As novas regras da pandemia pactadas con Madrid atinxen (sobre o papel) a Vigo, A Coruña e Ourense

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, o pasado 21 de setembro © Fernando Calvo / Goberno de España

Este mércores o Ministerio de Sanidade acolle unha nova sesión do Consello Interterritorial de Saúde, o órgano que xunta os responsables sanitarios das comunidades autónomas cos seus hómologos do Goberno central. O departamento que dirixe Salvador Illa porá sobre a mesa o que este mércores definiu como "principio de acordo" coa Comunidade de Madrid para que o Goberno desa autonomía dea en aceptar a aplicación de novas restricións para conter a pandemia. 

O "principio de acordo" con Madrid que aborda este mércores o Consello Interterritorial implica "limitar a mobilidade" en cidades con máis de 100.000 habitantes que superen varios limiares epidemiolóxicos

En esencia, ese pacto co Executivo que encabeza a popular Isabel Díaz Ayuso implica aplicar "criterios homoxéneos" para "limitar a mobilidade" en todas as cidades con máis de 100.000 habitantes que cumpran determinados parámetros epidemiolóxicos. En termos sanitarios, cando menos de momento, esas urbes están só na Comunidad de Madrid. En termos políticos, as regras de xogo para afrontar a COVID-19 mudan para cidades como Vigo, A Coruña e Ourense por mor da negociación con Madrid.

Reparto de máscaras nunha rúa de Vigo, a cidade máis poboada de Galicia © Concello de Vigo

O pactado responde ao reclamado por Ayuso no sentido de que as restricións adicionais non sexan só para Madrid, aínda que actualmente todas as cidades que cumpren todas as condicións están só nesa comunidade

Na súa comparecencia ante os medios, o ministro Illa tentou rebaixar o carácter bilateral da negociación e das novas medidas, condicionándoas a que "se chegue a un acordo" no Consello Interterritorial. Por iso, afirmou, contactou durante o martes con conselleiras e conselleiros doutras autonomías, que se amosaron, dixo, "propicios" a adoptar o pacto. O bosquexo de documento que debaterá coas autonomías, adiantado por eldiario.es, inclúe medidas alén da mobilidade para estes casos, con accións relativas a capacidade de locais ou horarios de peche, algunhas semellantes ás que xa se aplican en Galicia para os concellos con restricións reforzadas.

En esencia política, o pactado responde ao reclamado pola propia Ayuso nun sentido: que se hai restricións adicionais, non sexan só para Madrid malia estar en peor situación. Os números, pola contra, trazan un retrato robot con acento madrileño: entrarían nesas restricións "homoxéneas" as cidades con máis de 500 novos casos do coronavirus por cada 100.000 habitantes nos últimos catorce días nas que o número de novos casos equivallan a máis do 10% das PCR realizadas e en territorios onde máis do 35% das prazas de coidados intensivos estean ocupadas por casos da COVID-19. E iso, na actualidade, só sucede en Madrid.

Neste escenario, cando menos de momento, no caso de quedar definitivamente instauradas as novas normas para aplicar restricións, as tres cidades galegas con máis de 100.000 habitantes unicamente cumprirían ese criterio, o do número de persoas censadas. Nos últimos días, segundo transcendeu -a Xunta segue sen informar do número de novos casos do coronavirus por concellos ou comarcas, o cal foi considerado por Alberto Núñez Feijóo como "perigosísimo"-, unicamente unha cidade galega, Pontevedra, se aproximou recentemente á devandita incidencia de 500 casos, pero non chega ás cen mil persoas.

Ademais, atendendo á información divulgada polo propio Ministerio, Galicia está lonxe do resto de parámetros do que sería o novo baremo. Os datos máis recentes apuntan a unha taxa de positividade do 5,7% das PCR realizadas e o número de camas UCI ocupadas por pacientes con test positivo do coronavirus rolda o 4%. [Feijóo insinúa falta de "prudencia" das autonomías que publican datos da COVID-19 abertos e por territorios]

A Fegamp di que a Xunta accede a informar aos concellos dúas veces á semana

A entidade municipalista resalta que a "información epidemiolóxica" que a Xunta lle vai trasladar non é "exactamente" a reclamada, pero "calquera apertura informativa é un avance"

Se finalmente saen adiante as novas regras bosquexadas bilateralmente entre o Goberno de España e a Comunidade de Madrid, cobraría aínda máis importancia unha información que en Galicia continúa sen ser pública por decisión da Xunta: a incidencia da pandemia por concellos. Esta información vén sendo reclamada pola oposición parlamentaria e entidades como o Colexio Profesional de Xornalistas, pero tamén polos propios concellos individualmente e a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Precisamente a Fegamp informaba o pasado martes que, tras unha conversa con "responsables da Consellería de Sanidade", o presidente da entidade e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela (PSdeG), viña de lograr que a Xunta traslade aos concellos dúas veces por semana (mércores e venres) algunha "información epidemiolóxica" a nivel municipal. Será a Fegamp a que reciba os datos da Xunta e os transfira ás entidades locais.

A entidade municipalista considera esta decisión un avance, pero pequeno. "Os datos comprometidos pola Xunta non se corresponden exactamente cos reclamados pola Fegamp", pero "calquera apertura informativa é un avance na contención da pandemia", sinala. "É imprescindible que os responsables municipais dispoñamos dos datos adecuados o máis actualizados posible para adoptar medidas e ter previsións", evidencian.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.