"É imprescindible que cada estudante teña o seu propio ordenador para seguir os 'horario espello' das aulas virtuais"

Aula dun instituto galego © IES Antón Alonso Ríos

O actual curso escolar está a ser o máis difícil e o máis estraño para alumnado e profesorado. A pandemia de coronavirus fixo necesaria a adopción de medidas de protección que buscan facer compatible o desenvolvemento das clases de xeito presencial coa prevención de contaxios. Unhas medidas que obrigaron ao corpo docente dos centros, en especial aos equipos directivos, a un esforzo extraordinario de organización. 

"O feito de que puidésemos iniciar o curso con todas as garantías e toda a seriedade é consecuencia do gran volume de traballo realizado por parte do profesorado"

Mesmo así, e entre críticas dende sindicatos e familias á Consellaría de Educación polos atrasos na presentación dos protocolos que os centros de ensino deben seguir para adaptarse a unha situación cambiante, o curso avanza con éxito, aínda que con incomodidades para alumnado e profesorado. Tanto na pasada primavera, cando boa parte das solucións para finalizar o curso tiveron que ser practicamente improvisadas polos profesorado, coma nos case dous meses que levamos de curso 2020-21, o mérito corresponde a un corpo docente que está a realizar un grande esforzo para garantir a continuidade das clases presenciais en condicións dunha certa normalidade. 

Con todo, no aire paira a posibilidade de que un empeoramento da situación epidemiolóxica obrigue a un novo confinamento nos domicilios que peche tamén os centros de ensino e faga necesario recorrer á teledocencia e ás aulas virtuais (que funcionarían con horarios-espello, con horarios semellantes ás clases presenciais e con explicacións en directo por parte do profesorado), que na pasada primavera amosaron as súas dificultades e o risco de existencia de problemas de fenda dixital para moitos alumnos e alumnas, unha fenda dixital que fai necesario contar con mellores medios materiais, para garantir un ordenador con conexión a internet para cada estudante. Falamos con Isabel Ruso, presidenta da Asociación de Directivos de IES de Galicia (ADDIGA).

Como estades levando dende os equipos directivos dos centros este inicio de curso tan complicado?

"Quizais teríamos necesitado que se tomaran unha serie de decisións máis rápidas, ter recibido xa en xuño as medidas e decisións que se adoptaron finalmente en setembro. Algunha decisión tomouse máis tarde do que tería sido desexable para organizar o curso con máis tranquilidade"

No inicio do curso houbo moita incerteza porque houbo variacións nos protocolos. Sobre todo o cambio da distancia mínima de 1 metro a 1,5 metros, que nos supuxo un cambio moi importante á hora de organizar o centro e da posibilidade de utilizar mamparas de separación.

Con todo, fomos avanzando con moitísimo traballo por parte do profesorado e dos equipos directivos. Creo que debe quedar constancia disto e debemos agradecer todo o traballo realizado por estas persoas, que non pararon un minutos nos últimos meses. Non só no comezo do curso, senón máis adiante, porque as condicións foron variando e tamén os protocolos, e iso obrigounos a ir modificando a organización e todo o que fóramos realizando. O feito de que puidésemos iniciar o curso con todas as garantías e toda a seriedade é consecuencia do gran volume de traballo realizado por parte do profesorado.

Aula no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

Os cambios nos protocolos da Consellaría de Educación supuxeron entón unha grande incomodidade? O ideal tería sido contar con esas guías moito antes?

"Os datos dinnos que ata agora a porcentaxe de contaxios dentro dos recintos escolares é mínimo"

A situación non é estable, por iso nós entendemos que é moi complicado conseguir esa estabilidade nos protocolos. Pero é certo que quizais nun momento determinado teríamos necesitado que se tomaran unha serie de decisións máis rápidas, ter recibido xa en xuño as medidas e decisións que se adoptaron finalmente en setembro. E pode que algunha decisión se tomou algo máis tarde do que tería sido desexable para organizar o curso con máis tranquilidade. Con todo, sei que falar é moi fácil e que a situación vai cambiando rapidamente.

A nivel sanitario, aínda que está a haber contaxios entre o estudantado e algunhas aulas pechadas, pódese dicir que a situación é mellor do esperado? Existía o temor a contaxios xeneralizados e a que moitos máis centros tivesen que pechar...

Si, a percepción xeral é que os contaxios se están dando maioritariamente no exterior dos centros, por mor do contacto con pais, nais, irmáns e demais familia, con veciños e amizades... Os datos dinnos que ata agora a porcentaxe de contaxios dentro dos recintos escolares é mínimo.

"Na primavera, aínda que non estabamos preparados, houbo que improvisar, e hai que recoñecer que moitos mestres e mestras fixeron un esforzo moi importante para seguir impartindo contidos e que ningún alumno quedase atrás"

E a nivel académico e de aprendizaxe, como se está a desenvolver o curso? É difícil desenvolver as clases e os contidos correctamente nesta situación?

O curso dentro das aulas estase levando a cabo con certa normalidade, pero dende logo hai perdas de tempo nos procesos de limpeza, de ventilación..., interrupcións que ralentizan un pouco o ritmo das clases. Pero o obxectivo é que a presencialidade manteña o funcionamento de anos anteriores e, de momento, estase conseguindo. Sempre estamos a expensas da situación sanitaria. Por riba de todo está a saúde, despois garantir o funcionamento académico e tamén a formación persoal de todo o alumnado.

"Tentamos recoller información sobre as posibilidades materiais e doutro tipo que todos os alumnos terían de seguir o curso de maneira virtual, dende os seus fogares. Todo co obxectivo de evitar a fenda dixital"

Na primavera os centros, profesorado e alumnado non estaban preparados para levar a cabo un ensino online, xa que nunca se pensara en que isto puidese chegar a ser necesario. En que medida estades preparados agora?

Si, na primavera, aínda que non estabamos preparados, houbo que improvisar, e hai que recoñecer que moitos mestres e mestras fixeron un esforzo moi importante para seguir impartindo contidos e que ningún alumno quedase atrás. Agora, o que xa estamos facendo é ensinar os rapaces a manexarse nas aulas virtuales e, en xeral, estamos mellorando a formación de profesorado e alumnado nese ámbito, para estar preparados por se nalgún momento temos que recorrer a esas fórmulas para continuar o curso. Houbo un esforzo por parte dos centros de formación de profesorado, para actualizar coñecementos e para que a xente estea preparada.

O que tamén tentamos é recoller información sobre as posibilidades materiais e doutro tipo que todos os alumnos terían de seguir o curso de maneira virtual, dende os seus fogares. Todo co obxectivo de evitar a fenda dixital se temos que recorrer á teledocencia. En todo caso, manter a presencialidade é o que queremos todos

Unha estudante, diante dun ordenador na súa casa CC-BY-SA Nessma Elaassar

"Ao aplicar os horarios espello, vai ser imprescindible que o alumnado estea diante do ordenador a unhas horas determinadas, polo que pode haber problemas se está ocupado neses momentos, ou se son dous irmáns en clases diferentes e teñen que usalo ao mesmo tempo"

Se chega esa situación, en que habería que incidir para asegurar un funcionamento o máis axeitado posible? Que lle pedides ás administracións?

O primordial agora sería ter material informático suficiente para afrontar un período de confinamento total: material para o alumnado, actualización do material dos centros e un apoio ao profesorado en caso de que sexa necesario. Se chegamos a esas aulas virtuais, vaise dar unha situación que requirirá de algo máis que simplemente ter un ordenador con Internet na casa. Porque ao aplicar os horarios espello, vai ser imprescindible que o alumnado estea diante do ordenador a unhas horas determinadas, polo que pode haber problemas se o ordenador está ocupado neses momentos, ou se son dous irmáns en clases diferentes e teñen que usalo ao mesmo tempo. Cada alumno e alumna debería ter o seu propio ordenador para seguir ese 'horario espello'.

Tedes confianza en poder contar con eses equipos?

Temos que enviar a AMTEGA unha relación dos equipos que se necesitan para que os distribúan entre os centros. O importante é que este apoio material chegue o máis rapidamente posible para que ningún alumno perda días de clase e o sistema de aulas virtuais funcione.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.