Todo o alumnado maior de 6 anos deberá levar máscara na clase, cunha distancia de seguridade de 1,5 metros

Pomar e Vázquez Almuíña, na xuntanza conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde © Xunta

Despéxase un pouco o camiño para o regreso ás aulas, que en Galicia terá lugar o vindeiro 10 de setembro (para Infantil e Primaria) e o 16 no resto de niveis. O Goberno acordou este xoves coas comunidades autónomas unhas pautas básicas que buscan evitar contaxios e facer máis segura a volta ao cole. As recomendacións, que deberán ser desenvolvidas por cada comunidade autónoma, contaron co apoio de todos os territorios, agás de Euskadi, que malia estar de acordo co contido do documento aprobado, expresou a súa crítica por unha cuestión competencial, ao subliñar que a educación é unha materia de competencia exclusiva do seu Goberno.

A distancia mínima de seguridade recomendada queda fixada en 1,5 metros. A Xunta rebaixara esta distancia de seguridade a tan só un metro cando o alumnado estea sentado nos seus pupitres

Entre as 29 medidas e 5 recomendacións aprobadas destaca sobre todo a obrigatoriedade de uso da máscara de protección para todos os alumnos e alumnas a partir dos 6 anos de idade, independemente de que se poida respectar a distancia de seguridade mínima, que queda fixada en un metro e medio. Esta recomendación contradí as normas anunciadas nas últimas semanas pola Consellaría de Educación, que rebaixara esta distancia de seguridade a tan só un metro cando o alumnado estea sentado nos seus pupitres mirando en dirección á mesa do mestre ou mestra.

A reunión celebrouse de forma telemática e nela participaron o ministro de Sanidade, Salvador Illa; a ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá; a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias; e os conselleiros e conselleiras autonómicas de Sanidade e Educación, entre eles os galegos Jesús Vázquez Almuíña e Carmen Pomar.

Máscaras cirúrxicas para o coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Da xuntanza saíu tamén o obxectivo de asegurar a presencialidade sempre que sexa posible, sobre todo en Infantil, Primaria e nos primeiros cursos de Secundaria. Ademais, acordouse que os centros educativos "manteranse abertos durante todo o curso escolar asegurando os servizos de comedor, así como o apoio educativo a menores con necesidades especiais ou de familias socialmente vulnerables".

Os centros educativos "manteranse abertos durante todo o curso escolar asegurando os servizos de comedor, así como o apoio educativo a menores con necesidades especiais ou de familias socialmente vulnerables"

Con todo, tamén se fai fincapé en fomentar as vías telemáticas para aquelas actividades non esenciais ou para actividades non lectivas. De igual xeito, faise un chamamento a que o persoal que traballe no centro educativo "reducirá ao imprescindible a súa permanencia no mesmo".

Ademais, aprobouse unha Guía de actuación ante a aparición de casos de COVID-19 en centros educativos, que define tres posibles escenarios de maior ou menor gravidade e apunta pautas de acción en cada unha delas. Este texto apunta a que no caso de que apareza un caso positivo na aula, todos os seus contactos pasarían a estar en corentena durante 14 días nos seus domicilios. No caso dos grupo de convivencia estable, a totalidade do grupo pasaría inmediatamente esta corentena. Así mesmo, descártase o peche completo de centros de ensino ante a aparición de casos, limitándose esta medida aos escenarios de maior gravidade, cando haxa transmisión comunitaria fóra de control.

Algunha das medidas e recomendacións aprobadas:

  • Todos os centros deberán designar unha persoa responsable para os aspectos relacionados coa COVID-19.
  • O uso da máscara de protección será obrigatorio a partir de 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersoal. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, avanzou este xoves que Galicia tentará ampliar esta norma, de xeito que a máscara será recomendable tamén para os nenos e nenas entre 3 e 6 anos "sempre que sexa posible".
  • De forma xeral manterase unha distancia interpersoal de cando menos 1,5 metros. 
  • Non se fixan ratios máximos de alumnado por aula. A ministra de Educación, Isabel Celaá afirmou que este cocientes xa se están reducir grazas á "contratación de profesores que anunciaron todas as comunidades autónomas".
  • En Infantil e no primeiro ciclo Primaria, o alumnado organizarase en grupos de convivencia estable para que os nenos e nenas poidan socializar e xogar entre si, pois nestes casos non se aplicarán os criterios de limitación de distancia.
  • Todos os espazos ventilaranse con frecuencia, cando menos durante 10-15 minutos. O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, recomendou facelo antes e despois de cada clase, no recreo e ao final do día e mesmo apuntou que "se é posible" as clases deberían levarse a cabo "con xanelas e portas abertas.
Un momento da xuntanza conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde © Xunta
  • Tomarase a temperatura corporal a todo o alumnado e ao persoal de forma previa ao comezo da xornada. Estas medicións poden ser realizadas polas familias nas propias casas, acompañadas dunha 'declaración responsable' de que o alumno ou alumna non acode a clase con febre. Tamén se poderán realizar nos propios centos de ensino.
  • Realizarase unha hixiene de mans de forma "frecuente e meticulosa", cando menos cinco veces ao día.
  • O alumnado recibirá Educación para a Saúde
  • Intensificarase a limpeza dos centros, en especial nos baños e de lugares de maior uso
  • Nos comedores manterase unha distancia interpersoal de cando menos 1,5 metros e asignaranse postos fixos durante todo o ano para o alumnado.
  • No transporte escolar será obrigatorio o uso da máscara a partir de 6 anos e recomendable en nenas e nenos de 3 a 5 anos.
  • A suspensión da actividade lectiva presencial de forma unilateral por parte dun territorio só se adoptará "ante situacións excepcionais, previa comunicación ao ministro de Sanidade e previo acordo do Consello Interterritorial do Servizo Nacional de Saúde"

Pola súa banda, os conselleiros de Educación e de Sanidade do Goberno galego, Carmen Pomar e Jesús Vázquez Almuíña reaccionaron con satisfacción aos acordos acadados na xuntanza, destacando especialmente “as modificacións acordadas sobre a proposta inicial”, como o uso obrigatorio de máscaras de protección a partir de seis anos ou o feito de que se fixese fincapé nas medidas de ventilación dos espazos pechados, “xa que a evidencia científica está a ratificar” a maior importancia da transmisión aérea, moito máis importante que a que se produce sobre as superficies.

Os conselleiros de Educación e de Sanidade amosaron a súa satisfacción co acordo, especialmente coa obrigatoriedade das máscaras de protección e a importancia outrogada á ventilación dos espazos

Os representantes da Xunta tamén subliñaron como “positivo” que o Goberno Central incorporara a opción de toma de temperatura domiciliaria tanto para alumnado como para profesorado, “que permite máis anticipación ante a mínima dúbida ao actuar na casa antes de acudir ao centro escolar”. Pomar e Vázquez Almuíña afirman que o acordo aprobado este xoves “incorpora a meirande parte das medidas que xa están recollidas -ou co compromiso de incorporalas nas actualizacións previstas-” no protocolo da Consellaría de Educación. 

Con todo, os conselleiros de Educación e Sanidade criticaron “a pouca marxe” que tiveron para analizar a proposta do Goberno Central, “que foi recibida a última hora do día de onte”. E, igualmente demandaron ao Goberno Central a achega de “fondos específicos” para a aplicación das medidas contempladas no documento aprobado.

Carmen Pomar e Jesús Vázquez Almuíña, na xuntanza telemática que tivo lugar este xoves © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.