A Xunta está determinada a manter en segredo cantas persoas fan o labor de rastrexo de contactos de persoas contaxiadas do coronavirus. Isto é, cantas persoas traballan na Central de Seguimento de Contactos (CSC), un servizo que, segundo o propio Goberno galego, contaba a mediados de maio cun "equipo inicial de 20 operadores" que "superaría os 50 profesionais" en pouco tempo.
A Xunta está determinada a manter en segredo cantas persoas traballan no dispositivo de rastrexo de contactos da COVID-19, mesmo tras asignarlle a esta Central de Seguimento novas tarefas que ata agora encomendaba ao persoal médico de Atención Primaria
Semanas despois, Alberto Núñez Feijóo elevaba ata "máis de 6.000" as persoas que, no seo do Sergas, tiñan entre os seus labores a "detección e seguimento" de casos. Nesa suma incluía, por exemplo, o persoal de Atención Primaria, ao que agora Sanidade dispensa de parte deses traballos tras encomendarllos precisamente á Central de Seguimento, un cambio de protocolo que está a quedar ensombrecido por unha opacidade que xa causa desacougo entre o persoal médico. Ignórase oficialmente cantas persoas e de que xeito conforman o CSC.
Como informou Praza.gal, o persoal de rastrexo en sentido estrito vén estando composto por unhas 120 persoas contratadas por unha empresa de telemárketing con sede en Bergondo ás que se engadiron 180 militares asignados polo Ministerio de Defensa tras responder a Xunta ao ofrecemento do Goberno de España (110 do Exército de Terra, 70 da Armada e 10 da Escola Naval de Marín). A pasada semana, o conselleiro de Sanidade volveu ser cuestionado ao respecto nunha entrevista con La Voz de Galicia e limitouse a indicar que o número de rastrexadores aumenta e diminúe en función das necesidadades. Pero sen cifras. [Eles son os rastrexadores da Xunta: "Un sistema caótico" desde un centro de chamadas de Bergondo]
Foi pouco despois da chegada de Comesaña á Consellería cando o protocolo de manexo da COVID-19 en Atención Primaria desprazou parte destes labores á CSC. Concretamente, a petición de probas PCR para persoas consideradas contactos estreitos de pacientes contaxiados. Segundo o Goberno galego, esa decisión tomouse para liberar o persoal médico dos centros de saúde de "toda acción burocrática", para así podérense centrar en maior medida no "manexo de casos sospeitosos", solicitudes de PCR ou test de antíxenos para diagnóstico ou dar a alta.
O novo protocolo da COVID-19 para atención primaria, aprobado en setembro, contempla que a central de rastrexo pida as PCR para contactos estreitos de persoas contaxiadas e a Xunta defende a mudanza para liberar o persoal médico de traballo "burocrático", pero sen referencia a cantos rastrexadores hai
Este cambio no protocolo está vixente dende finais de setembro. Concretamente, a última versión do documento ten data do día 29. Pero Sanidade só o evidenciou nunha declaración pública tras a publicación, en eldiario.es, dunha información que daba conta dunha instrución do Sergas ao persoal médico de Atención Primaria da área de Santiago-Barbanza reproducindo a cerna da mudanza do protocolo: "Que non se soliciten PCR aos contactos estreitos" para "evitar duplicidades", porque esa agora é unha función do CSC. Esa mesma comunicación incluía unha referencia á central de rastrexo: "Espérase que nos próximos días mellore o seu funcionamento tras os cambios realizados". [Relato dun rastrexador contra a pandemia: "Teño chorado ao chegar á casa"]
Sanidade tampouco informa de que "cambios" se trata e se entre eles se inclúe unha maior dotación de persoal. A Consellería indica que este persoal da CSC é "o encargado de realizar a enquisa de caso" para determinar se unha persoa é ou non contacto estreito de alguén que se contaxiou do coronavirus e de solicitar a PCR se é o caso. "Deste xeito, os facultativos non teñen que realizar esta tarefa burocrática e poden dedicar ese tempo á prestación asistencial. Outro tanto ocorre co seguimento telefónico do contacto estreito", agrega Sanidade, pero sen maior referencia á canto persoal traballa na CSC ou á súa formación.
Esa ausencia de información sobre o persoal de rastrexo foi, precisamente, o que deu lugar a receos entre o persoal médico tras virar público o recordatorio ao persoal médico sobre o novo protocolo. "Están tentando resolver problemas que nos veñen polo mal funcionamento deles e agora queren que deixemos de facer o noso traballo e mandemos un e-mail a un sitio que se supón que actúa", criticaba en declaracións a Radio Coruña o doutor Ramón Veras, membro de SOS Sanidade Pública.
"A transparencia e a coordinación entre o CSC e a Atención Primaria é unha reclamación constante dos nosos profesionais", subliña o Consello Galego de Colexios Médicos
Nesa liña, o Consello Galego de Colexios Médicos amosaba o seu "apoio" a "todos os médicos que, co criterio adecuado da praxe médica", decidan solicitar a realización de test PCR a contactos de persoas contaxiadas no canto de desprazar o trámite á Central de Seguimento de Contactos. "A transparencia e a coordinación entre o CSC e a Atención Primaria é unha reclamación constante dos nosos profesionais, que son os máis capacitados para solventar as deficiencias do sistema", sinalaba o Consello que agrupa os catro colexios médicos de Galicia.
Ata as seis da tarde do pasado sábado, 8 de novembro, o Sergas levaba realizadas 746.637 probas PCR, segundo datos da propia Consellería. Entre o luns e o sábado da semana que vén de rematar foran procesadas unhas 41.700, unhas cifras que se sitúan en máximos dende o inicio da pandemia pero que son inferiores ás da semana anterior, cando nos mesmos seis días foron realizadas case 50.700. A Xunta non especifica, polo momento, se a introdución dos test de antíxeno nos diagnósticos está a influír ou non no descenso no número de PCR.