Os concellos rexeitan "a responsabilidade que a Xunta bota" sobre eles fronte ao coronavirus

Feijóo e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Fegamp lembra que o 60% dos municipios galegos non teñen policía local  e a Deputación de Lugo afea que o Goberno galego lles esixa actuacións pero non os informe das persoas afectadas en cada un

“A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) apoia aos concellos da Mariña Lucense e rexeita a responsabilidade en materia sanitaria que a Xunta de Galicia bota sobre os municipios illados polo brote do coronavirus”. Así se pronuncian os concellos galegos contra a decisión tomada este domingo pola Xunta de que no peche da Mariña polo brote de coronavirus “a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención [...] e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía corresponderán aos concellos”, segundo publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG). Unha crítica que foi secundada pola Deputación de Lugo.

Vista aérea de Burela, onde está o Hospital da Mariña CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral, Xunta de Galicia

Nun comunicado emitido este luns a Fegamp informa de que o seu presidente, Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, enviou unha carta ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que di que os concellos comparten a inquedanza do Goberno galego pero lembra “as limitacións -ou inexistencia nalgúns casos- de recursos humanos e materiais para levar a cabo as funcións que pretenden adxudicarlles. A Fegamp salienta que o 60% dos concellos galegos non teñen policía local e “outro significativo número teñen menos de cinco efectivos”.

Antes de facelo oficial no DOG deste domingo, xa o pasado venres a Xunta botou enriba dos concellos a responsabilidade de sancionar os incumprimentos da cidadanía.

A Fegamp solicita “medios e plans concretos de actuación, así como unha maior coordinación e participación na toma de decisións"

A Fegamp sinala que “ao longo desta crise sanitaria as entidades locais veñen asumindo funcións engadidas e incluso impropias, sen dispor de medios extraordinarios para o seu desenrolo”. A entidade que agrupa aos concellos e provincias galegos asegura que seguirá colaborando co Goberno galego pero lembra que “a responsabilidade sanitaria corresponde á Xunta de Galicia” polo que solicita “medios e plans concretos de actuación, así como unha maior coordinación e participación na toma de decisións, de xeito que a protección da saúde sexa por igual para todos os galegos e galegas independentemente da facenda local de cada concello”.

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, en videoconferencia con alcaldes e alcaldesas da Mariña © Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo afea que a Xunta esixa actuacións aos concellos pero non os informe de cantas persoas afectadas hai en cada un

Desde a Deputación de Lugo, cuxo presidente, José Tomé, se reuniu este luns por videoconferencia con alcaldes e alcaldesas da Mariña, trasladouse que as opcións que teñen os rexedores ante a orde da Xunta son, segundo os seus servizos xurídicos, catro: emitir un bando instando á cidadanía a cumprir o que pide Sanidade, enviar un escrito á consellería manifestando que non teñen posibilidade de executar o que se lles reclama, reclamar á Xunta que lles facilite os medios precisos e interpoñer un recurso xudicial contencioso-administrativo contra a orde da Xunta pero que tería un recorrido temporal moi longo.

O presidente provincial tamén afeou á Xunta que lle esixa actuacións aos concellos pero non lles facilite os datos de persoas afectadas en cada un. “Eu espero que o faga porque senón podiamos pensar que está agochando algo, e non quero pensar iso”, dixo Tomé.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.