A conselleira de Educación, Carmen Pomar, participou este mércores na reunión convocada polo presidente do Partido Popular, Pablo Casado, cos conselleiros e portavoces de Sanidade e Educación da súa formación. Un encontro que se produce un día antes da xuntanza convocada polo Goberno español e coas peticións da comunidade educativa galega para a reformulación do protocolo de volta ás aulas enriba da mesa.
Un día antes da xuntanza con todos os conselleiros de Educación das comunidades autónomas, Carmen Pomar participa nun encontro con Pablo Casado e os responsables de ensino do PP cando non convoca a mesa sectorial de ensino desde xullo
Carmen Pomar reapareceu o pasado 13 de agosto coa visita a un colexio de Cambados tras dúas semanas sen axenda pública e apostou por "ir vendo a evolución día a día" para o curso que comeza. Máis dunha semana despois, o día 20, a Consellería informou de que acudíu a un centro en Baiona; o mesmo que fixo o martes 25 en Barbadás. Con anterioridade, non participou de actos públicos desde finais do mes de xullo, cando se enviou o 'Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021', asinado polo seu departamento e mais o de Sanidade.
Os sindicatos do ensino, así como as asociacións de pais e nais, levan todo o mes de agosto reclamando unha revisión deste protocolo ao considerar que non se corresponde coa realidade das aulas. A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, cursou unha petición expresa de reunión á Consellería de Educación nestas semanas.
Desde que comezou a pandemia da Covid-19, Pomar compareceu nunha única ocasión no Parlamento de Galicia, o 22 de abril. Ao día seguinte, mantivo unha reunión cos representantes das organizacións sindicais e das asociacións de pais e nais, nun momento no que as avaliacións de fin de curso eran o problema fundamental da comunidade educativa.
O protocolo para a volta as aulas, que o presidente da Xunta asegura que "está sendo pulido" a día de hoxe, comezou a xestarse o pasado 13 de maio, cando Carmen Pomar presidiu a constitución do Comité de Expertos para o Coidado do Benestar da Comunidade Educativa, "órgano encargado do deseño dunha estratexia para afrontar o vindeiro curso desde o punto de visto emocional, tendo en conta a situación de crise derivada da pandemia da Covid-19", segundo informou a propia Consellería de Educación.
"O que se faga nun lugar de España, para prever a infección polo virus, ten que ser semellante ao que se faga noutro lugar", afirma Ana Pastor
Na reunión deste mércores na sede do PP en Génova, á que Pomar asistiu por videoconferencia despois de participar na sesión do comité clínico que asesora á Xunta en San Caetano, tamén participaron a vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor, e a voceira popular no Congreso, Cuca Gamarra, ademais de Pablo Casado.
A volta ás aulas "ten que ser segura", incidiu Pastor nunhas declaracións posteriores, nas que lle pediu ao Goberno de Pedro Sánchez, que se reunirá con Casado o vindeiro 2 de setembro, que "asuma a súa responsabilidade" e elabore "un plan coordinado para a volta ás aulas", na mesma liña das reclamacións de Alberto Núñez Feijóo desde a Xunta.
"A responsabilidade non se delega, cada un temos a nosa, está no ordenamento xurídico. A propia lei de saúde pública, no seu artigo 14, recolle que nun estado de pandemia como o que temos en España esa autoridade sanitaria é o Goberno", aseverou a ex presidenta do Congreso.
"Ten que haber plans nos centros educativos con medidas para que os profesores traballen en condicións de seguridade e, nese sentido, teñen que facerse test diagnósticos a todos os traballadores dos centros, manter a distancia de seguridade e, por suposto, usar máscaras", sostivo Pastor tras departir cos conselleiros do PP na materia, que contan coas competencias transferidas.
"O que se faga nun lugar de España, para prever a infección polo virus, ten que ser semellante ao que se faga noutro lugar porque o que non é de recibo é que se algo é bo para un neno de seis anos nun lugar de España, non sexa bo para outro neno noutro lugar de España", describiu Pastor, para engadir: "Poño o exemplo das vacinas, alguén podería pensar que hai que vacinar de maneira diferente da polio nun lugar de España que noutro? Verdade que a ninguén se nos ocorrería? Pois en prevención contra o coronavirus temos que actuar dunha maneira coordinada".