Os novos casos da COVID-19 volven asentarse na contorna dos 240 no día con máis PCR dende o inicio da pandemia

A técnica do 'pooling' (na imaxe, equipamentos no laboratorio de Microbioloxía de Vigo para realizala) permite procesar un maior número de mostras para as probas PCR CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

A segunda vaga da pandemia do coronavirus encara os últimos días de setembro en Galicia regresando á senda da relativa estabilidade que semellara abandonar nas xornadas previas. Os datos difundidos este 25 de setembro pola Consellería de Sanidade, correspondentes ao xoves 24, apuntan a que a cifra de novos positivos detectados regresa á contorna dos 240 e faino na xornada con máis probas PCR procesadas dende o comezo da epidemia.

A media semanal de casos diarios descende ata os 237 no segundo día da semana sen novos falecementos ligados ao coronavirus

O comunicado diario da Xunta indica que os "positivos activos" por COVID-19 son agora 4.452, nove menos que o día anterior pola suma de 230 "curacións" -altas hospitalarias e epidemiolóxicas e posibles positivos en test de anticorpos de persoas sen síntomas-. Deles, 474 están ligados a residencias de maiores e persoas con discapacidade (340 residentes e 134 membros do cadro de persoal).

O feito de que na última xornada non se rexistrasen falecementos de persoas co coronavirus (por segunda vez na semana) permite calcular que o número de casos novos é 221 -o Goberno galego non ofrece o dato directamente-. Así, a media semanal descende agora a 237 positivos por xornada.

Que a cifra de novos casos non se dispare neste día resulta relevante polo elevado número de probas PCR procesadas e malia a existencia de novos brotes coñecidos, como o que afecta a unha empresa avícola en Cambados, e ao aumento de positivos nos centros de ensino (xa son 219, vinte máis). Segundo o Sergas, o total chega a 452.649, o que implica que nas últimas vinte e catro horas foi computado o resultado de ata 6.551. É un novo máximo dende o comezo da pandemia e a primeira vez que se supera a cifra de 6.000 PCR realizadas nun só día en Galicia, segundo os datos oficiais.

O número de PCR procesadas supera por primeira vez as 6.000 nun só día

O alto número de probas realizadas provoca que descenda outro dos indicadores considerados máis relevantes no seguimento da pandemia, que a Xunta tampouco difunde directamente. Os 221 novos casos equivalen ao 3,37% das probas PCR realizadas. Isto supón estar notablemente por baixo do limiar do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como límite para dar a pandemia por controlada nun territorio determinado. Non obstante, a negativa da Xunta a abrir os seus datos e a publicar as súas series históricas da COVID-19 segue obrigando a interpretar o dato con cautela, xa que non existe a garantía de que todos os casos novos e probas sexan do mesmo día.

O incremento na capacidade de realización de probas PCR está vinculado, entre outros aspectos, ao uso de tecnoloxías como o pooling, a técnica que -explica o Sergas- "permite analizar nun único test as mostras de varios pacientes", ata agora dunha vintena, "multiplicando a capacidade de avaliación". Esa técnica vénse realizando na área sanitaria de Vigo dende hai uns catro meses e dende esta semana está concentrado nun único laboratorio de Microbioloxía, tras o remate das súas obras -visitadas este venres polo presidente da Xunta e os responsables da área sanitaria e da propia Consellería-.

Incremento da hospitalización

As novas relativamente boas do número de casos e do incremento de capacidade diagnóstica non o son tanto ao atender ás cifras de hospitalización. As cifras do Sergas, que non informa do número de novos ingresos, indican que a foto fixa da presión hospitalaria reflicte este 25 de setembro 242 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19. Trinta e dúas están na UCI (dúas menos) e 210, en unidades ordinarias de hospitalización (dez máis).

O Ministerio de Sanidade indicaba este xoves que Galicia rexistrara 142 ingresos polo coronavirus na última semana, cunha ocupación do 3% do total de camas hospitalarias

Este indicador, como o dos "positivos activos", está intimamente ligado ao das altas. Por iso é relevante o número de novas hospitalizacións, que a Xunta non revela pero que si que é posible coñecer a través do Ministerio de Sanidade (aínda que cun día de demora a respecto do parte do Sergas). No parte publicado este xoves, o departamento estatal indicaba que no día previo, o mércores, se produciran ata 40 novos ingresos en Galicia de persoas coa COVID-19 e cifraba en 142 as hospitalizacións novas dos últimos sete días. 

Segundo o Ministerio, os casos de pacientes con test positivo de coronavirus supuñan este xoves o 3,06% das camas hospitalarias de Galicia (a media estatal está no 9%) e o 4,34% das UCI dispoñibles (a media estatal chega ao 17,02%).

A área de Pontevedra-O Salnés segue á alza

Por áreas sanitarias, único nivel territorial sobre o que informa a Xunta e só en termos de "positivos activos", a peor evolución continúa sendo a de Pontevedra-O Salnés, cuxas cifras se viron incrementadas na última xornada polo surto na empresa Avícola de Galicia (Cambados) con case 100 positivos. Os "positivos activos" desta área aumentan en 24 pero os casos novos son 34 -segundo puido confirmar Diario de Pontevedra coa área sanitaria-. Un número semellante, 33, son os casos novos da área sanitaria que segue tendo máis en termos absolutos, a da Coruña.

A mala evolución da área de Pontevedra-O Salnés nas últimas xornadas mantéñena como a que rexistra un maior número de casos "activos" por cada 100.000 habitantes (algo máis de 267). Tamén están por riba dos 200 casos Ourense (218) e A Coruña-Cee (201). Nesta liña, este venres o subcomité clínico que segue a evolución da pandemia en Galicia decidiu este venres incorporar Vilanova de Arousa aos concellos con restricións para tentar frear os contaxios.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.