Hai unha semana a Xunta aprazou ao ano 2021 as oposicións docentes previstas para este mes de xuño. O Goberno galego respondía así á imposibilidade de realizar estas probas con normalidade e á demanda que colectivos de opositoras e opositores, sindicatos e partidos viñan facendo dende había semanas. Porén, hai varios aspectos que a Consellaría de Educación aínda non aclarou, como o número de prazas que incluirá esta convocatoria.
Educación detallou que a inscrición para esta convocatoria adiada se abrirá cando a crise do coronavirus sexa superada e pecharase este mesmo ano. Isto podería prexudicar a aquelas e aqueles aspirantes que aínda non se poden inscribir e que contaban con facelo o vindeiro ano, para poder participar así na convocatoria prevista inicialmente para o 2021.
Din sufrir "unha situación de vulnerabilidade” se Educación abre o prazo de inscrición para as oposicións cando se levante o estado de alarma e o pecha de inmediato
A plataforma #Opos2021XustasParaTodxs agrupa a un milleiro de estudantes dos mestrados de Secundaria, do curso de Profesorado Técnico de FP e dos graos de Maxisterio Infantil e Primaria e reclama á Xunta a realización dunha única convocatoria de oposicións de ensino para o vindeiro ano, que aglutine as prazas correspondentes a 2020 e 2021.
Estas alumnas e alumnos, que na maior parte dos casos obterán en poucas semanas a titulación que lles permita acceder a estas probas, din sufrir "unha situación de vulnerabilidade” se a Consellería de Educación abre o prazo de inscrición para as oposición adiadas ao ano que vén cando se levante o estado de alarma e o pecha de inmediato.
Considera que os actuais aspirantes tamén se verán damnificados ao non poder computar o período traballado o vindeiro curso
A plataforma amosa a súa "total solidariedade" cos actuais aspirantes, cos que rexeitan ningún tipo de confrontación. Aseguran que este colectivo tamén estaría afectado pola decisión da Xunta, xa que o feito de inscribirse agora nun proceso opositor que terá lugar no 2021, impediríalles computar o tempo traballado como interinos o vindeiro curso 2020/2021 e tamén acreditar outros méritos que puideran obter ata o ano que vén. Ademais, tamén terían que adiantar o custe das taxas, nun momento economicamente difícil para toda a sociedade. “Esta situación sería para eles un agravio comparativo fronte aos aspirantes que xa teñen puntuación máxima”, din.
A plataforma tamén alerta de que "a oferta de emprego público podería verse reducida nesta nova convocatoria" e demanda que se convoquen todas as prazas previstas para os anos 2020 e 2021. "Débese consolidar unha óptima oferta de prazas, que garanta a calidade da docencia nos centros educativos, tendo en conta as inminentes xubilacións, que se producirán en breve, no eido educativo", sinalan.