No último día do pasado mes de marzo, a Xunta advertía de que mantería as oposicións de profesorado previstas para o vindeiro 20 de xuño se o estado de alarma daquela vixente non se prorrogaba máis aló do 11 de abril. Prorrogado ata o 26 e á espera do trámite parlamentario para estendelo ao 9 de maio, a Administración mantense firme mantendo un proceso anulado xa na maioría das autonomías e malia a indignación, cada vez maior, dos aspirantes.
A Xunta mantén as oposicións malia que advertira de que só seguirían se o estado de alarma non se prorrogaba máis aló do 11 de abril
Nada mudou e nada se sabe novo desde que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, informara por carta o 8 de abril de que "aínda se está en prazo" para levar a cabo as probas. A menos de dous meses de se celebraren, oposición e sindicatos esixen o aprazamento e a fin da "incerteza", uníndose a unha petición masiva dos opositores. Agardan unha resposta que Feijóo dixo que daría en maio pero que queren canto antes.
A indignación amósase nas redes, a través de cancelos como #OPOñomeaestaOPO, de peticións para o "aprazamento das oposicións para o vindeiro curso" que suman 10.000 sinaturas e de manifestos do colectivo opositor que van recollendo apoios reclamando que "as loitas e réditos electorais queden fóra" e que prime "a xente, a saúde e a dignidade". "Só queremos que Feijóo e Pomar escoiten as nosas inquedanzas e deixen de metir e xerar incerteza en todas as opositores e opositoras", insisten.
A indignación contra a "incerteza" e o clamor polo aprazamento das oposicións é masivo, uníndose á demanda da oposición e dos sindicatos educativos
"A celebración de oposicións en xuño deste ano supón un grave risco para a saúde de todos os participantes e das persoas da súa contorna", explican desde este colectivo. A posición coincide coa dos principais sindicatos educativos. O maioritaro, CIG-Ensino, xa reclamou o adiamento das probas para o vindeiro ano e a "a garantía do mantemento das condicións da oferta de 2020, a incorporación das prazas necesarias no 2021 e as máximas garantías sanitarias".
Desde a oposición, PSdeG, Galicia en Común e BNG coinciden en que as oposicións deben suspenderse ante a previsión de que as medidas para evitar que se propague o coronavirus seguirán vixentes a mediados de xuño, ademais de por todos os atrancos que as persoas opositoras pasan e pasarán no caso de manterse os exames.
Unha enquisa impulsada pola UGT entre 7.700 opositores revela que máis do 92% rexeita realizar as probas en xuño
O clamor masivo contra a celebración das oposicións amósase tamén nunha enquisa lanzada por FeSP-UGT para afondar na opinión do colectivo opositor en Galicia. Con case 7.700 respostas admitidas, os datos do inquérito conclúen que máis do 92% dos participantes rexeita realizar as probas no mes de xuño.
Entre os opositores, demasiadas preguntas sen resposta como a maneira na que se manterá a seguridade e equidade no proceso, como se impedirá que as persoas opositoras caian enfermas, se se permitirá a grupos de risco compartir aulas con outra xente nos exames, como se pensan evitar as aglomeracións ou que ocorrerá se unha persoa aspirante se ve obrigada a pasar a corentena. E advirten, ademais, que este tipo de probas adoitan celebrarse en colexios e institutos, en espazos pequenos e sen demasiado espazo para poder manter as medidas de seguridade necesarias.
O vindeiro mércores, a conselleira de Educación comparecerá na Deputación Permanente do Parlamento, onde debera dar resposta a incerteza que denuncian milleiros de opositores e opositoras que lembran, nun comunicado, que levan "meses de estudo e diñeiro investido" e que non habería ninguén "máis interesado"ca eles en levar a cabo unhas oposicións que, no entanto, piden que sexan aprazadas axiña.