Co lema “Abel, Sánchez, devolvede os cartos dos veciños”, os populares cargan contra o acordo polo que os concellos poderán empregar os seus aforros paralizados desde 2013 só se antes llos prestan ao Executivo central
Quince anos despois de que o propio Feijóo, na oposición, suxeitase unha pancarta ante o Parlamento de Galicia fronte á decisión da daquela Xunta bipartita de paralizar obras en concellos rurais que o Goberno de Fraga comezara a tramitar en plena campaña electoral, o PPdeG volveu convocar este luns os seus alcaldes e alcaldesas para suxeitar outra pancarta, desta volta ante o despacho de Abel Caballero no Concello de Vigo.
A el, presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), fano responsable do acordo entre esa entidade -co único apoio dos seus membros socialistas- e o Goberno central polo que este autoriza aos municipios a gastar os seus aforros, paralizados desde a denominada Lei Montoro de 2013, só se antes llos presta para irllos devolvendo con intereses.
Desta volta non foi Feijóo o líder por tras da pancarta dos populares senón o presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, principal cargo representantivo de ámbito local dos populares galegos, que non teñen a alcaldía de ningunha das cidades. Na Praza do Rei, ás portas do Concello de Vigo e baixo o primeiro andar no que está o despacho do alcalde, Baltar cargou contra o acordo “co Goberno comunista que preside Pedro Sánchez” do que censurou que “só votaron a favor os alcaldes socialistas”.
Baltar foi o protagonista da concentración en Vigo por riba do principal representante do PP na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o seu vicepresidente e alcalde de Cervo Alfonso Villares. Xunto á pancarta co lema “Abel, Sánchez, devolvede os cartos dos veciños”, o líder do PP ourensán cualificou como “chantaxe” o argumento socialista de que se non se acepta a súa proposta os concellos non poderán dispoñer dos cartos polas restricións establecidas no seu momento durante o Goberno de Mariano Rajoy.
“Agora que hai un Goberno que nos deixa gastar eses remanentes e nos dá 5.000 millóns adicionais é cando protesta o PP que sempre estivo calado”, di o equipo de Caballero, que remitiu a este martes a súa valoración persoal da protesta popular
Nesa liña, este luns a resposta socialista chegou por boca de Carlos López Font, portavoz e home de confianza de Caballero, que salientou que “a esta situación condenounos o PP”. “Agora que hai un Goberno que nos deixa gastar eses remanentes e nos dá 5.000 millóns adicionais para poder gastar é cando soprendentemente protesta o PP cando sempre estiveron calados”, argumentou.
O propio alcalde vigués foi preguntado pola protesta convocada polos populares durante a súa rolda de prensa diaria, pero esta celebrouse minutos antes que a concentración: “Falarei dunha concentración cando se produza”, dixo, para salientar que “de momento non houbo ningunha concentración, eu vexo a praza e véxoa baleira”. “Como eu non collo vacacións falarei mañá”, concluíu.