Ourense e Pontevedra manteñen a maior incidencia da Covid en Galicia nun día de datos á baixa polo efecto da fin de semana

©

Dende o inicio da pandemia, a fin de semana adoita deixarnos cifras máis reducidas de novos diagnósticos de coronavirus. Un menor ritmo de realización de probas e de notificación de resultados que converte os luns no día da semana con menos casos. Así foi de novo hoxe, no que a Consellaría de Sanidade vén de comunicar un incremento de 141 novas infeccións en Galicia, a cifra máis baixa dende as 122 do pasado 18 de agosto. 

O efecto da fin de semana reduce as cifras de novas infeccións este luns, pero a tendencia en todo o mes de setembro é a unha redución da incidencia en Galicia

Cómpre contextualizar o dato deste luns no referido efecto fin de semana, pois tamén se reduciu o número de PCR realizadas, que nos últimos cinco días superaran os 5.500 tests diarios e que este domingo baixaron ata as 4.353. Porén, é certo que o número de novos diagnósticos en Galicia é moito máis baixo que o notificado nos últimos inicios de semana. E, por exemplo, hai 14 e 7 días, cun número de PCR mesmo inferior (3.478 e 4.147), a cantidade de positivos detectados foi superior (209 e 194).

Dúas novas mortes elevan a 731 a cifra total de falecementos dende o inicio da pandemia

Os 141 novos casos notificados este luns fan que a media diaria de novas infeccións na última semana descenda ata os 228,71, mantendo a tendencia á baixa iniciada o 1 de setembro, cando os valores medios roldaban os 275 casos ao día.

Este luns, por desgraza, increméntase tamén o número de falecementos relacionados co coronavirus, con dúas novas defuncións en Galicia, que elevan a 731 a cifra total de mortes dende o inicio da pandemia. A última persoa falecida nun centro hospitalario foi un varón de 61 anos, que estaba ingresado no HULA de Lugo. Ademais, na xornada de onte rexistrouse un falecemento nunha residencia de maiores, en concreto no centro de Las Salinas (Ourense).

Este luns descende tamén o indicador de casos activos manexado pola Consellaría de Sanidade, que pasa de 4.432 a 4.353, debido principalmente ao incremento de 'altas' ou 'curacións', que pasan de 18.316 a 18.534.

En canto ás PCR realizadas, o seu número este luns baixa ata as 4.353, por mor do efecto fin de semana. A media nos últimos 7 días continúa a ser moi elevada (5.516 tests diarios), por mor das elevadas cifras das últimas xornadas, nas que se chegaron as superar as seis mil probas diarias.

A taxa de positividade (porcentaxe de PCR cun resultado positivo) sitúase en Galicia no 6,1%, segundo os datos oficiais do Ministerio de Sanidade correspondente aos sete días anteriores. A media española está no 12,1% (era do 12,8% hai unha semana) e en Madrid chega ao 22,1%. Tan só Asturias, Canarias e Euskadi presentan unha taxa de positividade inferior á de Galicia.

O número de persoas infectadas polo coronavirus que se atopan hospitalizadas mantense estable nas últimas semanas

Dos 4.353 casos activos, a maioría (4.111) atópase en corentena nos seus domicilios, con síntomas leves. O número de persoas infectadas polo coronavirus que se atopan hospitalizadas mantense estable nas últimas semanas, aumentando este luns de 231 a 242. 32 delas están nas UCI (un menos ca onte) e 210 (198 onte) noutras unidades de hospitalización. 

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, o 3,12% das camas dos hospitais galegos están ocupadas con pacientes de Covid-19. Trátase da segunda porcentaxe máis reducida en todo o Estado, lonxe do 8,14% da media española e máis aínda dos datos da Comunidade de Madrid (25,43%). En canto ás camas das UCI, o 4,48% están ocupadas en Galicia, moi por debaixo da media española do 17,17%, que chega ao 40% en Madrid e ao 37,5% na Rioxa.

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, 344 usuarios e usuarias están infectadas, o mesmo que 140 traballadoras e traballadores

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, 344 usuarios e usuarias están infectadas, o mesmo que 140 traballadoras e traballadores. Son cifras lixeiramente inferiores ás de onte (342 e 139), a pesar da incorporación de cinco novos casos: 3 usuarios da residencia de maiores DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), 1 usuario da residencia de maiores Las Salinas (Ourense) e 1 traballador da residencia de atención á discapacidade Pai Menni (Betanzos).

O Fogar residencial El Pinar (Culleredo), a Residencia Ballesol (Oleiros), a Residencia O Incio (O Incio), e Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei) e a Residencia Nosa Señora do Viso (Lobeira) seguen a ser os centros cun maior número de persoas infectadas.

A área sanitaria da Coruña descende por debaixo dos mil casos activos por primeira vez dende o pasado 19 de agosto

Por áreas sanitarias, dos 4.353 casos activos, 999 son da área da Coruña (47 menos ca onte), 552 da de Lugo (37 menos), 743 da de Ourense (15 máis), 811 da de Pontevedra (15 menos), 512 da área de Vigo (a mesma cifra ca onte), 583 da de Santiago (6 máis), e 153 da de Ferrol (1 menos).

Neste luns chama a atención o feito de que a área sanitaria da Coruña descende por debaixo dos mil casos activos por primeira vez dende o pasado 19 de agosto, nunha tendencia á baixa que iniciou a comezos deste mes de setembro. Tamén a área sanitaria de Lugo leva case vinte días sumando máis altas que novos casos.

Pontevedra (277 casos por cada 100.000 habitantes) e Ourense (243 casos) son as áreas cun maior número de infeccións nos últimos 14 días

Pola contra, Ourense e Pontevedra manteñen tendencias opostas, cun incremento sostido nas súas cifras de casos activos (aínda que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés reduce os seus datos por primeira vez nun mes). Esta tendencia negativa converteu a Pontevedra (277 casos por cada 100.000 habitantes) e Ourense (243 casos) nas áreas cun maior número de infeccións nos últimos 14 días.

Pola contra, a mellora experimentada pola Coruña e Lugo fai que xa se atopen preto da incidencia media no conxunto de Galicia (163). Santiago e sobre todo Vigo e Ferrol (estas dúas por debaixo de 100 casos) están moi por debaixo desa media galega.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.