Feijóo tira de ETA para desprezar as críticas da oposición ao peche do paridoiro de Verín

Feijóo durante a sesión de control deste mércores no Parlamento, centrada no peche do paridoiro de Verín CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente acusa ao resto de partidos de “xogar coa vida dos bebés que nacen en Verín” pero considera un “insulto” que Pontón dixese que está “desesperado” pola crise sanitaria

“Cando volvamos ter pediatras recuperaremos os partos en Verín en 24 horas”. Con esa frase, seguida dunha ovación por parte dos deputados populares dunha intensidade propia das grandes ocasións, foi como Feijóo deu este mércores por pechada a sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia, na que a oposición centrou as súas intervencións na crise política que o Goberno galego ten aberta tras a súa decisión de pechar o paridoiro do hospital comarcal de Verín. Unhas críticas que o presidente desprezou, un día despois de que a cidadanía de Verín se manifestase ás portas do Parlamento, acusando ao resto de formacións de “radicais” por ser “socios de Bildu, o partido dos ex-etarras”.

Protesta contra o peche do paridoiro de Verín este martes ás portas do Parlamento de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Unha gran ovación dos deputados populares seguíu á intervención de Feijóo admitindo novamente que non ten solucións para o peche do paridoiro de Verín, que atribuíu a cuestións "técnicas" e "sanitarias"

O peche do paridoiro foi xustificado inicialmente pola Xunta pola suposta perda de habilidade do seu persoal por atender poucos nacementos, pero o propio Feijóo acabou recoñecendo que se debe á incapacidade do Goberno galego de atopar pediatras que atendan en Verín os bebés acabados de nacer ou desprazalos desde Ourense. Este mércores Feijóo insistiu en que a decisión de non permitir partos en Verín mentres non haxa pediatras é “sanitaria” ou “técnica” e asegurou que o paridoiro volverá abrirse se a Xunta atopa eses profesionais, para o que vén de volver convocar as prazas que xa quedaran vacantes previamente. 

Agarrándose a eses argumentos, o presidente acusou á oposición de “xogar coa vida dos bebés que nacen en Verín” por pedir que se reabra o paridoiro, unha acusación que lanzou despois de que el mesmo considerase un “insulto” que a portavoz do BNG, Ana Pontón, dixese que está “desesperado” pola crise política que ten aberta en Ourense, onde ata o PP provincial liderado por Baltar está en contra da medida tomada pola Xunta. 

“Vostedes son socios de Bildu, o partido dos ex-etarras, pero tamén hai outros socios de Bildu que me van preguntar por Verín”, respondeu Feijóo a Ana Pontón referíndose tamén as preguntas que despois lle formularían Gonzalo Caballero e Antón Sánchez

No debate, Pontón pediu a Feijóo que se desculpase polo xeito en que foi tratada unha nai que tivo que dar a luz en Verín tras o peche do paridoiro e que foi separada do seu fillo ao trasladalos aos dous a Ourense. “Violencia institucional contra as mulleres”, foi a definición de Pontón, ao que Feijóo retrucou criticando a “escalada de radicalización do BNG”, que dixo comprender porque “vostedes son socios de Bildu, o partido dos ex-etarras, pero tamén hai outros socios de Bildu que me van preguntar por Verín”, en referencia ás preguntas que a continuación lle formularon o PSdeG e o grupo Común da Esquerda. Unha introdución de Bildu no debate político galego que non é nova en Feijóo pero que desta volta non foi acompañada, como adoita acontecer nestas sesións de control dos mércores no Parlamento, de ningunha referencia a Venezuela.

Caballero, Sánchez e Pontón CC-BY-SA Praza Pública

Tras citar el mesmo a Bildu en resposta ao BNG, Feijóo acusou a Caballero de "mesturar a saúde dos bebés con Vox" por referirse a esa formación

No descorrer do debate o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu repetir a súa crítica habitual aos pactos do PP con Vox no resto do Estado implicando neles ao propio Feijóo por non censuralos. A resposta do presidente, poucos minutos despois de que el mesmo citase a Bildu na súa resposta ao BNG, foi a de acusar ao socialista de “mesturar a saúde dos bebés con Vox”. 

Caballero pediu a Feijóo o cesamento dos responsables do peche do paridoiro e Sánchez considerou que "ten a batalla perdida" xa que "a sociedade non lle vai permitir o peche"

Caballero pediu a Feijóo o cesamento dos responsables do peche do paridoiro e considerou a decisión un “ataque á sanidade pública galega, ataque ao medio rural e mostra da súa falta de credibilidade”. Similares críticas lanzou o portavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, que acusou ao presidente de estar “desconectado da realidade”. “Vostede pensa que pechando servizos públicos se potencia que a xente viva no rural? como pensa que a xente de Verín o ía aceptar?”, preguntou. 

“Vostedes din que non hai pediatras, como se vostedes non tiveran nada que ver, coas súas políticas aquí e coas do señor Rajoy de recortes”, acusou Antón Sánchez, que concluíu asegurando que Feijóo “ten a batalla perdida, cando antes rectifique mellor para vostede e mellor para todos, a sociedade non lle vai permitir que peche o paridoiro de Verín, está a facer o ridículo”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.