O TSXG desbota ordenar á Xunta dar clase por internet a familias que o esixen por "temor ao contaxio" da COVID

Indicacións sobre medidas contra o coronavirus nun centro educativo CC-BY-NC-SA CIG Ensino

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non imporá que a Consellería de Educación ofreza de inmediato clases por internet a "fillos e fillas" de familias que as esixe por "temor ao contaxio" do coronavirus. Cando menos, non o fará a través das medidas cautelarísimas solicitadas pola representación legal destas familias (cuxo número nn especifica), unha vía urxente que tamén reclamaban aplicar para frear os "protocolos de absentismo escolar" se estes estudantes non van á escola alegando esta razón.

O Tribunal Superior denega obrigar a Xunta a ofrecer ensino en liña pola vía das medidas cautelarísimas, como pedían as familias demandantes, que tamén reclamaban frear "os protocolos de absentismo escolar" se os seus fillos e fillas non van á escola

Estas familias recorreron no xulgado os protocolos das consellerías de Educación e Sanidade para previr a COVID-19 nos centros de ensino. Segundo consta no auto feito público este 3 de novembro, "fundamentan" a "decisión" de non enviar os fillos e fillas á escola e esixiren clases por internet en que consideran "ineficaces as medidas adoptadas". Por iso, manteñen, "priorizan a saúde dos seus fillos e fillas e demais membros vulnerables das súas familias". 

"Durante este tempo -relata- estiveron solicitando á Administración educativa" que facilite ao alumnado afectado pola negativa das familias "educación a distancia" e "garanta o dereito á avaliación obxectiva e en igualdade de condicións" co alumnado que si está acudindo a clase. Esta é a cuestión de fondo que o TSXG debe dirimir e precisamente por iso, argumenta a Sala, "non pode anticipar" unha resolución coma esta pola vía das medidas cautelarísimas, un procedemento de urxencia que nin sequera deixa marxe a dar voz á parte demandada, neste caso a Xunta.

Material de hixiene fronte á COVID-19 no IES Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

O tribunal continúa o proceso e dará marxe ás alegacións do Goberno galego

En síntese, o alto tribunal considera que non se dá o suposto de urxencia contemplado na lexislación. Non en van, subliña, "por tras de todas as medidas que establece a Xunta" para abordar o coronavirus nos centros de ensino "subxace o interese en evitar a aglomeración" de alumnado e "procurar que se respecten as medidas de distanciamento". "En definitiva, protexer a saúde pública" e "procurar a contención" do virus. Por todo isto, o TSXG non concede as medidas cautelarísimas e tramitará as cautelares, nas que a Xunta si pode formular alegacións. Ademais, advirte o Superior, a decisión será adoptada de xeito "individual" para cada estudante e non para todas as familias que o piden no seu conxunto.

Case 1.200 positivos ligados a centros de ensino

Este pronunciamento xudicial chega case ao mesmo tempo que os primeiros datos da sétima semana completa con actividade nos centros de ensino e datos sobre os casos de coronavirus ligados a eles. Segundo o Sergas, este 3 de novembro os casos activos relacionados con escolas, colexios e institutos son 1.181, 46 aulas están pechadas e un único centro, clausurado por esta razón. 

Ao non detallar o número de altas, non é posible saber cantos casos novos se rexistraron nos últimos días. Tampouco cantos positivos se acumulan xa no ámbito educativo dende o comezo do curso.

577 centros educativos teñen algún caso da COVID-19 entre o seu alumnado ou persoal, segundo a Xunta

Segundo a información divulgada pola Xunta, o centro con máis positivos entre o seu estudantado ou persoal (o Goberno galego non o especifica) é o colexio Apóstolo Santiago de Vigo, con 14 casos, seguido do IES Lucus Augusti de Lugo (12) e o colexio Lar de Mos (10). O único centro pechado por mor da COVID-19 é a escola infantil Golfiños de Lugo, que xa pechara a pasada semana por este motivo. 

En total, os centros educativos con algún caso do coronavirus entre o seu persoal ou alumnado son 577, segundo o Sergas. Os datos máis recentes da Consellería de Educación apuntan a que no curso 2020-21 están en funcionamento en Galicia 1.378 centros de ensino non universitario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.