O persoal sanitario forma, xunto con outros colectivos, a primeira liña de defensa contra o coronavirus. Está exposto á enfermidade e dende o inicio da pandemia foron moitos os traballadoras e traballadores da sanidade en Galicia que foron infectadas pola Covid-19. Segundo o Ministerio de Sanidade os contaxios totais dende marzo chegan a case tres mil.
Os contaxios totais dende marzo chegan a case tres mil
Unha parte moi importante tiveron lugar nas primeiras semanas, entre marzo e abril, en boa medida pola carencia de medios de protección individual e ante a ausencia de protocolos axeitados. Entre os primeiros días de maio e o 7 de maio rexistráronse un total de 1.708 casos de coronavirus entre o persoal sanitario galego. A cifra, elevadísima, significaba nesa primeira semana de maio que a metade dos casos activos de coronavirus correspondían a profesionais dos centros sanitarios e das residencias de maiores e dependentes.
Nos meses seguintes, as maiores medidas de protección e prevención e un descenso na incidencia da enfermidade fixeron que entre o 11 de maio e o 2 de xullo só se rexistraran 34 contaxios entre os profesionais sanitarios galegos. Porén, dende entón volveron medrar as infeccións, especialmente nas últimas semanas, nas que o ritmo de contaxios se está achegando á situación de marzo e abril, a pesar de que un maior coñecemento da enfermidade, mellores equipos de protección e protocolos deberían facer que nestes momentos as infeccións fosen moito menos frecuentes.
Segundo o Ministerio de Sanidade, nos últimos 14 días o número de traballadoras e traballadores sanitarios galegos que deron positivo por Covid-19 foi de 488, 200 na última semana
En concreto, segundo o Ministerio de Sanidade nos últimos 14 días o número de traballadoras e traballadores sanitarios galegos que deron positivo por Covid-19 foi de 488, 200 na última semana. Estes datos, coñecidos este venres, engádense aos publicados o pasado venres, que xa indicaban 334 contaxios nos 14 días anteriores, 240 en 7 días.
Hai dúas semanas tres gromos no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) ergueron as críticas do persoal sanitario. O último deses brotes afectou ao servizo de Oncoloxía do Hospital Provincial pontevedrés e sumou 27 casos positivos, 17 de profesionais sanitarios e dez de pacientes. Tamén o persoal que atende as residencias da terceira idade está a sufrir de forma continua contaxios de Covid-19.
Hai dúas semanas tres gromos no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) ergueron as críticas do persoal sanitario
O pasado mes de xullo un informe do Instituto de Saúde Carlos III que analizaba os distintos elementos que favoreceron a expansión da enfermidade no Estado español, situou os contaxios ao persoal sanitario como o principal factor de expansión do coronavirus en Galicia.
No conxunto do Estado houbo 25.922 casos entre o persoal sanitario no conxunto entre o 11 de maio e o 30 de setembro (en Galicia foron 1.269). Entre eles, 15.347 producíronse entre os e as profesionais dos centros sanitarios, 7.724 no persoal dos centros sociosanitarios e os 2.851 restantes entre as traballadoras e traballadores doutro tipo de centros. Cataluña (3.127), Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana, Madrid, Andalucía e Castela-León foron as comunidades autónomas con máis contaxios entre o persoal sanitario neste tempo, máis de dúas mil infeccións en cada territorio.