O TSXG acusa de "nepotismo" á Consellería de Educación e anula unha praza creada 'ad hoc'

Protesta de estudantado e profesorado da Escola contra o "enchufismo", o pasado ano © CIG-Ensino

O TSXG vén de facer pública unha sentenza na que anula unha praza docente creada ad hoc pola Consellería de Educación na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra no ano 2016. No ditame o alto tribunal acusa de "nepotismo" á Consellería e sinala que existiu “desviación de poder", "torcida intencionalidade" e "ocultismo" na actuación do Goberno galego. A beneficiada pola creación desta praza era unha funcionaria asturiana, cuñada de Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, que ocupou tamén o posto de directora do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), de libre designación. O caso foi denunciado pola CIG, que levou o tema ante a xustiza e ante a Valedora do Pobo, que tamén investigou as irregularidades e denunciou a falta de transparencia da Xunta.

A beneficiada pola creación desta praza era unha funcionaria asturiana, cuñada de Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, que ocupou tamén o posto de directora do Museo Pedagóxico de Galicia

A situación vén do ano 2014, cando a Consellería de Educación quixo incorporar irregularmente a unha listaxe de interinos a esta persoa, que naquel momento era funcionaria de carreira en Asturias. Ante as denuncias de CIG-Ensino, foi retirada das listas. Porén, case de inmediato foi designada asesora técnica do MUPEGA e pouco despois, o 24 de abril de 2015, nomeada directora polo sistema de libre designación (posto de confianza). Un ano despois a Consellería de Educación creou unha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, nunha especialidade que non se imparte en Galicia (Conservación e restauración de documento gráfico) e que non era necesaria no centro, nin fora solicitada polo mesmo, nin pola inspección educativa.

Tanto a Escola de Restauración como a CIG-Ensino procuraron, mediante diferentes actuacións, que a Consellaría paralizase esta adxudicación, mais non foron tidas en consideración, polo que a reclamación rematou nos tribunais e nunha queixa ante a Valedora do Pobo, que en xaneiro de 2017 iniciou unha investigación, ao considerar que as explicacións remitidas pola Consellaría non foran suficientes.

A sentenza do TSXG, que só pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo, anula a adxudicación do destino á docente que fora beneficiada, e que agora fica sen destino. O ditame conclúe que "estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a acadar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico". Critica ademais o "ocultismo" co que actuou a Xunta, ao impedir o acceso de CIG-Ensino á información requirida, un acceso que mesmo foi negado trala intervención da Valedora do Pobo. O tribunal sinala así mesmo que a adxudicación da praza ía "en detrimento da calidade da docencia e o funcionamento interno dos departamentos” do centro.

Ademais, subliña que todas estas circunstancias se ven "agravadas por outros feitos que resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta", destacando a sentenza "a relación de parentesco entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora (sic) Xeral de Igualdade da Consellaría de Presidencia", salientando o tribunal que constitúe unha "evidente mostra de nepotismo que, lonxe de perder arraigo na Administración Pública, parece reforzarse”.

"Estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a acadar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico", sinala a sentenza

CIG-Ensino esixe a execución inmediata da sentenza e reitera á súa demanda de asumir unha política de total transparencia na xestión das prazas que se ofertan nos diferentes concursos. E insta á Consellería de Educación "a poñer fin á política de escurantismo e ocultación de información ao sindicato maioritario por parte da Secretaría Xeral que desde hai anos se nega a dar resposta a solicitudes concretas da CIG-Ensino en materia de persoal, pretendendo entorpecer o noso traballo de control da actuación da Administración educativa e de defensa do profesorado do ensino público galego".

 

Interior da Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. © escolaconservacion.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.