Máis dun mes despois da declaración do estado de alarma pola crise do coronavirus, a Xunta suspende as oposicións docentes que tiña previsto realizar o vindeiro mes de xuño. Así o anunciou este mércores na Deputación Permanente do Parlamento a conselleira de Educación, Carmen Pomar, que advertiu do aprazamento das probas para o ano 2021, tal e como fixeran xa hai semanas a maioría das comunidades autónomas.
A Xunta suspende as oposicións máis dun mes despois da declaración do estado de alarma e menos de dous meses antes da súa celebración
O adiamento das probas chega menos de dous meses antes da data prevista de celebración, o 20 de xuño, e entre o clamor de opositores, sindicatos educativos e oposición política, que reclamaban desde hai tempo á Xunta que rematase coa "incerteza". Nas redes, comunicados e manifestos apoiados por máis de 10.000 persoas insistían na necesidade de suspender a convocatoria.
Pomar defendeu a postura mantida pola Xunta de esgotar os prazos por "respecto", dixo, ao traballo diario das persoas opositoras, ademais de xustificar o aprazamento pola incerteza respecto da alerta sanitaria e a fin das medidas de confinamento, ademais de aludir á nova prórroga do estado de alarma.
Pomar culpa o Goberno de Sánchez do aprazamento por non ofrecer "datos epidemiolóxicos por territorios sobre como vai ser a volta á nova normalidade"
De feito, a conselleira sinalou o Executivo de Pedro Sánchez e di que a Xunta mantivo as oposicións "mentres era posible cumprir os prazos precisos para o procedemento administrativo e coa confianza en recibir por parte do Goberno central informacións que achegasen certezas”. “A realidade é que a día de hoxe seguimos sen ter datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade e das actividades que se poderán desenvolver e en que condicións”, engadiu, polo que finalmente tomaron a decisión de adiar as probas.
Segundo informou Pomar, este aprazamento leva consigo a blindaxe das prazas ofertadas e "ante eventuais cambios de criterio dun Goberno central condicionado por unha situación económica adversa e que xa está a anunciar posibles recortes". E nega que cambiase de parecer porque o seu departamento mantivo sempre o proceso ata qeu "houbese prazo para desenvolver as probas", algo que, rematou, segundo dixo, ao aprobarse este mércores unha nova prórroga do estado de alarma.
No último día do pasado mes de marzo, a Xunta advertía de que mantería as oposicións de profesorado previstas para o vindeiro 20 de xuño se o estado de alarma daquela vixente non se prorrogaba máis aló do 11 de abril. Prorrogado ata o 26 e estendido dese este mércores ao 9 de maio, a Administración mantívose firme durante semanas mantendo un proceso anulado xa na maioría das autonomías e malia a indignación, cada vez maior, dos aspirantes.
Desde a oposición, Luca Chao, de Galicia en Común, celebrou que a Xunta decidise pospoñer, "aínda que con enorme atraso", a data da celebración das oposicións de Educación: “Era evidente que o Goberno galego non ía poder garantir que se levase a cabo unha proba multitudinaria sen poñer en risco a saúde de millleiros de personas”, dixo.
Polo BNG, a súa voceira, Ana Pontón, cre que a Consellería "tardou moito tempo" en decidir o futuro de miles de persoas convocadas ás oposicións e lembrou que o Bloque "leva semanas demandando aprazar o proceso selectivo". Ademais, reclamou “manter o número de prazas convocadas e incluír a taxa de reposición nas vindeiras oposicións”.