Números, cada día máis, os de persoas contaxiadas, graves, falecidas e, cada día máis, curadas.
Ninguén o dubida, son a prioridade. Agora si, ata aqueles crentes no dogma liberal que dicían iso de que as camas só importaban nos hoteis, semellan mirar angustiados a que a sanidade pública, a que é de toda a cidadanía, a que se paga con eses impostos que sempre insisten en baixar, a que recortaron ano tras ano ata deixarnos 217 millóns de euros menos en termos reais que en 2009, asista. E aí están miles de profesionais pelexando día a día nesta crise. Miles de mulleres e homes nos hospitais, nos centros de saúde, nas maltratadas residencias de anciáns, nos centros para persoas con discapacidade deixando a pel para que ese número de persoas curadas aumente.
En momentos críticos aos gobernos hai que pedirlles responsabilidade, recursos e empatía
Mais non poden facelo sós. En momentos críticos aos gobernos hai que pedirlles responsabilidade, recursos e empatía. Empatía.
Empatía para cos traballadores e traballadoras da sanidade pública, que están dando o mil por mil nesta crise e non poden seguir sen medios suficientes, con medo a ir aos seus centros de traballo expoñendo a saúde dos doentes e das súas familias, maltratados con contratos precarios e ignorados en canto poden ser casos positivos.
Empatía para coas persoas residentes en centros de maiores privatizados, outro pingüe negocio que á vista está, dá resultados dramáticos. As súas familias levan días queixándose por non ter información suficiente e pedindo a súa intervención sen que dende a consellería de Política Social se dean por enterados.
Empatía para cos traballadores e traballadoras da sanidade pública. Empatía para coas persoas residentes en centros de maiores privatizados
Tampouco dan acuse de recibo na Consellería de Ensino. Carente da máis mínima empatía co alumnado, coas nenas e nenos, mozas e mozos deste país. Confinados, obrigados a seguir producindo como se aquí non pasara nada. Pois pasa, claro que pasa. Pasa que hai preocupación por pais e nais que perderon os seus empregos, por avoas e avós que están en centros, contaxiados, pasa que non poden saír das súas casas, nin ver aos seus amigos... Pasa que cerca do 30% das nenas e nenos de primaria e secundaria non teñen unha axeitada cobertura de Internet nin os equipos precisos. Pasa que vivimos nun país que ano tras ano encabeza as estatísticas da fenda dixital, cunha cobertura moi desigual entre o urbano e o rural. Pasa tamén, a fenda social, esa coa que cada día ten que loitar a escola, que ao desaparecer deixa en evidencia a ausencia de mesas de estudo ou a carencia de competencias nalgunhas familias para axudar aos seus fillos coas tarefas. Pasan as necesidades específicas de atención educativa, que non se atenden a través dunha clase gravada. Pasa que non se pode pretender que unha gravación substitúa a un mestre, nin que o único importante sexa que non se perdan clases. Pasa que universitarias e universitarios non poder pagar as vivendas nas que residían, nin teñen posibilidade agora de atender eses traballos precarios cos que ir tirando. Pasa que moitas, miles, non saben se o curso que vén poderán retomar os seus estudos porque ninguén sabe como será mañá. Pasa que o profesorado se ve obrigado a avaliar sen saber que baremos, que indicadores, como enfrontarse a unha situación inédita coa sensación permanente de andar sobre areas movedizas, de poder ser inxustos sen querelo.
Tampouco dan acuse de recibo na Consellería de Ensino. Carente da máis mínima empatía co alumnado, coas nenas e nenos, mozas e mozos deste país
Por todo isto hai que pedir empatía. Empatía para que a conselleira de ensino se sente a dialogar coas anpas, cos sindicatos de profesorado, de estudantes, coas universidades. Que haxa verdadeiras mesas de diálogo con todos os axentes educativos para dar por rematado o curso da mellor maneira posible. As persoas, primeiro.
Empatía tamén coas opositoras e opositores ao ensino público que precisan unha resposta xa. Levan moito tempo preparándose para unha proba que dificilmente se vai poder celebrar como estaba prevista. Á situación de incerteza xeralizada, estas persoas teñen que sumar a lousa dunha data que non acaba de decidirse. Teñen sobre si as palabras do señor Feijóo que un día di que o aclarará en abril e outro en maio. Iso e unha carta asinada pola conselleira de ensino cargada de palabras baleiras e incertezas que non fixo máis que alimentar o malestar.
Empatía tamén coas opositoras e opositores ao ensino público que precisan unha resposta xa
Empatía e respecto, pois son elas e elas as que teñan que traballar no sistema educativo de mañá, serán elas e elas as que teñan que axudar aos nosos fillos a fillas a entender o que pasou, as que pelexarán nas aulas para que desta crise non quede ninguén atrás. Iso será cousa, unha vez máis, dun servizo público que nunca máis debemos deixar recortar.