Carmen Pomar retoma a axenda oficial dúas semanas despois supervisando nun colexio baleiro o protocolo de volta ás aulas
“Ir vendo a evolución día a día”. Esa foi a mensaxe na que segundo a propia Consellería de Educación “fixo fincapé” a súa titular, Carmen Pomar, na visita que realizou este xoves a un colexio de Cambados para supervisar a súa adaptación ao protocolo fronte ao coronavirus ditado pola Xunta para a volta ás aulas en setembro.
Tras meses de críticas da comunidade educativa contra a falta de directrices claras por parte da Xunta primeiro para o remate do anterior curso durante o confinamento e agora para a volta presencial ás aulas, este xoves Pomar incidiu en que o protocolo pode ser “obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario” e pediu aos concellos máis esforzo para axudar aos colexios a cumprir as esixencias do documento.
Coa súa visita ao CEIP San Tomé de Cambados un día despois de facerse oficial o peche doutras dúas escolas unitarias máis o próximo curso, Pomar retomou a súa axenda oficial tras dúas semanas de parón e co que supón o seu primeiro desprazamento a un centro educativo co coronavirus como principal motivo, despois de que o anterior, o 29 de xullo, tivese como obxectivo supervisar obras de mellora de fiestras e teitos dun centro en Celanova. A visita deste xoves, en agosto, o mes de vacacións do persoal docente, produciuse nun colexio baleiro no que acompañou ao equipo directivo.
A conselleira eloxia “a implicación dos equipos directivos” pero obvia ao resto da comunidade educativa e pide máis esforzos aos concellos
A propia Xunta salientou na súa nota de prensa sobre a visita que a conselleira “loou a implicación dos equipos directivos no deseño da organización a nivel de centros” para adaptarse ao coronavirus, un comunicado no que nada se di do profesorado nin do resto da comunidade educativa. Pola contra, a conselleira si lanzou durante a visita reproches aos concellos.
As medidas de adaptación de cada centro ao coronavirus correrán a conta dos orzamentos que xa tiña cada centro, co argumento da Xunta de que poderán empregar no próximo curso o que non gastaron durante o confinamento do curso pasado e coa indefinición por parte do profesorado sobre quen os dotará de máscaras. Canto á limpeza dos centros, que agora deberá incrementarse, corre por conta da consellería, como así o lembrou este xoves a propia Pomar, no caso da ESO e o Bacharelato, pero nos colexios de infantil e primaria son os concellos os que a asumen. A eles pediu a conselleira “colaboración” para garantir a volta ás aulas.
Pomar mesmo tirou da polémica sobre o sistema para que os concellos poidan gastar o seu aforro paralizado durante os últimos anos polo Goberno central. A conselleira lamentou que eses cartos poidan acabar en mans do Estado como un préstamo antes de que este llos devolva aos concellos ao longo dos próximos anos e suxeriu que se poidan destinar a que os concellos melloren as súas instalacións educativas fronte ao coronavirus, un custo que a Consellería de Educación non quere asumir.