Pontón e Caballero instan a Xunta a aclarar a cifra de rastrexadores da COVID tras reiterar Sanidade que prevé mantela en segredo

Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no hospital de Burela o 23 de outubro de 2020 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A finais de xullo, Alberto Núñez Feijóo resaltou que a Xunta contaba con "máis de 6.000 persoas" facendo labores de "detección e seguimento" do coronavirus ao ser cuestionado sobre o número de rastrexadores cos que contaba a Consellería de Sanidade. Asegurárao apenas dous meses despois de que o Sergas explicase que puxera en marcha un "equipo inicial de 20 operadores" dedicados a rastrexar contactos das persoas infectadas que "superaría os 50 profesionais" en pouco tempo.

No verán, Feijóo afirmou que o Sergas contaba con "máis de 6.000 persoas" para labores de rastrexo; despois, o novo conselleiro de Sanidade instou a aclarar a "definición" de rastrexador para poder concretar unha cifra que agora, matiza, non prevé facer pública

Naquelas semanas, partidos da oposición e colectivos sanitarios reiteraron a necesidade de que o Goberno aclarase os números. Esas 6.000 persoas ás que se referira Feijóo, evidenciaban, incluían múltiples profesionais con moitas máis tarefas que o rastrexo. [Eles son os rastrexadores da Xunta: "Un sistema caótico" desde un centro de chamadas de Bergondo]

Máis recentemente, en setembro, o novo conselleiro de Sanidade evitou tamén sinalar un número concreto porque antes, respondeu no Parlamento, cumpriría aclarar a "definición" de rastrexador. Agora, Julio García Comesaña vén de reiterar a súa intención de manter estes datos en segredo e os líderes dos dous grupos da oposición, Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) repiten que é imprescindible pór fin á "opacidade", tamén neste ámbito.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa no Parlamento este 2 de novembro CC-BY-NC-SA BNG

Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia, Comesaña limitouse a asegurar que os rastrexadores son "os necesarios", un número "variable" que "non vou dicir". "Se eu digo X rastrexadores, vaise comparar con outra comunidade autónoma", xustificou para manter o segredo.

Pontón insta a aclarar a cifra porque "o que si sabemos é que Galiza é un dos territorios con peores resultados en rastrexos" e Caballero subliña que "Feijóo presumía de milleiros, cando despois se demostrou que eran unhas decenas"

Para Pontón, cómpre rematar coa "opacidade na que está instalado" o Goberno galego. Galicia non pode continuar "sen transparencia e sen información clara de datos que son relevantes", como o número de persoas dedicadas ao rastrexo, sinala a líder do Bloque, quen censura que esta cifra siga "sendo unha incógnita", se ben "o que si sabemos "é que Galiza está entre os territorios con peores resultados en rastrexos". Este é un dos asuntos que Pontón reclama abordar nun pleno extraordinario do Parlamento, con comparecencia monográfica de Feijóo, a respecto da segunda vaga da pandemia.

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, tamén ve urxente "pasar páxina á estratexia da opacidade e ocultación para dar transparencia e contarnos a realidade". "Baixo o subterfuxio de non compararse con outras comunidades autónomas atópase a política de opacidade para non amosar as mentiras de Feijóo", considera o socialista, xa que o presidente da Xunta "presumía de milleiros de rastrexadores que despois demostrouse que eran unhas poucas decenas".

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, en rolda de prensa no Parlamento este 2 de novembro de 2020 CC-BY-NC-SA PSdeG

Un centro de chamadas en Bergondo e cartos para "reforzo" en setembro

Como veu informando Praza.gal, ata agora as persoas dedicadas especificamente ao rastrexo de contactos de persoas infectadas coa COVID-19 son arredor de 120 profesionais. Traballan no centro de chamadas dunha empresa de telemárketing contratada pola Xunta con sede en Bergondo e, maioritariamente, carecen de formación sanitaria. A este cadro de persoal sumáronse, posteriormente, arredor de 200 militares fornecidos polo Ministerio de Defensa para este traballo.

O centro de chamadas contratado pola Xunta para os rastrexos conta con arredor de 120 profesionais, aos que se suman uns 200 militares fornecidos polo Ministerio de Defensa para este traballo

Este persoal dedícase, esencialmente, ao que se deu en coñecer como rastrexo cara a adiante, isto é, a comprobar que persoas puideron estar potencialmente en risco por contactaren con quen se infectou. Mentres que os datos de Galicia neste labor son semellantes aos do conxunto do Estado, os indicadores máis recentes do Instituto de Salud Carlos III amosan que o Sergas ten resultados máis deficientes no rastrexo cara a atrás, a identificación da orixe do contaxio. Para este labor, como informou Praza, Sanidade reservou o pasado setembro unha partida de algo máis de 200.000 euros procedente do fondo de gastos extraordinarios da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.