No politicamente treboento verán de 2011, o Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero pactou co PP de Mariano Rajoy a reforma exprés da Constitución para introducir as normas de rixidez orzamentaria esixidas dende as altas instancias europeas. Aquela España ao bordo do rescate financeiro consagrou a alcumada como austeridade no seu texto constitucional e incluíu entre os preceptos do reformado artigo 135 a obriga de que concellos e deputacións presenten "equilibrio orzamentario", isto é, que nunca gasten máis do que ingresen.
Os concellos poderán gastar parte dos seus aforros bloqueados pola 'lei Montoro', pero con condicións e previa transferencia dos cartos ao Estado coa forma de "préstamo"
Pouco despois o Goberno de España, xa co PP ao mando cunha cómoda maioría absoluta, apertou aínda máis os límites para os concellos chegaba a a Lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración local, coñecida como lei Montoro. Con ela chegou a "regra de gasto", que impuña un férreo control do Estado aos gastos dos concellos: mesmo os máis cumpridores co equilibrio orzamentario pasaron a ter prohibido gastar en servizos públicos o que aforrasen, os remanentes de tesouraría, dos que agora poderán dispoñer parcialmente cunha inédita fórmula financeira e previa transferencia ao Estado.
Pouco antes da moción de censura que acabaría por desbancar o Goberno de Rajoy, en febreiro de 2018, o propio Montoro sentou coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), xa na altura presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciando a súa disposición a abrir a man un chisco. Os concellos poderían gastar o seu superávit anual sempre e cando o destinasen a investimentos "financeiramente sostibles", entre outras condicións. Mentres, os actuais socios do Goberno de coalición no Estado, PSOE e Unidas Podemos, mantiñan a súa vontade de reformaren a lei Montoro cando tivesen esa posibilidade.
Abel Caballero ve o pacto "moi positivo para as entidades locais" e o PP acúsao de avalar unha "confiscación" dos aforros municipais
Estes son os antecedentes do acordo que, non sen controversia e coa crise do coronavirus co pano de fondo, vén de pechar a FEMP co Ministerio de Facenda, dende 2018 encabezado pola socialista María Jesús Montero, para que os concellos poidan gastar cando menos parte deses cartos. Pero non pola vía da reforma ou derrogación da lei Montoro.
O voto de calidade do presidente da entidade, o propio Caballero, foi clave para decantar a balanza da Xunta de Goberno da institución municipalista a prol da proposta gobernamental sobre os remanentes de tesouraría dos concellos e deputacións. A abstención das alcaldías da órbita de Unidas Podemos propiciou que puidese usar o voto de calidade para que gañase o "si" -de mantérense no "non" inicial, a proposta decaería-. O que o rexedor vigués defende como un acordo "singular, importante e moi positivo para as entidades locais" é visto dende os grupos representados na FEMP que votaron en contra (PP, Ciudadanos e PDeCat) como unha "confiscación" dos aforros dos concellos.
Os pasos do acordo para o retorno dos cartos
Segundo o documento acordado, a fórmula pactada pasa por que concellos e deputacións "poñan, con carácter voluntario, á disposición da Administración Xeral do Estado a totalidade do seu remanente de tesouraría" que tivesen acumulado ata o 31 de decembro de 2019. Esa "transferencia", indica o texto, será considerada un "préstamo" das entidades locais ao Estado que sumaría uns 14.000 millóns euros.
Os concellos que participen terán que transferirlle os seus remanentes ao Estado, que ingresará de volta un "mínimo" do 35% dos cartos entre 2020 e 2021 e o resto, durante dez anos a partir de 2022 mediante unha devolución do préstamo con xuros
"Unha vez coñecidas as entidades participantes" e os fondos que "prestan" ao Estado, o Goberno de España comprométese a "realizar un ingreso non financeiro" de volta "durante 2020 e 2021" que supoña, "como mínimo", un 35% dos fondos prestados. En total, as arcas transferirán xa ata 5.000 millóns de euros que están, en verbas de Caballero, "libres de déficit e listos para gastar", isto é, sen os límites da lei Montoro, pero axustándose as áreas de investimento incluídas neste pacto (axenda urbana e mobilidade sostible, investimentos ambientais como a depuración de augas, adaptacións de mobiliario ao contexto da covid-19, servizos sociais, loita contra a violencia machista, educación infantil ou cultura, entre outros).
Para recuperar o resto dos cartos, sempre segundo o texto do acordo, os concellos e deputacións que participen terán que esperar máis. A partir de 2022 e "no prazo de dez anos", o Estado comprométese a devolver o que falte incluíndo xuros. O destino deses cartos tamén serán "acordadas coa FEMP", indica. A todo isto súmase o acordo de que concellos e deputacións non teñan que axustarse á regra de gasto por mor da pandemia neste 2020 e a extensión dos acordos de 2019 para o gasto do superávit.
Os populares atacan o que consideran unha "manobra" para "apropiarse dos aforros dos concellos" e o BNG coida que deben ser os municipios "os que dispoñan dos seus recursos sen tutelas" e tras unha negociación "directa do municipalismo galego" co Estado
Mentres Caballero se felicita por este pacto e porque, di, o Goberno de España asegura manter o seu compromiso de "avanzar tamén na modificación" da lei Montoro, o PP carga duramente contra o texto pactado. Trátase, acusan os conservadores, dunha "manobra" para "apropiarse dos aforros dos concellos". Este é o argumento que defenderán este martes en rolda de prensa alcaldes do PP galego xunto a Alfonso Rueda e ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, tras unha xornada na que rexedores do partido como Jorge Cubela, de Cerdedo-Cotobade, cargou contra o acordo por velo propio "dunha ditadura".
Tampouco o BNG ve con bos ollos o acordo. "Non admitimos que o Estado queira ter liquidez a costa dos concellos galegos", sinalou nos últimos días a formación soberanista. A xuízo de Ana Pontón, "deben ser os concellos os que dispoñan dos seus recursos para os fins que mellor consideren segundo as urxencias de cada municipio" e "sen tutelas". Do seu punto de vista, cumpriría "sacar adiante unha proposta de país" para que "os concellos poidan facer uso dos seus aforros" e "a negociación ten que ser de xeito directo, entre o municipalismo galego representado na FEGAMP e o Goberno do Estado" para determinar as regras de gasto duns fondos que, calcula, en Galicia ascenden a 890 millóns de euros.