O pleno municipal da Coruña aprobou, cos votos de Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG, unha moción para apoiar de forma pública a tramitación, no Congreso da derrogación e posterior modificación da Lei 27/2013 do 27 de decembro de Racionalización e Sustentabilidade da Administración, coñecida como Lei Montoro. Os tres grupos salientan que esta norma “introduciu cambios substanciais no funcionamento dos concelllos, deputacións e comunidades autónomas, amputando garantías democráticas, de representación e de participación cidadá e recortando servizos sociais que se prestaban á cidadanía dende as administracións locais”.
O texto tamén insta ao Goberno da Xunta de Galicia a desenvolver unha Lei de Facendas Locais que permita garantir a autonomía financeira dos concellos e que teña en conta a relevancia das cidades, onde reside a maior parte da poboación. Ademais, solicítase que se mellore a participación das institucións municipais nos ingresos autonómicos e a redefinición dos mecanismos de equilibrio territorial.
Tan só o PP votou en contra, acusando a súa voceira Rosa Gallego ao grupo de Goberno de buscar "escusas" na Lei Montoro e sinalando que con esta norma "non lles foi tan mal"
Á moción (presentada inicialmente pola Marea en defensa da proposición de lei do grupo confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea feita pública a pasada semana) o PSdeG introduciulle unha emenda de sustitución -que foi aceptada de forma íntegra- para apoiar toda iniciativa que traballe na mesma dirección. Tan só o PP votou en contra, acusando a súa voceira Rosa Gallego ao grupo de Goberno de buscar "escusas" na Lei Montoro ("cando pensa deixar de buscar culpables en todas partes en lugar de facer autocrítica?") e sinalando que con esta norma "non lles foi tan mal".
Ferreiro: "Esta normativa o que fai, ao final, é mercantilizar a prestación de servizos dos concellos”
Na súa intervención inicial, Xulio Ferreiro salientou que “baixo a escusa da sostenibilidade orzamentaria, as facendas locais quedaron nunha situación moi complicada, e tiveron que pagar os excesos e os pratos rotos doutros. As administracións locais foron as grandes prexudicadas polas políticas de austeridade levadas a cabo nos últimos anos" e engadiu que "as administracións locais representan unha mínima parte da débeda total do Estado. O Goberno central non pode ser quen decida o que deben gastar os concellos e como o deben gastar". "Esta normativa o que fai, ao final, é mercantilizar a prestación de servizos dos concellos”, concluíu o rexedor, que comentou que “o gran mérito desta lei foi a de xerar un consenso común na súa contra, sumando o rexeitamento de máis de 3.000 entidades locais en todo o Estado, que representan a máis de 16 millóns de persoas”.
O pasado 4 de outubro o Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea presentou unha Proposición de Lei para solicitar a "derrogación inmediata" da Lei Montoro. “Trátase de poñer de manifesto as barreiras que ten a administración para prestarlle servizos á cidadanía. Non podemos contratar a dez persoas para servizos sociais, pero si externalizar a xestión por ducias de millóns de euros. Non ten sentido”, salientaron os e as representantes dos gobernos locais da Coruña, Zaragoza, Barcelona, Madrid ou Cádiz. Gerardo Pisarello, voceiro do Concello de Barcelona, subliñou que a norma foi, en realidade, "unha lei de asfixia municipal e demolición dos servizos públicos". "En nome do principio de estabilidade financeira, forzou privatizacións contrarias ao interese xeral, impediu a contratación de persoal para manter servizos tan básicos coma as escolas infantís ou as axudas de vivenda”, dixo. Segundo o Tribunal de Contas, a externalización de servizos municipais supón un incremento medio do 22% no caso da auga, e do 71% na limpeza.
Segundo o Tribunal de Contas, a externalización de servizos municipais supón un incremento medio do 22% no caso da auga, e do 71% na limpeza
Por mor da Lei Montoro, sinalou Ferreiro, “estamos obrigadas a xestionar os concellos e as empresas públicas coa lóxica perversa do beneficio, en lugar de poder centrarnos en garantir os dereitos da cidadanía". O alcalde da Coruña chamou a "recuperar o consenso sobre a autonomía local e comezar a construír unha administración local máis pegada á cidadanía, un proceso no que tamén deberíamos repensar o papel das deputacións”.