Leves sinais de freo da COVID en Galicia e menos probas tras un outubro disparado que segue a bater nos hospitais

Análise de probas PCR no laboratorio do Sergas en Vigo CC-BY-SA Sergas

Un lixeirísimo acougo tras un outubro disparado. O Servizo Galego de Saúde suma este domingo, 8 de novembro, 545 novos casos do coronavirus ao seu cómputo, 541 deles diagnósticos mediante probas PCR entre as seis da tarde do venres, día 6, e a mesma hora do sábado. Supón descender dos 600 casos novos tras catro días por riba nunha xornada na que o gran número de altas de persoas contaxiadas en semanas previas (707) permite por primeira vez en algo máis de dúas semanas facer descender un chisco a cifra de "positivos activos", que así e todo segue por riba dos dez mil (10.109).

O descenso no número de novos casos coincide cunha baixada na cifra de PCR que, malia seguir en máximos da pandemia, son ata o sábado unhas 9.000 menos que a semana anterior

Como adoito, os datos deste leve respiro cómpren ser lidos en contexto. Para comezar, cómpre ter en conta que aínda que o número de probas PCR diarias procesadas en Galicia seguen en máximos da pandemia, dende o luns e ata as seis da tarde do sábado desta semana foron realizadas unhas 41.700. Do luns ao sábado (xornada completa) da anterior foran un total de 50.695, unhas nove mil máis. O total de PCR procesadas en Galicia dende o inicio da pandemia chega ás 746.637, segundo Sanidade.

O Sergas notifica outras cinco mortes ligadas á pandemia que elevan o total a 981

Tendo presentes ambos factores, o que resulta innegable é, cando menos de momento, é que a capacidade de diagnóstico segue sendo maior na segunda vaga que na primeira. E, igualmente, que o empeoramento do mesmo de outubro segue a traducirse en falecementos, sobre todo de persoas de idade avanzada. O Sergas inclúe no seu cómputo oficial este 8 de novembro outras cinco mortes, unha delas dunha muller de 72 anos que vivira na residencia DomusVi Ribadumia e finou no hospital do Salnés.

Tamén notificou a morte dun home de 76 anos hospitalizado na Coruña, unha muller de 91 anos no hospital de Cee, un paciente de 65 anos ingresado en Pontevedra e un home de 86, no Clínico de Santiago. Na última semana (de sábado a sábado) rexistráronse 48 mortes ligadas á pandemia, segundo os datos de Sanidade e o total chega xa a 981 persoas.

A incidencia a 14 días afástase dos 350

As devanditas variacións no número de casos novos repercuten xa na incidencia a 14 días da COVID-19, isto é, o número de novos positivos rexistrados por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. Para o conxunto de Galicia, os datos pechados con data do venres (os do sábado só chegan, de momento, ata as 6 da tarde) apuntan a que Galicia a se afasta do limiar dos 350 neste indicador tras achegarse durante esta semana tras superar os 300 por primeira vez dende o inicio da pandemia.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a área sanitaria cun descenso máis claro na súa incidencia a 14 días segue sendo a de Ourense, cuxa curva epidémica comezou a ceder con claridade tras estar sometida a severas restricións dende finais de setembro. Tamén contribúen ao descenso do dato global as baixadas de incidencia acumulada nas áreas de Santiago e -aínda en menor medida- Ferrol. Mentres, Lugo e Pontevedra trazan o que podería acabar sendo un novo pico que aínda non se albisca con claridade na área de Vigo. [Para non perderse: guía dos peches pola COVID que a Xunta impón ata decembro]

Continúa a 'meseta' do 8% nas probas PCR que dan positivo

Xunto aos datos brutos de novos positivos e a súa relación co número de probas, outro indicador clave para observar a evolución da pandemia é a porcentaxe de PCR que dan positivo en COVID-19. Neste caso, o dato global galego de positividade media diaria a 7 días segue transitando dende finais de outubro por unha 'meseta' na contorna do 8%, uns tres puntos por riba do limiar fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun territorio. O dato non chega a dispararse pero, de momento, tampouco baixa con claridade.

A esta estabilidade contribuíu nos últimos días a moderación na porcentaxe media de probas positivas nas áreas de Ferrol, Santiago e Ourense, se ben a curva destas dúas últimas remonta levemente dende hai tres días. Tamén iniciou unha tímida tendencia á baixa a área de Vigo e cómpre agardar aínda uns días para certificar o comportamento das de Pontevedra e Lugo. En calquera caso, todas as áreas agás Ourense e Santiago seguen claramente por riba do 5%.

Novo récord de ingresos na UCI na segunda vaga

As persoas con test positivo da COVID en coidados intensivos son agora 89; a principios de outubro apenas superaban a trintena e nos primeiros días de setembro, a quincena

Estas relativas melloras pola contención dos novos casos -con todos os seus matices- aínda tardarán en chegar aos hospitais, caso de facelo. O empeoramento de outubro continúa percibíndose na presión hospitalaria e mostra disto é que os datos feitos públicos este domingo acreditan que o sábado o número de persoas con test positivo da COVID-19 que precisan asistencia en coidados intensivos volveu marcar outro máximo, ata as 89. A principios de outubro apenas superaban a trintena e a principios de setembro, a quincena.

Outras 483 persoas están ingresadas en unidades ordinarias de hospitalización a causa do coronavirus nun contexto no que, coma sempre, cómpre ter en conta que a presión hospitalaria adoita ser maior que a que reflicten directamente estas cifras. A razón é que, segundo os protocolos vixentes, cando unha persoa infectada pola COVID-19 e ingresada nun hospital pasa a dar negativo, o seu caso desaparece das cifras de hospitalización ligadas á pandemia aínda que continúe no centro sanitario por mor do seu estado xeral de saúde.

Por áreas sanitarias, o maior número global de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus segue sendo o da Coruña-Cee, con 145 (unha menos na UCI, unha máis en hospitalización ordinaria) seguida de Ourense, con máis presión en termos relativos e 107 ingresos (+3) con test positivo. Nesta xornada, a área de Lugo deixa de ser a que computa un menor número de persoas hospitalizadas con positivo en coronavirus ao ter unha máis que Ferrol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.