“Non imos formar un Goberno con xente sen experiencia de goberno”, di Feijóo tras nomear varios conselleiros así

Toma de posesión en 2018 como Conselleira de Educación de Carmen Pomar, profesora universitaria CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tanto no seu primeiro Consello da Xunta como no actual o candidato popular nomeou persoas que nunca estiveran en ningún posto executivo, e nalgún caso sen ningunha experiencia na administración

“Non imos formar un Goberno con xente sen experiencia de goberno”. A frase díxoa o candidato do PP á reelección como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o primeiro día de campaña, e nesa liña da “experiencia” do seu executivo vén incidindo todos os días desde aquela. Porén, el mesmo nomeou en diversas ocasións gobernos con xente que ata ese momento carecía de experiencia executiva e nalgún caso sen sequera experiencia na administración.

Así ocorreu na última remodelación do Consello da Xunta, en 2018, cando deu entrada nel como conselleira de Educación a Carmen Pomar, ata daquela profesora universitaria sen experiencia de goberno, e como conselleiro de Medio Rural a José González Vázquez, inspector de Facenda de profesión que entrara en política apenas dous anos antes como deputado do PP pero sen ter ata daquela ningún posto executivo en ningún goberno.

Primeiro goberno nomeado por Feijóo en 2009 Dominio Público Xunta de Galicia

Pero xa no seu primeiro goberno, en 2009, Feijóo dera entrada como conselleiro de Educación a Jesús Vázquez, profesor universitario que levaba un ano como deputado do PP no Congreso, e como conselleira de Facenda a Marta Fernández Currás, interventora xeral da Xunta e como tal controladora do xeito de gobernar dos cargos políticos, pero ela mesma, en teoría, á marxe desas decisións de goberno, mesma traxectoria que tivo a súa sucesora Elena Muñoz.

Distinto é o perfil doutros conselleiros que foran previamente cargos intermedios na Xunta, no Estado ou cando menos concelleiros con responsabilidades executivas, ou mesmo do actual conselleiro de Economía, Francisco Conde, que chegou ao cargo tras varios anos como asesor de confianza do propio presidente Feijóo na Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.