A Xunta adía o curso de Secundaria e FP e os institutos reciben orde de reducir a distancia de seguridade a un metro

Concentración este venres no IES Lucus Augusti, en Lugo, reclamando "seguridade" na volta ás aulas CC-BY-NC CIG-Ensino

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou este venres o adiamento dunha semana no inicio do curso na Educación Secundaria. O alumnado da ESO, Bacharelato e Formación Profesional volverá ás aulas o día 23, mércores, xusto sete días despois da data contemplada inicialmente e para a que estaba convocada a segunda xornada de folga no ensino. Institutos e centros de FP enfróntanse agora a unha ″volta atrás″ na normativa e recuperan o distanciamento de un metro nas aulas, segundo lles está a comunicar a Inspección educativa.

As clases comezarán unha semana máis tarde, un tempo que os centros deberán investir en mudar a organización do curso debido á redución da distancia de seguridade ditada agora pola Xunta e a instalación de mamparas nas aulas

Rodríguez alega ″problemas organizativos″ nos institutos e centros de FP ″para cumprir o protocolo que se aprobou o 28 de agosto por parte dos ministerios de Sanidade e Educación, xunto coas comunidades autónomas, que inclúe unha variable que modificou o gran traballo que se viña desenvolvendo nos centros educativos para adaptar as medidas hixiénico-sanitarias″. Así xustificou un atraso que demandaron oito institutos de Santiago por escrito ao que se sumaron varios centros da área de Pontevedra, da Coruña e do Barbanza, entre outros.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciando o atraso no inicio do curso en Secundaria e FP CC-BY-NC Conchi Paz / Xunta de Galicia

O novo titular de Educación culpou á distancia de seguridade de 1,5 metros para Secundaria e FP, asinada tamén pola súa antecesora no cargo, Carmen Pomar, co Goberno español, e incorporada pola Xunta ao seu protocolo coas instrucións publicadas o pasado 31 de agosto. ″Isto, a finais de agosto, trastocou absolutamente os plans dos centros de Secundaria porque viron cambiadas as súas regras de xogo e viron dificultada a adaptación posible ás medidas sanitarias orientadas a facer das aulas e dos centros educativos un lugar seguro″, sostivo.

Esta semana de marxe para o comezo das clases vaise aproveitar para ″profundar″ na posibilidade de avanzar cara a ″semipresencialidade″ do ensino, abundou o conselleiro, ou no ″uso, en casos concretos, de mamparas para acondicionar os espazos educativos e dotalos de máis seguridade″, un punto que matizou sinalando que se refería ″tanto a aulas como a talleres de FP″. Medidas orientadas, como relatou Román Rodríguez, a ter unha organización máis ″coherente″ do espazo educativo seis meses despois do inicio da pandemia, ″implementar″ as medidas hixiénico-sanitarias, dar unha maior certeza para que o curso se inicie ″con todos os deberes feitos″ e ″adaptar a oferta docente do centro a unha realidade que mudou dun xeito radical″.

A exposición de motivos que realizou o conselleiro este venres non se corresponde coas instrucións que nas últimas horas están a recibir os institutos galegos por parte da Inspección educativa, o seu interlocutor principal na Consellería. O director do IES Lucus Augusti de Lugo, Carlos Cazón, asegura que durante o claustro celebrado no centro na tarde deste xoves recibiron a chamada do inspector para comunicarlles que desbotaran a distancia de seguridade de 1,5 metros entre os rapaces e rapazas nas aulas, para volver ao metro de separación ditado no primeiro protocolo para o regreso a clase que a Xunta publicou hai agora dous meses.

"Estamos cambiando mamparas por profesorado?", pregúntase o director do IES Lucus Augusti

″A nós parecíanos máis razoable unha maior flexibilidade e desdobrar as aulas, íamos ir a un horario de tarde para evitar a confluencia de tanto alumnado nun mesmo espazo″, sinala Cazón, con máis de 600 alumnos matriculados no seu centro. No IES Lucus Augusti, que acolleu unha concentración este venres, lembran que a propia Consellería ofertou aos centros a posibilidade de realizar eses desdobres e de solicitar un incremento do profesorado para levalos a cabo. 

″Para aumentar o número de grupos pedimos sete profesores a maiores, consideramos que era unha cousa máis que razoable. Faltaba o visto e prace definitivo da inspección para que nós puidéramos organizar as aulas. Agora supoño que todo isto xa non vale para nada. Trátase de primar a seguridade ou que primamos? Estamos cambiando mamparas por profesorado?″, cuestiona este docente.

Como xa alertaron o pasado xoves os sindicatos do ensino, nos centros confirman que se están a botar abaixo as peticións de docentes a maiores para este curso excepcional. ″Non sei se o están mirando en termos económicos, pero aquí non se está a primar a saúde da comunidade educativa. Só hai que ver o amoreamento que se produce nas aulas con esta nova disposición dun metro de distancia, con mamparas aos lados, para reducir o profesorado″, salienta Cazón, ″antes tiñamos unha disposición de entre 15 e 20 alumnos por clase e agora podemos meter ata 40 se queremos″. 

″Temos agora un tempo precioso para ir adecuando os recursos ás necesidades e ir adecuando a oferta de profesorado ás demandas dos centros″, dixo o conselleiro

Este venres, Román Rodríguez non soubo precisar o número de docentes que vai contratar a Xunta e escudouse en que ″o máis importante é o aval de Sanidade para ter un curso seguro″. ″Temos agora un tempo precioso para ir adecuando os recursos ás necesidades e ir adecuando a oferta de profesorado ás demandas dos centros″, engadiu.

Sobre como se van incluír esas mamparas nas aulas tampouco hai resposta da Consellería. ″Cando preguntas que tipo de mampara, se hai algún tipo de normalización a respecto diso, por que lado se coloca, se por un lado ou polos dous... non saben nada″, indica o director do IES Lucus Augusti. O director do CIFP Ferrolterra, Enrique Clemente, que compareceu este venres xunto ao conselleiro de Educación após a reunión que deu lugar ao adiamento das clases, apuntou que esta semana de marxe irá ben porque ″non se dá feito metacrilato para todos os centros tan rápido″.

Rodríguez sostivo que desde o seu departamento son conscientes de que este atraso no comezo das clases para os maiores de 11 anos será ben acollido polos centros, aínda que pode xerar dificultades de conciliación para as familias. ″Pídolle ás familias que sexan comprensivas e o seu apoio para comezar un curso seguro″, trasladou. Neste sentido, avanzou que ″aproveitarán″ esta semana para ″profundar″ a formación do profesorado ″no ámbito da seguridade sanitaria″.

CIG-Ensino salienta, despois da reunión coa Consellería, que a Xunta non descarta que a semipresencialidade poida chegar á ESO

Por outra banda, cuestionado polos ceses na cúpula do seu departamento ratificados polo Consello da Xunta, Román Rodríguez manifestou que ″en política a vida é así, hai cambios, hai substitucións pero o máis importante é mirar cara adiante″. ″Ninguén dubida que os próximos meses vai haber unha crise económica sen precedentes -argumentou- e estamos traballando para que esta situación non afecte á Educación, para que non haxa unha crise educativa: nin nas variables que miden a calidade do sistema, nin na equidade″.

O novo secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, citou aos representantes de sindicatos e Anpas a unha xuntanza de última hora este venres. Desde a CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector, manifestaron que Vila sinalou que ″en principio″ a semipresencialidade se adoptaría en ensinanzas non obrigatorias como Bacharelato e ciclos medios e superiores, pero ″sen descartar que puidera ser aplicada en Secundaria″. Con respecto ás mamparas, apuntan que ″simplemente aludiu á autonomía dos centros″ e que volveu recorrer a esa ″autonomía″ a respecto da contratación de profesorado.

Aula do IES Lucus Augusti, en Lugo CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Nais e pais solicitan ″desdobres″ en Melide

Nun escrito remitido ao inspector de Educación da área do CEIP Nº1 de Melide, as nais e pais do alumnado de 3º de Primaria reclaman que os 25 alumnos se repartan en dúas clases ao alegar a ″imposibilidade de gardar as distancias de seguridade recomendadas dentro da aula″. Explican que neste nivel educativo hai catro nenas e nenos en ″situación de vulnerabilidade con enfermidades crónicas e incurables″, que son consideradas como de ″risco″ perante a COVID-19. Ademais, indican que non hai ″outro espazo dispoñible máis grande″ no centro ″debido ás obras que se comezarán a realizar de forma inminente″.

Román Rodríguez considera que o regreso ás aulas en Educación Primaria transcorreu con "certo éxito" no contexto da COVID-19

Para o conselleiro de Educación o inicio do curso en Primaria resolveuse ″con certo éxito″ debido a que ″o marco xeral se mantivo″ e defendeu que ″é unha responsabilidade de todos″, da Administración, dos equipos directivos dos centros e das familias, que este sexa ″un curso seguro″.

A respecto da folga, convocada por CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF, apoiada polas plataformas de pais e nais Anpas Galegas e Confapa, e polas organizacións do estudantado Erquer e Anega, incidiu en que houbo un seguimento ″entorno a un 12,5%″, para engadir: ″é dicir, que houbo unha gran responsabilidade do profesorado e das familias″. O comité de folga levou a resolución dos servizos mínimos decretados ao TSXG, que avalou o ditado pola Xunta, polo que considerou que non se pode facer un "seguimento real" da convocatoria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.