Fogo amigo sobre a autonomía local

O thatcherismo e a dereita laborista da época tiñan unha teima común: esmagar o municipalismo, representado daquela polas políticas máis audaces do "socialismo local" que se facía forte en Londres logo de abrollar en cidades máis cativas como Birmingham ou Glasgow. Recórdao Owen Heatherley nun magnífico artigo no último número da New Left Review. Tratábase de apagar canto antes o "efecto demostración na moral da esquerda" que podía exercer aquela panda de revoltados. Iso argumentaba tamén un dos fundadores da revista, Stuart Hall, nun libro que volve gañar vixencia dúas décadas despois da súa publicación orixinal, El largo camino de la renovación (Lengua de Trapo, 2018). Lectura moi recomendable, por certo, para este tempo de precaria recomposición termidoriana.

Despois da batalla pola derrogación da Lei Montoro, é precisamente un goberno de coalición que se di progresista e sensible á causa municipalista o que se incauta do aforro das entidades locais. Desalentador, cando menos

Non hai que ser moi espelido para concluír quen gañou aquel pulso. Todo o mundo coñece o episodio dos primeiros anos dous mil, mitificado ou non, no que Margaret Thatcher explica por que o maior logro da súa carreira política fora precisamente a aparición de Tony Blair e o novo laborismo. Algo de razón tiña. Tempo atrás, coa complicidade dos baróns laboristas, que consentiran que a súa corrente municipalista fose desacreditada e reducida á caricatura reaccionaria de mera "esquerda chiflada", a Dama de Ferro disolvera o Greater London Council, o goberno metropolitano da capital británica, gran bastión insubmiso, e a súa tropa de avogados acabara tumbando nos tribunais a emblemática política de "Fares Fair", a baixada de tarifas do transporte público urbano coa que Ken Livingstone incrementara un 30% o seu uso e, o que é máis importante aínda, coa que fora capaz de mobilizar un horizonte de desexo popular, unha idea de xustiza social na cidade.

É inxusta porque completa o círculo do castigo que xa se lle aplicara ás entidades locais coa normativa de estabilidade. É ineficaz porque temos de novo os pés metidos nunha crise. E é antidemocrática porque cuestiona pola porta de atrás o marco de financiamento local

A rima histórica, o que nos di todo isto sobre o ciclo actual e o vivido nos últimos cinco anos, é diáfana. Non require maior aclaración. Simplemente traio a estampa ao fío do acontecido onte na Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que preside o inverosímil alcalde de Vigo, onde se lle deu luz verde á maior agresión ao municipalismo e á autonomía local nos últimos anos. Despois da batalla pola derrogación da Lei Montoro e todo o sarillo normativo que ten atadas de pés e mans as administracións máis próximas á cidadanía, batalla que os concellos do cambio lideraron, colocaron no centro da axenda política antiaustericida e levaron ao Congreso dos Deputados, é precisamente un goberno de coalición que se di progresista e sensible á causa municipalista o que se incauta do aforro das entidades locais. Desalentador, cando menos.

A que impulsa o Ministerio de Facenda, de Montoro a Montero, é unha medida inxusta, ineficaz e antidemocrática. Vexamos brevemente por que:

1.- É inxusta porque completa o círculo do castigo que xa se lle aplicara ás entidades locais coa normativa de estabilidade. Os concellos eran responsables dunha mínima parte da débeda pública existente no estado español cando rebentaron as costuras da economía especulativa e nos vimos abocados á Gran Recesión, pero foron obxecto, con diferenza, das máis duras restricións impostas precisamente en nome da saída a esa crise. O que agora confisca o PSOE é, en realidade, un aforro inducido. O que agora levan para Madrid foi criado nestes anos por imposición da lei e o pau. Saquean as nosas bateas, por dicilo dalgún xeito, e algúns din que chove.

2.- É ineficaz porque temos de novo os pés metidos nunha crise, e é xusto agora cando as administracións máis próximas á cidadanía, as primeiras nas que peta a veciñanza en dificultades, necesitan ter máis recursos. Privalas de fondos e capacidades é unha idea extemporánea que acabará traducíndose, como xa aconteceu despois do crac de 2008, nun maior debilitamento dos servizos públicos e unha máis profunda desprotección da cidadanía.

O que urxe facer é derrogar a normativa que agrilloa os concellos, dotalos dun marco de financiamento á altura dos desafíos que afrontamos e darlle o debido protagonismo, desta vez si, nunha resposta transformadora á crise

3.- E é antidemocrática porque cuestiona pola porta de atrás o marco de financiamento local, implantando pola brava e transitoriamente un sistema máis similar ao dos incentivos que se dan na banca privada que ao que cabería agardar dun estado de dereito acollido á Carta Europea da Autonomía Local. Os concellos que se deixen confiscar recibirán unha prima, mentres que os que decidan investir os seus aforros nas súas lexitimas prioridades no canto de prestarllos ao Estado, ou os que carezan deles e non poidan facer nin unha cousa nin a outra, serán castigados sen merenda.

Unha nutrida representación do municipalismo galego, máis dunha ducia de organizacións entre as que se atopan a Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común, a Marea de Vigo, Son de Teo ou Sadamaioría, entre moitas outras, expresamos hoxe de maneira conxunta o noso rexeitamento a este plan. O que urxe facer é xustamente o contrario: derrogar a normativa que agrilloa os concellos, dotalos dun marco de financiamento á altura dos desafíos que afrontamos e darlle o debido protagonismo, desta vez si, nunha resposta transformadora á crise.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.