A Xunta vén de iniciar a tramitación da que será a primeira universidade privada de Galicia, a 'Universidad Intercontinental de la Empresa', impulsada por Abanca a través de Afundación. O centro terá a súa sede administrativa en Santiago de Compostela, aínda que impartirá os seus estudos na Coruña e Vigo, nos actuais centros do Instituto de Educación Superior Internacional de Empresa (Ieside). A nova universidade iniciará a súa andaina unha vez que se aprobe a lei que a constitúe e as previsións é que xa poida estar en funcionamento no curso 2020-21, aínda que dependerá dos prazos da tramitación da norma.
O centro terá a súa sede administrativa en Santiago, aínda que impartirá os seus estudos na Coruña e Vigo
A Universidade Intercontinental da Empresa botará a andar con catro graos, catro másters e dous programas de doutoramento, centrada nas ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura. As ensinanzas, "especializadas no eido da empresa", impartiranse nas seguintes estruturas docentes: Instituto Universitario de Administración de Empresas e Dereito, Instituto Universitario de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial e Instituto Universitario de Investigación. O centro expedirá títulos "de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional" nas modalidades presencial e semipresencial.
A universidade podería botar a andar xa no curso 2020-21
A universidade constitúese como “Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa”, sen ánimo de lucro. Segundo o anteproxecto de lei, nova a universidade establecerá un sistema propio de bolsas e axudas ao estudio en consideración ao expediente académico do/a estudante e as súas circunstancias persoais e familiares, para o que destinará o 15% dos ingresos totais obtidos anualmente.
Na actualidade, o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) está adscrito á Universidade de Vigo, unha adscrición que se manterá ata que se conceda a autorización do inicio das actividades á Universidad Intercontinental da Empresa. IESIDE xa impartía os estudos oficiais de grao en Administración e Dirección de Empresas e o máster universitario en Dirección e Administración de Empresas.
As ensinanzas, "especializadas no eido da empresa" estarán centradas nas ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura
En decembro do pasado ano coñecíase que Afundación realizara no mes de outubro unha solicitude formal ante a Xunta para constituír a primeira universidade privada de Galicia, o que levou ao reitor da Universidade de Vigo a amosar a súa "preocupación". Manuel Reigosa sinalou que “albiscamos con preocupación a implantación dunha oferta formativa paralela e semellante á do Sistema Universitario de Galicia” e alertou de que “se isto se aproba, imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos”.
A lei obriga a que o catálogo de novas titulacións ofertadas sexa "complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes"
En efecto, a Lei 6/2013 do Sistema universitario de Galicia obriga a que no caso de que se cree unha nova universidade, "o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas". (artigo 13).
Na actualidade, ademais de IESIDE xa estaba operando en Galicia CESUGA, adscrita á aragonesa Universidad de San Jorge, e que nos últimos anos levou a cabo movementos para constituír unha universidade privada de seu en Galicia, o que tamén espertou a preocupación e as críticas por parte das universidade pública.