcionaria, teño que cumprir ordes. Así que fun traballar, con todas as precaucións que puiden, e confineime no resto da miña vida persoal. E coma min, o resto de compañeiros do departamento, que seguiron indo a clase, en contacto cos rapaces", explica. Así o fixeron durante o resto da semana, ata que o sábado os rastrexadores comezaron a chamar aos mestres e mestras do instituto que foran sinalados como contactos estreitos da profesora que dera positivo. Begoña explica que o rastrexador lle dixo que tiña que estar en confinamento e que, de feito, "debería telo feito dende o luns".

Cinco días máis tarde recibiu a chamada do rastrexador, que  lle dixo que tiña que estar en confinamento e que, de feito, "debería telo feito dende o luns"

Só despois destas chamadas, este grupo de docentes pasaron a dar as súas clases de forma online, dende as súas casas, para evitar o risco de contaxiar outras persoas no instituto. Este luns fixéronlle unha proba PCR e nestes momentos está á espera dos resultados. Begoña explica que o sábado, unha vez que o rastrexador lle indicou que tiña que poñerse en confinamento, comunicoullo aos seus alumnos e alumnas, que son maiores de idade, pois están a cursar un ciclo formativo. "Díxenlles que eu era un factor de risco ata que non se demostrase o contrario. E por este motivo recibín unha crítica do centro, por contalo. Pero o que atinxe á miña saúde compéteme a min", di.

"Estou en contacto con ao redor de 60 alumnos e alumnas e non podemos estar paseando polo centro durante cinco días sete persoas que somos contactos estreitos dun positivo. Non podes estar á espera de que os rastrexadores te chamen 5 ou 6 días despois de sabelo"

A mestra amosa a súa indignación pola forma en que se está a proceder nos centros de ensino en casos semellantes. "É unha cuestión de saúde pública. Eu estou en contacto con ao redor de 60 alumnos e alumnas e non podemos estar paseando polo centro durante cinco días sete persoas que somos contactos estreitos dun positivo. Non podes estar á espera de que os rastrexadores te chamen 5 o 6 días despois de sabelo". denuncia. "Así claro que non hai positivos nos centros de ensino: se non hai seguimento, non hai positivos", engade.

"Non estou preocupada pola miña saúde, estou preocupada polas formas de proceder, que me parecen dunha insensatez terrible. O que non pode ser é que se desentendan desta maneira, estannos faltando ao respecto", di. "Os que estamos cumprindo somos nós e os cativos, a administración non está cumprindo. Se a cousa non está peor é porque hai un esforzo colectivo das comunidades educativas", salienta.

Un grupo de rastrexadores, nunha imaxe difundida polo Goberno de Castilla-La Mancha © Goberno de C-LM

"Os que estamos cumprindo somos nós e os cativos, a administración non está cumprindo. Se a cousa non está peor é porque hai un esforzo colectivo das comunidades educativas"

As instrucións da Consellaría de Sanidade para un contacto estreito de caso confirmado ou probable de Covid-19 deixan claro que a persoa debe "permanecer no seu domicilio habitual, en corentena, durante os 10 días seguintes ao último contacto que tivo co caso e ata que dispoña dunha PCR negativa transcorridos os 10 días". De igual xeito, o propio protocolo aprobado pola Consellaría de Educación (mesmo na súa última versión) especifica que "non asistirán ao centro aqueles estudantes, docentes e outros profesionais (...) que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de COVID-19".

O problema está nos atrasos no proceso de rastrexo de contactos que, como sucedeu nesta ocasión, pode tardar varios días (cinco, neste caso) en chamar aos contactos estreitos da persoa que tivo un diagnóstico de coronavirus a través dunha proba PCR. As recomendacións xerais indican que toda persoa que saiba que é contacto estreito dun caso positivo debe poñerse en corentena, pero isto non é posible facelo en todos os ámbitos laborais ata que esta condición de 'contacto estreito' é confirmada por un rastrexador.

Galicia é a comunidade autónoma que menor efectividade está a ter no proceso de rastrexo de contactos. Na actualidade non é capaz de trazar a orixe do 64% dos casos, fronte a unha media do 39% no conxunto do Estado

Galicia é a comunidade autónoma que menor efectividade está a ter no proceso de rastrexo de contactos. Na actualidade descoñece a orixe do 64,4% de todos os casos diagnosticados (é dicir, non é capaz de trazar a vía pola que esa persoa se contaxiou), unha porcentaxe que é a máis elevada de todo o Estado español, cunha media do 38,6%. Tan só Baleares (51,5%) e Cataluña (53,5%) se aproximan aos negativos datos galegos e hai territorios, coma o País Vasco, que só descoñece a orixe do 11,6% dos seus casos. Ou o que é o mesmo: rastrexa a vía de contaxio de máis do 88%.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo afirmou este martes nunha entrevista en Espejo Público que "os rastrexadores e o traballo de detectar a unha persoa con virus é a clave para que unha persoa contaxie a outras, e así sucesivamente". A pesar de considerar "clave" este aspecto no que o Goberno galego está a presentar uns datos moito peores que o resto de España, a Xunta continúa negándose a facer público cantas persoas fan o labor de rastrexo de contactos de persoas contaxiadas do coronavirus.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.