As comunicacións da Xunta só conseguiron incrementar a incerteza sobre a data definitiva dos exames, que milleiros de opositores e opositoras non coñecerán no mellor dos casos ata a primeira semana de maio
O súbito cambio de posición da Xunta con respecto ás oposicións para o profesorado sumiu na incerteza aos milleiros de persoas que están a preparar estas probas. Se ata hai uns días o Goberno galego aseguraba que os exames se manterían nas súas datas previstas do mes de xuño sempre que o estado de alarma non se prorrogase, o pasado mércores anunciou a través dunha carta remitida aos sindicatos que a pesar da prórroga do confinamento as oposicións seguirían mantendo a súa data de celebración.
A Xunta engadía que a decisión definitiva non se tomará ata comezos de maio "en función das indicacións das autoridades sanitarias". E, posteriormente, o presidente da Xunta engadiu en rolda de prensa unha nova información que a carta non contiña: que os únicos escenarios que manexa o Goberno galego son a realización das oposicións en xuño ou o seu aprazamento ata o ano 2021, descartando calquera opción de facelas no outono. Galicia é a única comunidade autónoma que aposta por manter as datas das oposicións, despois de que Madrid anunciase o seu adiamento ata o ano 2021, Cataluña apostase por celebralas en setembro e de que o País Vasco confirmase tamén o seu aprazamento.
Un amplo grupo de persoas gravou e difundiu un vídeo, no que se reclama o aprazamento definitivo das probas
As comunicacións da Xunta só conseguiron incrementar a incerteza sobre a data definitiva dos exames, que milleiros de opositores e opositoras non coñecerán no mellor dos casos ata a primeira semana de maio. O Goberno galego recibiu de inmediato duras críticas dos sindicatos e dos propios opositores e opositoras nas redes sociais.
Un amplo grupo de persoas gravou e difundiu un vídeo, no que se reclama o aprazamento definitivo das probas. "Levamos meses de estudo e de diñeiro invertido (en academias e preparadores, reducindo as nosas xornadas ou abandonando os nosos empregos). Ademais, privamos dun tempo, máis valioso que nunca, ás nosas familias. Quen estaría máis interesada/o que nós en facer as oposicións nas que tanto esforzo levamos invertido?", din.
Porén, subliñan que "na situación actual é imposible garantir a seguridade e equidade necesaria nun proceso de oposición destas características". Entre outros motivos, sinalan causas sanitarias (para evitar contaxios e polo prexuízo sufrido polas persoas que poidan estar infectadas). Ademais, alértase sobre o "efecto chamada" a opositoras e opositores doutras comunidades autónomas e das aglomeracións que podería provocar o feito de que Galicia fose a única Comunidade que convocase oposicións.
"Na situación actual é imposible garantir a seguridade e equidade necesaria nun proceso de oposición destas características", sinala o vídeo
De igual xeito, pregúntanse "como vai asegurar a Administración a nosa saúde mental, ante o estado de confinamento que estamos a vivir, e a convivencia continuada coa incerteza da celebración destas oposicións". E, así mesmo, chaman a atención de que nestes momentos moitas persoas están ao mesmo tempo teletraballando e coidando das súas familias a tempo completo, con grandes dificultades para estudar, nun momento de gran presión e incerteza. En especial, chaman a atención sobre a situación que viven "os compañeiros e compañeiras da FP sanitaria que están agora mesmo, en primeira liña, axudando a salvar vidas".
O vídeo (que emprega as etiquetas #AprazamentoXa e #OPOñomeaestaOPO) remata pedíndolle á conselleira de Educación e ao presidente da Xunta "que deixen de mentir e de xerar incertidume a todas as opositoras e opositores. Vainos a vida e o futuro nisto".
CIG-Ensino lembra que "a decisión correspóndelle exclusivamente á Consellaría de Educación" e reclamou que non pode "esconderse nas decisións que outros tomen", en referencia ao Ministerio de Sanidade
CIG-Ensino denunciou que "non se pode xogar cos opositores e opositoras" e esixiu aprazar de forma definitiva as oposicións docentes, pois "todo o demais é someter a miles de persoas a un engano". O sindicato esixiu "a convocatoria urxente e inmediata da Mesa Sectorial" para procurar "poñer fin a unha situación vergoñenta pola absoluta falta de seriedade da conselleira e do presidente Feijóo". Ademais, lembrou que "a decisión correspóndelle exclusivamente á Consellaría de Educación" e reclamou que non pode "esconderse nas decisións que outros tomen", en referencia ao Ministerio de Sanidade.
Nestas oposicións aprazadas, o sindicato demanda "o mantemento das condicións da oferta de 2020 (reparto de especialidades e prazas)" así como a incorporación das prazas necesarias no 2021, ademais de asegurar "as máximas garantías sanitarias". Ademais, lembra a dificultade de realizar as probas durante o curso escolar (coa escolla dunha posible data no outono), tanto para moitas das persoas participantes como para as e os membros dos tribunais. "Non podemos máis que lamentar que o futuro de miles de opositores estea nestes momentos sometido ao electoralismo do goberno do PP", conclúe CIG-Ensino.
O documento lembra que, de confirmarse a prórroga do estado de alarma ata o 10 de maio, sería "materialmente imposible" que se puidesen manter os prazos internos do proceso selectivo
De igual xeito, nas últimas horas está a circular polas redes un modelo de escrito de reclamación que as opositoras e opositores poden presentar na sede electrónica da Xunta. O documento argumenta que "non é razoable considerar que a celebración dun proceso selectivo para o acceso á función pública sexa, nas actuais circunstancias, indispensable para protexer o interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos".
Así mesmo, lembra que, a partir do indicado por Pedro Sánchez, "o máis probable é que o estado de alarma, cun ou outro contido, se manteña cando menos até as 00:00 do 10 de maio". Se isto se confirmase, sería "materialmente imposible" que se puidesen manter os prazos internos do proceso selectivo (15 días hábiles para presentar solicitudes, formación de listaxes provisorias, recursos contra esta listaxe, formación de listaxes definitivas, recurso contra esta listaxe, etc.) para poder celebrar o primeiro exame o 20 de xuño, como está previsto.
O escrito solicita a modificación do calendario previsto para a realización das probas e que se proceda a negociar cos sindicatos unha nova Orde de convocatoria
Ademais, alerta de que "a obriga de concorrer a un exame o 20 de xuño do 2020, sen que a Xunta de Galicia poida garantir razoablemente a existencia de condicións sanitarias de non contraer unha enfermidade infecciosa tan contaxiosa como o COVID-19, pode determinar o nacemento dunha responsabilidade patrimonial da Administración".
Por todo isto, o escrito solicita a modificación do calendario previsto para a realización das probas e que se proceda a negociar cos sindicatos unha nova Orde de convocatoria, dentro dos prazos que se consideren máis razoables, para garantir a saúde de todos os/as participantes e a execución en prazo da OPE en curso.