Galicia é unha das comunidades autónomas que vén amosando unha maior opacidade á hora de comunicar á cidadanía a situación da pandemia de coronavirus no seu territorio. Este comportamento, iniciado xa na pasada primavera, chegou ata o día de hoxe, no que a Xunta segue sen ofrecer datos sobre os novos positivos detectados ou a incidencia da enfermidade en cada concello.
Galicia é unha das comunidades autónomas que vén amosando unha maior opacidade á hora de comunicar á cidadanía a situación da pandemia de coronavirus no seu territorio
Galicia é, de feito, unhas das poucas autonomías que non facilitan estes datos, que si ofrecen Madrid, Euskadi, Catalunya, Cantabria, Canarias, Murcia, Asturias, Baleares, Andalucía, A Rioxa, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha e Navarra. Tamén o fan de forma parcial Estremadura e Castela e León (unicamente nas súas localidades máis poboadas e, no caso castelán e leonés, tamén por áreas sanitarias). E unicamente Galicia e Aragón ocultan esta información. Eldiario.es publica semanalmente a información da incidencia de coronavirus existente nos concellos de todos os territorios que difunden esta información.
O presidente da Xunta ofreceu varias excusas para evitar publicar esta información, sinalando que a difusión de datos por localidades podería levar a impoñer un "estigma" sobre os concellos con máis casos (aínda que posteriormente o Goberno galego si sinalou algúns barrios urbanos con elevadas incidencias) e mesmo chegou a insinuar que as comunidades autónomas que si ofrecían datos abertos incorrían nunha falta de "prudencia".
A demanda de transparencia na información proporcionada pola Xunta foi medrando nos últimos meses, pero o presidente da Xunta ofreceu varias excusas para evitar publicar estes datos
A demanda de transparencia na información proporcionada pola Xunta foi medrando nos últimos meses e por exemplo hai dúas semanas o Colexio de Xornalistas instou o Goberno galego a publicar datos completos do coronavirus "en formatos de datos abertos e reutilizables, inseridos en series completas". Nos últimos días chegou a darse a circunstancia, aínda máis criticable, de que os datos de casos novos de coronavirus por concellos, que a Xunta non fai públicos, si eran difundidos por La Voz de Galicia, único medio de comunicación que os recibía a diario. Isto xerou malestar entre moitos responsables municipais, coma o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, que sinalou que "é moi desalentador ter que enteirarse pola prensa de cantos positivos hai no noso concello".
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) foi unha das entidades que con máis insistencia reclamou a difusión pública dos datos de incidencia do coronavirus correspondentes a cada concello para poder así ter un coñecemento axustado da situación epidemiolóxica e actuar en consecuencia. Este martes representantes da Fegamp e da Xunta, encabezados polos seus presidentes, Alberto Varela Paz e Alberto Núñez Feijóo, mantiveron unha xuntanza na que o Goberno galego se comprometer a rectificar a súa política de comunicación en relación coa pandemia.
A Xunta afirma agora que comezará a "informar semanalmente da situación epidemiolóxica dos concellos segundo o nivel de casos novos" co obxectivo de que "cada un deles poida ver como evoluciona a pandemia no seu ámbito municipal". Núñez Feijóo detallou que o Goberno galego elaborará "dous mapas", un para os casos acumulados nos últimos 7 días e outro para os casos acumulados nos últimos 14 días. Ademais, creará un código de cores (verde, amarelo, laranxa e vermello) para sinalar a gravidade da situación en cada localidade.
Núñez Feijóo detallou que o Goberno galego elaborará "dous mapas" cun código de cores para informar sobre a gravidade da situación en cada concello
Os criterios serán diferentes para as sete cidades galegas e para o resto dos concellos. Para os concellos de menos de 50.000 habitantes estableceranse as seguintes cores: verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos á semana; laranxa para entre 14 e 20 casos novos á semana; e vermello para máis de 20 casos novos á semana. No caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes, o verde será para os que teñan menos de 28 casos novos á semana por 100.000 habitantes; amarelo para entre 28 e 55 casos novos á semana por 100.000 habitantes; laranxa para entre 56 e 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes; e vermello para máis de 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes.
“Desta clasificación sairían dous mapas: un aos 7 días e outro aos 14 días, onde se indicarán con carácter xeral que concellos están nunha situación tranquila, cales avanzan cara a unha situación máis preocupante, cales están nunha situación máis comprometida e cales nunha situación que pode dar lugar a restricións”, afirmou Feijóo, que indicou que esta información será publicada na web da Consellaría de Sanidade.
Falta saber que información incluirán finalmente estes mapas: se unicamente amosarán a cor que lle corresponda a cada localidade en función do código ideado pola Xunta ou se ademais se poderá coñecer a incidencia exacta ou o número de casos de coronavirus (novos positivos ou o indicador de casos activos que manexa o sergas) existente en cada Concello, como veñen difundindo a maior parte das comunidades autónomas.
A Fegamp vai analizar o sistema de datos proposto pola Xunta "para valorar posibles melloras ou aportacións"
A Fegamp comprometeuse a estudar esta proposta, sinalando que "respecto á información epidemiolóxica que a Consellería de Sanidade debía haber comezado a proporcionar o pasado mércores", a entidade vai analizar o sistema de datos proposto pola Xunta "para valorar posibles melloras ou aportacións". A Fegamp "confía" en que o sistema de información aos concellos "estea posto en marcha a vindeira semana".
Na xuntanza, ademais da petición de máis información e transparencia, a Fegamp presentou un documento con "10 medidas urxentes" e advertiu que é "imprescindible" a inxección de fondos e unha maior coordinación entre administracións. "Cos nosos recursos propios non imos poder acometer todas as funcións que se nos están a encomendar. Ante unha situación extraordinaria necesitamos fondos extraordinarios coma o resto das administracións”, dixo Alberto Varela.