O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, mostrouse este luns aberto a impulsar unha norma que permita ás entidades locais flexibilizar o reinvestimento do seu superávit "con rapidez", sinalando que o mecanismo que axilizaría este reinvestimento sería un decreto lei. No entanto, Facenda reitera que os investimentos teñen que fixarse ao concepto da sustentabilidade financeira e respectar as competencias de cada administración.
A intención é que as entidades locais poidan gastar os seus remanentes desde agora e até as eleccións locais de 2019
Segundo informou o ministro en rolda de prensa logo dunha reunión de máis de dúas horas co presidente da Federación Española de Municipios e Provincias e alcalde de Vigo, Abel Caballero, a intención é que as entidades locais poidan gastar os seus remanentes desde agora e coincidindo co calendario político que desemboca nas eleccións autonómicas e locais de 2019. Segundo aclarou o rexedor vigués, este permiso sería aplicable xa desde o mes de marzo.
Do mesmo xeito, Montoro amosouse disposto a unha redefinición dese concepto de investimento financieramente sustentable e da regra de gasto, para "dotala de contido máis efectivo". A FEMP, pola contra, xa anunciou que enviará unha lista para aumentar os sectores nos que poder investir o superávit.
Xuntanza de 300 concellos
Caballero agarda que o decreto estea en marcha "en quince ou vinte días"
Os resultados da xuntanza con Montoro foron trasladados por Caballero este martes nunha xuntanza da sede da FEMP aos representantes dun trescentos gobernos municipais de todo o Estado. "En quince ou vinte días", afirmou o rexedor vigués, "estará dispoñible" ese decreto, sobre o que as Administracións Locais van "estar vixiantes". Montoro, di Caballero, era "consciente" de que neste encontro ía haber "reunidos centos de alcaldes e alcaldesas representando a millóns de cidadáns" que, neste asunto, demostran unha "práctica unanimidade de opinión" malia seren de cores políticas diversas.
Entre a representación galega nese encontro figurou a edil de Facenda da Coruña, Eugenia Vieito, quen ve que a posibilidade de reinvestir os aforros do ano previo en investimentos financeirmaentoe sostibles é "un avance" , pero "insuficiente para resolver o problema do financiamento local". "Os concellos, especialmente aqueles que fan os deberes e teñen as contas saneadas, precisamos de medidas que solucionen os nosos problemas de financiamento", resalta Vieito, quen ve nestes "avances" un resultado da "presión dos concellos do cambio contra as limitacións no uso do superávit".
Concellos como A Coruña ou Santiago valoran o "avance", pero veno "insuficiente" e reclaman "poder decidir a que destinar os cartos segundo a capacidade e recursos" de cada municipio
Nun sentido semellante a concelleira de Facenda de Santiago, María Rozas, concorda en que o acadado é un paso adiante, aínda que escaso. "Pedimos que nos devolvan a autonomía e que cada Concello poida decidir, segundo a súa capacidade e recursos, a que destinar eses cartos", resalta.
No caso de Galicia, os concellos pecharon o ano 2016 con case 490 millóns de remanente, mentres que no conxunto do Estado o aforro chegou daquela aos 7.000 millóns. Falta que se presenten neste próximo mes de marzo os datos pechados de 2017.