Na última xornada aumentaron en 39 os casos positivos pero baixaron en tres as aulas pechadas
39 positivos máis, ata un total de 258, pero tres aulas pechadas menos, 51, é a situación do impacto do coronavirus nos centros educativos non universitarios de Galicia segundo os datos divulgados pola Xunta este sábado correspondentes ao venres, último día lectivo da semana.
Tras comezar o pasado sábado, unha semana despois do inicio do curso en Infantil e Primaria, a informar da situación nos centros educativos, este sábado, despois de iniciarse xa as aulas presenciais tamén en secundaria e FP, son 185 os centros educativos de todo tipo, dos máis de 1.300 existentes en Galicia, nos que se rexistra algún caso entre o alumnado ou o profesorado.
Son 185 os centros educativos de todo tipo, dos máis de 1.300 existentes en Galicia, nos que se rexistra algún caso entre o alumnado ou o profesorado.
Seis centros teñen dúas aulas pechadas, pero ningún dos centros está pechado por completo. As peores cifras rexístranse no CEIP As Mercedes de Ourense, con 8 positivos, tres máis que un día antes, e unha aula pechada. Por detrás o CPR Calasancio de Pontevedra, rebaixa a súa cifra a 5 positivos (entre o profesorado) e ningunha aula pechada, mentres que tamén en Pontevedra o CEIP Praza de Barcelos ten dúas aulas pechadas e catro positivos, mesma cifra de casos que o CPI Mosteiro de Meis e o CPR María Auxiliadora de Vigo, os dous cunha aula pechada.
Canto aos concellos, as cidades máis poboadas seguen a ser as que presentan un maior número de casos nos seus centros educativos, con Ourense e A Coruña á cabeza.