Os novos casos de coronavirus estabilízanse no conxunto de Galicia pero as áreas de Pontevedra e Ourense seguen a empeorar

CC-BY-SA Praza Pública

A última xornada, con dous novos falecementos, os dous ligados a residencias de maiores, e unha lixeira redución da hospitalización, foi a terceira consecutiva con máis de 6.000 probas PCR

A Xunta non ofrece datos dos novos casos de coronavirus que se rexistran cada día en Galicia, cifra que hai que calcular cruzando a evolución dos casos activos coas altas e os falecementos. Con ese procedemento sábese que na última xornada o Sergas incorporou 230 novos casos ao global de persoas infectadas en toda Galicia desde o comezo da pandemia, cifra que vai na liña da media de casos semanais que se vén rexistrando nas últimas semanas e que parece amosar unha progresiva tendencia descendente.

Eses cálculos de novos casos diarios non sempre se poden realizar en cada unha das áreas sanitarias, pero incluso limitando a análise aos casos activos, a cifra de referencia para a Xunta, pódese concluír que a evolución non está a ser tan boa nas áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Ourense.

Na área sanitaria de Ourense os casos activos aumentaron un 38% na última semana, e na de Pontevedra-O Salnés un 25%

No caso de Ourense os casos activos pasaron na última semana dos 527 dos que informaba a Xunta no seu parte do pasado domingo 20 de setembro aos 728 comunicados este domingo 27, un aumento do 38%. En Pontevedra-O Salnés o aumento na última semana é de 658 a 826, un 25% máis

A situación nesas dúas áreas sanitarias contrasta coa estabilización ou tendencia á baixa do resto de áreas, ás que xa superan amplamente ao analizar a incidencia de casos por cada 100.000 habitantes

No global de Galicia rexistráronse na última xornada dous novos falecementos, os dous de persoas que vivían en residencias de maiores, co que xa son 320 ese tipo de mortes do total de 729 contabilizadas no país desde o comezo da pandemia.

Tamén se rexistrou o terceiro día consecutivo con máis de 6.000 probas PCR nunha única xornada, 6.107 na última tras o récord de 6.585 dun día antes.

A situación mellora na hospitalización, en liña coas lixeiras mellorías que xa se viñan rexistrando nas últimas xornadas, con dúas persoas menos en UCI (33) e tres menos en planta (198)

A situación mellora no último parte deste domingo na hospitalización, en liña coas lixeiras mellorías que xa se viñan rexistrando nas últimas xornadas, con dúas persoas menos en UCI (33) e tres menos en planta (198). E estabilízase nas residencias, con 318 casos entre as persoas usuarias dun total de once centros de maiores e 24 en dous centros de dependencia. Entre o persoal, son 119 os traballadores de centros de maiores afectados (dous máis que na xornada previa) e 20 nos centros de discapacidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.