A Xunta tramita dende o pasado setembro a lei na que apoiará a súa apertura a primeira universidade privada de Galicia, a Universidad Intercontinental de la Empresa, impulsada por Abanca a través de Afundación sobre a base do actual Instituto de Educación Superior Internacional da Empresa (Ieside). Os impulsores do proxecto prevén que abra as súas portas no curso 2020-21 e para iso precisan superar varios trámites. Un deles, o do Consello Galego de Universidades, salvouno este luns grazas aos votos da Xunta.
Os reitores das tres universidades públicas opuxéronse á tramitación da lei para abrir unha universidade privada ao considerar que se dirixe ás "elites económicas" e non cumpre a función legal de "complementar" a oferta pública
Como a propia Xunta admite, aínda que o apoio deste Consello á creación do centro non é "vinculante", o feito de que informe ao respecto si é "preceptivo". E o ditame foi positivo grazas ao Goberno galego. Non en van, segundo fontes coñecedoras da xuntanza consultadas por Praza.gal, os 11 votos a prol do informe chegaron dende a Xunta e os seus entes dependentes, da representación do PP por designación parlamentaria. Tamén dos tres presidentes dos consellos sociais das universidades públicas.
Os votos contrarios foron só tres menos, un total de oito, segundo as mesmas fontes consultadas. Trátase dos emitidos polos responsables dos reitorados das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e mais da representación que PSdeG e En Marea teñen neste órgano. A percepción xeral nos órganos de goberno das tres universidades públicas sobre este proxecto é que está dirixido ás "elites económicas" e non "complementa" a oferta existente. A Xunta non debera apoialo, senón "reforzar" as institucións académicas de carácter público, cren.
Así o reiteraba este martes o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, a preguntas da prensa durante a presentación do novo sitio web da institución académica. Tanto a USC como as universidades da Coruña e Vigo, subliñou, coidan que cómpre "reforzar" o sistema universitario público antes que apostar por unha entidade privada que ademais, ao seu xuízo, dificilmente encaixa nas condicións fixadas na lei de universidades para ser autorizada: "complementar e mellorar" a oferta universitaria pública.
A Xunta resta importancia ao trámite e a oposición rexéitao
Fronte ao malestar das universidades públicas e da oposición parlamentaria, dende a Consellería de Educación réstase importancia a este trámite, por ser "preceptivo e non vinculante" e implicar só "analizar se o anteproxecto de lei se axusta aos requirimentos establecidos pola normativa galega e estatal". "Trátase dun trámite máis", reitera Educación, que evidencia que a lei para autorizar a universidade promovida por Abanca aínda ten que ser aprobada polo Consello da Xunta e despois, polo Parlamento. Posteriormente, aínda cumpriría un decreto para que inicie a súa actividade.
Fronte ao rexeitamento das universidades públicas e da oposición, a Xunta resta importancia ao trámite por non ser "vinculante" e evidencia que lei para autorizar o centro privado aínta ten que pasar polo Consello do Goberno galego e o Parlamento
As tres universidades públicas discrepan da apertura da primeira universidade privada galega e tamén o fan as forzas da oposición parlamentaria. Así, este martes o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu o Goberno de Alberto Núñez Feijóo da necesidade de "escoitar" os reitores da universidade pública e, ao cabo, de "defender o público". Porque a responsabilidade da Xunta, advirte, é garantir que o Sistema Universitario Galego mantén "todos os requisitos legais de calidade investigadora e docente" e un proxecto coma este implica "riscos" de que esas "garantías de calidade" non estean garantidas.
Pola banda do BNG a súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, subliñaba tras coñecer o ditame do Consello de Universidades que "crear unha universidade privada nun país coma o noso xeraría enormes distorsións" porque no canto de "complementar" a oferta pública, "prexudicará ás tres universidades galegas". Dende En Marea o seu voceiro, Luís Villares, advertía este martes da súa oposición á apertura dunha universidade privada que "non fai falla". "Despois de que Núñez Feijóo asfixiase as universidades públicas nós últimos anos", censura, propicia a apertura dunha privada que ademais, asegura, está a ser tramitada con defectos "formais" como a ausencia dunha "memoria xustificativa da súa legalidade".