O pasado mes de setembro comezou a tramitación da lei na que apoiará a súa apertura a primeira universidade privada de Galicia, a Universidad Intercontinental de la Empresa, impulsada por Abanca a través de Afundación. Un centro privado que foi superando etapas, como o visto bo dado polo Consello Galego de Universidades en decembro, grazas aos votos da Xunta e do PP e malia a oposición das tres universidades públicas. O adianto electoral anunciado este luns por Alberto Núñez Feijóo pode dificultar, con todo, o obxectivo de que a Universidad Intercontinental da Empresa poida iniciar a súa andaina no curso 2020-21, como estaba previsto.
"Somos quen de responder ás novas competencias profesionais emerxentes con novas titulacións ou adecuando o número de prazas ofertadas nas xa existentes", din os tres reitores
Fronte a ela, ademais, posiciónanse de forma rotunda tanto as tres universidades públicas, que levan tempo criticando a súa apertura, como sindicatos e forzas da oposición, que apoian a Plataforma galega en defensa da universidade pública, que iniciou mobilizacións.
Os reitores da Universidade de Santiago, da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo veñen de difundir un comunicado "en defensa do Sistema Universitario de Galicia", no que reiteran que "non existe a necesidade de novas universidades" no país, subliñando que "estamos ás portas dunha baixada de estudantes locais por mor da grave crise demográfica que estamos a sufrir na nosa comunidade" e que "non se detecta falta de titulacións nin de prazas", engadindo que "se se detectan, somos quen de responder ás novas competencias profesionais emerxentes con novas titulacións ou adecuando o número de prazas ofertadas nas xa existentes".
Fan unha defensa, así mesmo, do sistema público, indicando que "fronte á iniciativa privada, pensamos que os esforzos dos cidadáns, a través dos seus impostos, deben ir encamiñados a fortalecer o actual sistema universitario público". "Entre todos temos construído un sistema forte, competitivo e ben artellado, e aspiramos a melloralo aínda máis facendo que sexa eficiente, eficaz e sostible economicamente", salientan.
"Fronte á iniciativa privada, pensamos que os esforzos dos cidadáns, a través dos seus impostos, deben ir encamiñados a fortalecer o actual sistema universitario público", din os tres reitores
Para iso, volven poñer sobre a mesa a demanda "dun novo sistema de financiamento que proporcione autonomía, suficiencia e estabilidade financeira e que permita afrontar efectivamente os custos estruturais, así como financiamento polos resultados obtidos polas nosas institucións".
Julio Abalde (UDC), Antonio López (USC) e Manuel Reigosa (Uvigo) destacan que na actualidade as tres universidades públicas "somos quen de permitir cos prezos públicos máis baixos de España (en Galicia o goberno autonómico tomou a decisión de optar por non subir os prezos durante os anos da crise), que as galegas e os galegos estuden preto da casa nunha universidade que está entre as 1000 mellores a nivel mundial".
"Non nos asusta competir coa iniciativa privada, o que si nos preocupa é que esa competencia sexa desigual", din
E conclúen afirmando que "non nos asusta competir coa iniciativa privada no eido da docencia, da investigación ou da transferencia porque somos moi conscientes da nosa capacidade". Porén, engaden que "o que si nos preocupa é que esa competencia sexa desigual, non se traballe coas mesmas condicións nin se establezan resultados comparables, xa que nesta situación se vería afectada a condición indispensable da igualdade de oportunidades".
Mobilización da Plataforma galega en defensa da universidade pública
O comunicado dos tres reitores fai un recoñecemento á mobilización da Plataforma galega en defensa da universidade pública, impulsada polas tres organizacións sindicais con representación nas tres universidades galegas (CIG, CCOO e UGT), así como polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes.
A Plataforma galega en defensa da universidade pública levou a cabo concentracións este martes pola mañá nos sete campus galegos para rexeitar a creación da universidade privada
USC, UDC e Uvigo agradécenlle á Plataforma "o seu compromiso e apoio" e pídenlle á cidadanía e ás institucións públicas "que poñan na súa axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía" para que as universidades públicas "sexan cada día un pouco máis fortes e poidan seguir mellorando e ocupando posicións de liderado na escena nacional e internacional".
A Plataforma galega en defensa da universidade pública levou a cabo concentracións este martes pola mañá nos sete campus galegos para rexeitar a creación da universidade privada, pedindo a paralización da tramitación da lei que necesita para iniciar a súa actividade.
As mobilizacións criticaron "a beizón da Xunta a esta iniciativa, malia a pouca información pública de que se dispón". As organizacións que a integran reproban que o Goberno galego "estea disposto a apoiar unha universidade privada ao tempo que ás públicas se lles nega a posibilidade de implantaren novos títulos de grao e de posgrao". "Isto, malia que a lei di que unha nova universidade ha ofertar, polo menos, oito titulacións entre graos e posgraos", engaden.
“Mentres se lle nega a autorización de novas titulacións ás universidades galegas e se ten conxelada a taxa de reposición dos seus efectivos, semella que se lle vai dar carta branca tanto para a contratación do profesorado como para a oferta académica, sen garantías de que se van cumprir os requisitos de calidade e excelencia que si se aplican nas institucións privadas", critica a Plataforma.