O peche da sala de partos do hospital de Verín segue a proer na vila ourensá e a súa comarca. Veciñanza, persoal e colectivos mobilizados non queren, malia ao cansazo polas protestas das últimas semanas, que o asunto caia da axenda política e social galega. Por iso traballan xa en novas mobilizacións e xa teñen marcada en vermella unha nova data, a do 17 de decembro, cando trasladarán a súa reivindicación ao Parlamento de Galicia mentres, ao tempo, segue a xermolar unha nova mobilización unitaria contra a política sanitaria da Xunta para despois do Nadal.
Veciñanza de Verín e persoal do hospital comarcal mobilizarase o 17 de decembro ante o Parlamento coa vontade de que non esmoreza a reivindicación contra o peche
Cadrando co desenvolvemento dun dos últimos plenos do ano, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca de Monterrei concentrarase nesa xornada durante dúas horas -de 12h a 14h- ante a sede do lexislativo galego. Unha empresa local de autobuses está a facilitar, con billetes a baixo prezo, unha mobilización que impulsa tanto persoal do hospital comarcal como veciñanza da vila e que tamén foi abordada o pasado luns na asemblea celebrada no auditorio verinés, onde comezou a bosquexarse xunto á plataforma SOS Sanidade Pública a que, con toda probabilidade, será a vindeira manifestación unitaria.
Os participantes na mobilización no Parlamento recibirán ante o pazo do Hórreo o apoio dos grupos da oposición parlamentaria, que nas últimas semanas tamén se desprazaron a Verín e participaron nas mobilizacións da propia localidade ourensá. Mentres, dende a Xunta o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, reiteraba este martes que -malia a oposición do PP de Ourense- o peche o non está en cuestión, volvendo poñer o foco na carencia de persoal para cubrir o servizo. "Hoxe por hoxe, non teño solución", reiterou, na liña do manifestado a pasada semana tras o Consello da Xunta.
Mobilización no comezo de 2020
O peche da sala de partos de Verín, pero tamén outros conflitos ligados ao Sergas, estarán sobre a mesa este xoves na xuntanza xeral da plataforma SOS Sanidade Pública. O colectivo, do que participan organizacións do eido sanitario, pero tamén centrais sindicais e formacións políticas, regresa de Verín co convencemento de que existe impulso para unha nova mobilización unitaria.
A venda de Povisa ou a situación da Atención Primaria estarán tamén presentes na nova mobilización que prepara SOS Sanidade
O "apoio ás mobilizacións de Verín contra o peche do paridoiro" e contra "o desmantelamento dos hospitais comarcais" estará na cerna dunha mobilización que, adiantan, abordará tamén outros conflitos. Concretamente, subliñan a situación do hospital privado-concertado Povisa tras ser mercado por Ribera Salud, do grupo multinacional estadounidense Centene. Ademais, o estado das negociacións e movementos no eido da Atención Primaria, para a que a Xunta presentou ata tres plans diferentes de mellora.