"É moi desalentador ter que enteirarse pola prensa de cantos positivos hai no noso concello". O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG) é unha das voces do ámbito municipal que, nas últimas semanas, maior énfase está a poñer na necesidade de que a Xunta informe os gobernos municipais sobre o número de casos do coronavirus que afectan a cada concello e, en xeral, que faga pública unha información á que, cando menos polo momento, só tivo acceso algún medio de comunicación.
"Non hai mellor momento ca este para actuar coordinados e para iso, quen ten a información, que é a Xunta, ten que dala"
Explica Suárez que a súa preocupación aumentou a pasada fin de semana, cando "algunhas informacións de medios de comunicación" indicaban que "Ribadeo e Burela eran os concellos con máis incidencia" na contorna da Mariña. No caso ribadense, especifica, "falábase de que podiamos ter entre 5 e 10". "De todo isto -resalta- non tivemos a mais mínima información fidedigna" ata que este luns puido contactar con responsables sanitarios do Hospital da Mariña.
"Acabo de falar con responsables do Hospital da Costa para preguntar o número de positivos que temos no noso concello" e "sorprendinme gratamente, porque o número, hoxe, é de tan só dous: nin cinco, nin dez, nin nada do que se publicou", sinalaba o rexedor este luns. "Á vista disto, penso humildemente que a situación sociosanitaria e a cidadanía merecemos que as Administracións esteamos coordinadas, e para iso temos que ter información fiable".
Nesta liña, lembra o alcalde de Ribadeo que durante o pasado verán, durante o brote da COVID-19 que derivou no confinamento perimetral de catorce concellos das comarcas da Mariña, "mandábanos aos alcaldes e alcaldesas información sistemática e obxectiva dos casos de cada concello". Esa debera ser a práctica habitual, considera Suárez; "así podemos actuar con dilixencia, non se xeran alarmas e se a situación é grave, a cidadanía ten dereito a sabelo". "Non hai mellor momento ca este para actuar coordinados e para iso, quen ten a información, que é a Xunta, ten que dala", conclúe.
Peticións dos concellos, da oposición e do CPXG
A Fegamp, cuxo presidente se reúne este martes con Feijóo, a oposición parlamentaria e o Colexio de Xornalistas tamén veñen reclamando á Xunta a publicación de datos abertos e completos sobre a evolución da pandemia en Galicia
A petición do alcalde de Ribadeo vai na liña do reclamado nas últimas semanas por outros concellos, polos dous grupos da oposición parlamentaria (PSdeG e BNG) e tamén pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Precisamente a entidade municipalista anunciaba a pasada semana que Sanidade accedera a informar os concellos dúas veces por semana sobre a COVID-19, pero só parcialmente. O presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, reúnese este martes día 6 con Alberto Núñez Feijóo, que a mediados de setembro volveuse negar a facer públicos os datos da evolución do coronavirus por concellos alegando que considera "perigosísimo" divulgar esta información.
O galego é un dos poucos gobernos autonómicos que non publica datos do coronavirus a nivel municipal ou comarcal. A súa política informativa sobre a pandemia é unha excepción aínda maior no contexto do Estado porque, ata o momento, tampouco informa sobre o número de casos novos de cada día nin fai pública a súa serie histórica da epidemia, malia dispoñer dela.
A divulgación desa información aos medios e á cidadanía en xeral tamén foi reclamada recentemente polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ata agora igualmente sen respostas. Non obstante, fontes próximas á Consellería de Sanidade apuntan a que o Goberno galego estaría a valorar a posibilidade de mudar esta política e abrir un chisco a man na difusión de datos, o que non implica necesariamente que opte polos datos abertos, a información municipal ou a publicación íntegra de toda a serie.