A Xunta comeza a recuar en Verín. Mentres a protesta polo peche da sala de partos do hospital comarcal non cesa, o nacemento dun bebé no centro pola imposibilidade de trasladar a nai a Ourense antes de que se producise o parto vén de tensar aínda máis o conflito e vén de empurrar o discurso do Goberno galego cara á rectificación.
Se hai unha semana Alberto Núñez Feijóo, concluía que "non ten solución" á combinación de poucos partos na zona e escaseza de pediatras, sete días despois o propio presidente da Xunta evita as afirmacións categóricas. E, no mesmo escenario de San Caetano, responde a preguntas da prensa abríndose a "reactivar" a sala de partos verinesa no caso de que haxa pediatras dabondo. Faino, non obstante, contradicindo o facultativo que decidiu atender o parto tras o peche do paridoiro. Se o bebé, primeiro e a nai, despois, foron trasladados a Ourense "por algo será", "algunha dificultade terían", especula.
O presidente da Xunta evita o argumento da perda de "pericia" na atención aos partos que usou Sanidade para xustificar o peche e di que valoraría a reapertura "no caso de conseguir pediatras"
Como nos últimos días, Feijóo reitera que o peche da sala de partos non foi unha decisión "política", senón que o seu Goberno se limitou a seguir indicacións de "xinecólogos, obstetras e pediatras" do hospital de Ourense. Agora ben, "no caso de conseguir pediatras para que atendan o neno despois do parto", matiza, "volveremos valorar a posibilidade de reactivar eses partos" que "son 60 ao ano". Nesta ocasión, o presidente evitou referirse á perda de "pericia" na atención aos partos que, segundo a Consellería de Sanidade, estaba na cerna da decisión.
Mentres o persoal que atendeu o parto asegura que non existiron problemas que motivasen o traslado, Feijóo mantén que "se a paciente e o seu bebé foron derivados (...), algunha dificultade terían"
Sobre o parto atendido de urxencia tras decidir o xefe de Xinecoloxía de Verín non trasladar a muller ante o risco que dese a luz de camiño a Ourense, Feijóo rexeitou "entrar na historia clínica da nai nin do neno", porque "sería un delito". Non obstante, xustifica o controvertido traslado posterior, con bebé e nai separados. Mentres que o devandito doutor e outro persoal do hospital detallan que non existiu complicación ningunha no parto, Feijóo conclúe que "se a paciente e o seu bebé foron derivados por prescrición facultativa, algunha dificultade terían", porque "cando un paciente é derivado" a outro hospital "será porque ten algunha complicación".
En calquera caso, o presidente da Xunta relega a decisión a de "reactivar" ou non a sala de partos a que sexan cubertas as dúas prazas de pediatría en Verín que ficaron desertas en xuño e que este mesmo xoves volvían ser convocadas, con carácter temporal e pola vía do concurso de méritos. Se son cubertas, asegura, volverán decidir os médicos de Ourense, que "saben un pouco máis de neonatos que os políticos, os comentaristas e os tertulianos".
Gonzalo Caballero reta a Feijóo a "vir a Verín" e Baltar sinala o "clamor"
"Feijóo atreveuse a dicir que todos os xinecólogos de Ourense estaban de acordo co peche, iso é mentira", afirmou Caballero en Verín, onde afirmou que a defensa da sala de partos é xa "causa común de todos os galegos"
O nacemento de urxencia en Verín malia o peche da sala de partos producíase poucas horas antes da segunda visita ao persoal mobilizado contra o peche por parte do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuxa viaxe estaba prevista de antemán. Ao chegar, relata o líder socialista, soubo dos detalles dun "acontecemento que pon en valor a importancia de manter o paridoiro en pleno funcionamento no hospital de Verín".
A atención aos partos, afirmou Caballero en compaña de veciñanza e persoal mobilizado e mais de cargos do PSdeG na provincia, "estivo funcionando con normalidade e seguridade" en Verín durante toda a historia do hospital. Agora, censura, Feijóo "atreveuse a dicir que todos os xinecólogos de Ourense estaban de acordo co peche" pero el mesmo vén de comprobar que "iso é mentira" e, daquela, unha "mostra de que hai un criterio político de eliminar o paridoiro".
Neste contexto e dado que "Feijóo non quere vir a Verín a responder", o secretario xeral do PSdeG asegura que esta "vai ser unha causa común xa non dos cidadáns de Verín e Ourense, senón de todos os galegos" que ven neste conflito "a importancia de defender a sanidade pública, tamén no rural e no interior". Por esta razón, avanza, na sesión de control que o Parlamento acollerá na vindeira semana, "vou preguntar a Feijóo por que quere pechar o paridoiro e se vai rectificar". "Dixémoslle que rectificase, que viñese a Verín para entender a importancia do paridoiro" e en calquera caso, asegura o tamén candidato socialista á Xunta, "imos dar a batalla para que non se peche".
Baltar admite o "clamor", pero rexeita que os seus deputados rompan a disciplina de voto no Parlamento
Case ao mesmo tempo, pero en Ourense, o xefe de filas do PP na provincia e presidente da Deputación, José Manuel Baltar, reafirmaba a súa oposición ao peche da sala de partos mentres admitía, a preguntas da prensa, que o rexeitamento cidadán á medida é todo "un clamor". Así e todo, Baltar rexeita o ofrecemento lanzado por grupos da oposición como BNG ou En Marea para que os nove deputados ourensáns do PP rachen a disciplina de voto e digan "si" á reapertura do paritorio. Non o farán, di, porque "asumen" a decisión da "maioría" do PPdeG e non concederán ese "espectáculo" aoas grupos da esquerda.