A conselleira de Educación máis breve de Feijóo deixa tras de si un ronsel de conflitos

Toma de posesión de Carmen Pomar, en 2018, como conselleira de Educación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Carmen Pomar, a conselleira de Educación máis breve dos Gobernos de Alberto Núñez Feijóo, saltou do Executivo este domingo, a catro días de que dea comezo o curso escolar máis incerto por mor da pandemia da COVID-19. Pomar, profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación na Universidade de Santiago de Compostela (USC), chegou á Xunta coa remodelación provocada polas eleccións municipais de maio de 2019, cando Feijóo aproveitou para liberar a Román Rodríguez das súas responsabilidades en ensino coa intención de que se centrase no Xacobeo 2021. Uns cambios que chegaron a San Caetano tras a moción de censura que desaloxou o PP do Goberno de España.

A profesora da USC é relevada polo presidente da Xunta tras menos de dous anos e devolve "a batuta" a Román Rodríguez en medio dun dos maiores conflitos entre a Consellería e a comunidade educativa galega 

Feijóo non só destitúe a Pomar para esta nova lexislatura, tamén dá marcha atrás na súa decisión de converter Educación nun departamento propio e volve incluír este eido xunto ás competencias de Cultura. Desta maneira, menos de dous anos despois, recupérase a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, da que volve ocuparse Román Rodríguez, como xa fixera entre os anos 2015 e 2018. Antes, entre 2009 e 2015, a Consellería estivo dirixida por Jesús Vázquez, agora senador, após catro anos como alcalde de Ourense ata as últimas municipais, cando o PP pactou con Democracia Ourensana para repartirse a alcaldía, para Gonzalo Pérez Jácome, e a Deputación, para José Manuel Baltar.

ANPAS GALEGAS e CONFAPA únense á folga convocada por CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF CC-BY-NC CIG-Ensino

A resposta do departamento dirixido por Pomar na pandemia derivada do coronavirus vai precedida das críticas pola súa ″inacción″, pola presentación dun protocolo de volta ás aulas a finais de xullo ″fóra da realidade″ e pola convicción desde os sindicatos de que a finalidade da Xunta é o ″custe cero″. As dúas confederacións a nivel galego de anpas de centros públicos, Anpas Galegas e Confapa, e os sindicatos do estudantado Erguer e Anega, veñen de sumarse á convocatoria de folga por un ensino presencial seguro convocada para este xoves, día 10, e para o 16, polo sindicato maioritario no sector, CIG-Ensino, e mais CCOO, STEG e CSIF. 

CIG-Ensino, CCOO, STEG, CSIF, Anpas Galegas, Confapa, Erquer e Anega apoian a folga no ensino dos días 10 e 16

"Non podemos aceptar un modelo de retorno ás clases que veña condicionado polas dificultades organizativas e económicas que a Consellería de Educación está impondo nos centros escolares galegos", aseguran nun comunicado conxunto Confapa e Anpas Galegas, no que rexeitan o distinto tratamento que se dá ao alumnado de Primaria e Secundaria, esixen persoal de limpeza cualificado nos centros, unha dotación orzamentaria axeitada para as novas necesidades das escolas e que sexa a Xunta a que deseñe as normas e ese labor non recaia nos equipos docentes. "Deamos o salto a aulas máis equilibradas e asumíbeis, con ratios máis baixas e cunha menor proporción de alumnado por docente".

Este luns, na súa despedida durante a toma de posesión do novo equipo de Goberno de Feijóo en San Caetano, Pomar sostivo que ″os adeus e o dó son fundamentais para pechar unha páxina e dar paso sempre a outra″, asegurando que pechaba ″un ciclo″ con ″moita ilusión″. Entre os seus agradecementos ao equipo da Consellería, referiuse a ″toda a comunidade educativa″, coa que non se reuniu desde que se publicou o protocolo "unilateral" para o inicio do curso. Tamén tivo palabras para o propio Feijóo, quen xustificou a súa saída como unha medida para crear unha Consellería de Emprego e Igualdade ″sen aumentar″ o número de departamentos: ″A Educación foi, e será, sempre a miña paixón. E poder desempeñar este cargo grazas á túa confianza foi unha gran honra″.

Pomar tivo palabras de agradecemento para a comunidade educativa na súa despedida a pesar de non acceder ás súas peticións de reunión

A elección de Pomar, doutora en Psicoloxía e especialista en educación para persoas con altas capacidades, foi unha aposta de Feijóo en 2018 por un perfil máis técnico para este departamento. Sen experiencia política, entrou na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coa encomenda de impulsar a FP no país, e nestes 23 meses o seu departamento protagonizou varios enfrontamentos coa comunidade educativa que foron previos á volta ás aulas coa COVID-19.

Pomar na súa visita ao CEIP San Tomé de Cambados para supervisar as medidas fronte ao coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Carmen Pomar mantivo en vilo a milleiros de opositores coa covocatoria da Oferta Pública de Emprego (OPE) para Educación de 2020, que finalmente retrasou a 2021, aínda que os prazos de matrícula xa publicados para os exames que se tiñan que ter celebrado o pasado mes de xuño si que se mantiveron. Galicia foi a última comunidade autónoma en decidir aprazar as oposicións docentes, fíxoo máis dun mes despois de que se decretase o estado de alarma pola crise sanitaria e a menos de dous meses das datas previstas para os exames. Pomar realizou este anuncio na súa única comparecencia na Deputación Permanente desde que comezou a pandemia, na que culpabilizou ao Goberno central do adiamento por non ter facilitado ″datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade″.

No seu mandato, empeorou significativamente a relación da Xunta coas tres universidades galegas a causa do apoio ao proxecto de apertura da primeira universidade privada de Galicia, a Universidad Intercontinental de la Empresa, impulsada por Abanca a través de Afundación, que contou co visto bo do Consello Galego de Universidades e chegou ao Parlamento, aínda que non tivo tempo de aprobarse polo adianto electoral. Os reitores das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña uníronse contra este centro privado e incidiron na necesidade ″dun novo sistema de financiamento que proporcione autonomía, suficiencia e estabilidade financeira″ ao Sistema Universitario de Galicia. Ademais, Pomar tratou de instaurar un plan para unha maior dixitalización do ensino universitario que se viu obrigada a retirar pola resposta contraria tanto dos docentes como do alumnado.

A agora ex conselleira de Educación, durante unha visita a unhas obras nun centro escolar © Xunta

Por conflitos herdados, neste caso pola creación dunha praza ad hoc por parte da Consellería de Educación na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra no ano 2016, Pomar tivo que facer fronte a unha sentenza do TSXG na que se acusa de ″nepotismo″ ao seu departamento, naquel momento en mans de Román Rodríguez (ás que agora regresa), e se recolle que existiu ″desviación de poder″, ″torcida intencionalidade″ e "ocultismo" na actuación do Goberno galego con esta praza que ocupou a cuñada de Susana López Abella, entón Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta.

Por outra banda, a falla de previsión da conselleira xa foi criticada pola comunidade educativa no inicio do pasado curso, cando moitos centros de ensino voltaron ás aulas aínda en obras. ″Hoxe despídome con moito bo e xeneroso ás miñas costas e coa satisfacción de ter experiencias, todas elas inesquecibles, desde as máis cotiás ata as máis solemnes″, salientou Carmen Pomar este luns ao devolverlle ″a batuta″ a Román Rodríguez e pór fin a súa primeira experiencia política. Resta saber se agora continuará como deputada no Parlamento, pois presentouse no número 13 da lista pola Coruña e resultou elixida, ou se regresará á universidade. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.