"A nosa vontade é manter o proceso, xa que aínda se está en prazo para levalo a cabo", di Carmen Pomar nunha carta enviada aos sindicatos. Porén, afirma que nunhas semanas podería revisar os prazos
"No caso de non prorrogarse o estado de alarma, o Goberno galego "estaría en prazo para levar a cabo o procedemento con normalidade". A posición da Xunta de Galicia sobre a realización das oposicións do profesorado previstas para o mes de xuño semellaba clara hai uns días, apostando por manter as datas previstas sempre que non houbese novas prórrogas nas medidas extraordinarias adoptadas para loitar contra o coronavirus, e deixando a porta aberta a aprazar as probas se o estado de alarma se estendía.
Porén, a pesar de que o Goberno central xa anunciou a súa intención de prorrogar o estado de alarma ata o día 26 de abril (unha medida que debe ser aprobada polo Congreso este xoves), a Xunta de Galicia amosa agora a súa posición favorable a manter a data das oposicións en xuño, mudando por completo a posición declarada ata hai uns días.
Galicia convértese así na única comunidade autónoma que aposta por manter as datas das oposicións do profesorado antes do verán
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, remitiu unha carta aos sindicatos na que afirma que "a nosa vontade é manter o proceso, xa que aínda se está en prazo para levalo a cabo". Porén, a carta mantén a incerteza sobre a data definitiva de realización das probas, pois deixa aberta a "revisión dos prazos" á análise que dentro de dúas ou tres semanas se faga da situación. A misiva indica que "en función das indicacións das autoridades sanitarias, logo de que finalice o novo período de Estado de Alarma [o 26 de abril], se non se puidesen desenvolver con normalidade e garantías para a saúde de todas e todos os participantes, procederiamos a revisar os prazos".
Galicia convértese así na única comunidade autónoma que aposta por manter as datas das oposicións do profesorado, despois de que Madrid anunciase o seu adiamento ata o ano 2021, Cataluña apostase (ha xa dúas semanas) por celebralas en setembro e de que o País Vasco confirmase o seu aprazamento, quedando aínda pendente a decisión sobre a súa realización este outono ou o ano que vén.
Feijóo afirma que os únicos escenarios que manexa o Goberno galego son a realización das oposicións en xuño ou o seu aprazamento ata o ano 2021
Este mediodía o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou en rolda de prensa algunha información máis ao respecto, cun elemento que non figuraba na carta enviada aos sindicatos: os dous únicos escenarios que manexa o Goberno galego son a realización das oposicións en xuño ou o seu aprazamento ata o ano 2021, descartando calquera opción de facelas no outono. "Na Xunta de Galicia o que imos facer é ver como evoluciona esta semana e a seguinte e na primeira semana de maio imos tomar a decisión de manter as oposicións ou anunciaríamos deixar sen efecto as oposicións educativas ata o próximo ano", afirmou Feijóo.
O novo anuncio da Consellería, mudando a súa posición inicial e mantendo ademais a incerteza, foi xa respondido con críticas por parte dos sindicatos educativos
Carmen Pomar, que xustifica a súa aposta por manter as datas no "respecto aos miles de persoas opositoras que nestes momentos están realizando un esforzo para prepararse nunha situación tan complexa", remata a carta afirmando: "gustaríanos poder darvos unha maior certeza, pero nestes momentos tan complexos a prioridade vai ser sempre atender as indicacións das autoridades sanitarias".
As opositoras e opositores, que optan ás 3.600 prazas convocadas, terán que seguir agardando polas datas definitivas dos seus exames, polo tanto. O novo anuncio da Consellería, mudando a súa posición inicial e mantendo ademais a incerteza, foi xa respondido con críticas por parte dos sindicatos educativos.
CIG-Ensino sinalou que "coa carta remitida aos sindicatos esta mañá a conselleira de Educación demostra unha incongruencia total coa súa anterior comunicación ao respecto de que só se manterían as oposicións se se levantase o estado de alarma o vindeiro 11 de abril". O sindicato salienta que "a Consellaría prolonga a incertidume e a agonía nestes momentos de miles de aspirantes que seguen sen saber a que aterse" e conclúe que "o futuro de miles de opositores estea nestes momentos sometido ao electoralismo do goberno do PP".