A Xunta presentou este venres a súa nova páxina de información sobre o coronavirus, na que inclúe un gran número de datos e indicadores que nos últimos sete meses rexeitara facer públicos, o que convertera a Galicia, con diferenza, na comunidade autónoma que comunicaba con máis opacidade a medios e cidananía a situación do coronavirus, unha política restritiva que o Goberno galego estende habitualmente a outros ámbitos.
A pesar de mellorar moito a situación anterior, a páxina do Sergas presenta eivas que continúan colocando a Galicia como un dos territorios menos transparente á hora de informar da situación da pandemia no seu territorio.
A nova web de datos do SERGAS amosa cun deseño limpo os indicadores epidemiolóxicos máis importantes no conxunto de Galicia e en cada área sanitaria: número de positivos detectados cada día, casos totais, taxa de positividade diaria, porcentaxe de falecementos por sexo e idade e número de pacientes con covid en cada hospital. Ademais, inclúe as series completas dende o inicio da pandemia dos positivos diarios e da taxa de positividade.
Dende logo, un grande avance con respecto á anterior web, que practicamente non contiña información ningunha e que recibira un gran número de críticas. Porén, a páxina segue a presentar numerosas eivas que continúan colocando a Galicia como unha das comunidades autónomas menos transparente á hora de informar da situación da pandemia no seu territorio. Sobre todo, no relativo á negativa da Xunta a ofrecer datos abertos -é dicir, descargables e reutilizables- e por seguir sen publicar a información relativa a cada concello, como si fai a maior parte das comunidades autónomas do Estado.
A ausencia de datos abertos e de información detallada por concellos deixan a web galega moi por detrás da maioría de páxinas doutras autonomías
Son varias as comunidades autónomas que ofrecen os seus datos de forma aberta, algunhas a través de portais específicos de transparencia, como Euskadi ou Navarra, e o resto simplemente publicando os distintos indicadores en fomatos descargables, que permiten a súa reutilización por xornalistas ou investigadores e investigadoras e, ademais, a súa comparación cos datos doutros territorios.
A gran diferenza entre os datos que agora comeza a publicar Galicia e os que ofrecen o resto de territorios do Estado está na información facilitada sobre a situación en cada concello. A pesar de que nos últimos días o Goberno galego anunciara que ía comezar a ofrecer estes datos, atendendo ás demandas realizadas, entre outros, pola Fegamp, a realidade é que segue sen facelo.
A web de datos do Sergas limítase a publicar dous mapas, coloreados cunha escala de catro cores (verde-amarelo-laranxa-vermello) que atenden a uns determinados intervalos fixados pola Consellaría de Sanidade. A Xunta mantén así as súas reticencias a facer pública esta información para a cidadanía e os distintos concellos, unha negativa que foi xustificada por un suposto obxectivo de asegurar o "segredo profesional" ou de non "estigmatizar" ás localidades con máis casos.
Practicamente todas as comunidades autónomas informan puntualmente do número de positivos detectados en cada concello
Pola contra, practicamente todas as comunidades autónomas informan puntualmente do número de positivos detectados en cada concello ou, cando menos (no caso de Aragón ou Castela-León) en cada área de saúde, que corresponde a unha agrupación de localidades semellantes ás comarcas galegas. Madrid, Euskadi, Catalunya, Cantabria, Canarias, Murcia, Asturias, Baleares, Andalucía, A Rioxa, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha e Navarra ofrecen información sobre o número de casos detectados en cada termo municipal e a taxa de incidencia acumulada nos últimos 14 días, ademais doutros datos, como o número de casos totais dende marzo ou o número de defuncións pola enfermidade.
A única comunidade autónoma que se achega, polas súas limitacións e restricións á hora de facer pública a súa información, é Estremadura, que a diario colga na súa web os datos de novos casos detectados en cada concello, pero faino nun formato moi pouco manexable, como é un pdf. Estremadura segue, ademais, sen ofrecer as series completas de casos de coronavirus dende o comezo da pandemia.
Outra información ausente
Na web do Sergas falta tamén información sobre os contaxios ao persoal sanitario, o número de rastrexadores ou datos de morbilidade ou de patoloxías previas nas persoas que morren con covid, que si publican outras comunidades
Pero non son os datos por concellos os únicos que Galicia aínda non está a ofrecer. A pesar do notable salto adiante dado pola nova web do Sergas, a páxina segue sen ofrecer información, por exemplo, sobre a porcentaxe de ocupación de cada centro hospitalario, ou a evolución diaria do número de pacientes hospitalizados e en UCI. Igualmente, falta información sobre as taxas de motalidade e morbilidade en Galicia e estatísticas sobre as patoloxías previas máis frecuentes entre as persoas que morreron con covid-19, datos que si ofrecen outras comunidades autónomas, como Asturias. Así mesmo, non se notifica o número de contaxios rexistrados entre o persoal sanitario e sociosanitario.
Tampouco se refiren o número de test PCR realizados cada día no conxunto do país e en cada área sanitaria, e a web non inclúe os datos desagregados sobre a situación das residencias (número de postivos, de falecementos e a relación de centros con casos). De igual xeito, non se informa sobre o número de rastrexadores que están a traballar no país e en cada área sanitaria.