Parto de urxencia en Verín tras o peche do paridoiro

Mobilización ás portas do Hospital de Verín © Común da Esquerda

Desde o pasado 1 de decembro, o Hospital Comarcal de Verín quedou de vez sen a atención aos partos e o servizo de urxencias pediátricas. A polémica decisión do Sergas, que alude á falta de "pericia" dos profesionais polo baixo número de nacementos e ao apoio dos traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), ergueu persoal e cidadanía. Continúan coas mobilizacións mentres advirten de que o problema real derívase da "mala xestión" da Xunta, a falta de pediatras e a negativa dos profesionais a acudir ao seu centro pola falta de incentivos e a necesidade de manter un número suficiente de partos no CHUO.

O xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital decidiu incumprir as ordes do Sergas e atender o parto para evitar que a muller dese a luz na ambulancia

Aí é a onde, desde que empezou este mes, deben ser trasladadas as nais da comarca de Monterrei que dean a luz. Un mínimo de arredor dunha hora por estrada, condicións que son rexeitadas por profesionais e cidadanía. Desde o hospital de Verín, persoal de Obstetricia e Xinecoloxía leva tempo advertindo do risco, non só da decisión senón da inmediatez dela e da falta de pautas a seguir no caso dunha complicación. Preguntábanse que ocorrería se unha muller chegase cun parto avanzado ao centro hospitalario nas circunstancias actuais. E así pasou. 

Unha muller acudiu na madrugada deste xoves ao hospital verinense cun parto moi avanzado e a término. Segundo informa o Sergas, a nai entra pouco antes da 1 da madrugada. Javier Castrillo, xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do centro e nese momento de garda, decide daquela non cumprir cos protocolos ordenados polo Sergas de trasladar calquera muller a Ourense para dar a luz tras o peche do paridoiro. 

O xinecólogo considerou inviable esa posibilidade ante o alto risco de que o parto se producise na ambulancia camiño do CHUO, tal e como confirmou Praza.gal. 

Protesta contra o peche da sala de partos de Verín, ante o hospital o pasado 5 de decembro CC-BY-NC-SA Praza Pública

O parto, sen complicación ningunha, produciuse finalmente ás 5.50 da madrugada e tivo lugar baixo a asistencia, segundo Sanidade, dun xinecólogo, enfermeira obstétrica, anestesista e pediatra. Ás 6.30, 40 minutos despois de dar a luz, o especialista pediátrico chegado desde Ourense decide trasladar o neonato en ambulancia medicalizada até o CHUO, a onde tamén é trasladada a nai, que non chega ao hospital ourensá ata as 9.41, case catro horas máis tarde do nacemento e máis de tres horas despois da marcha do seu pequeno. 

O neonato foi trasladado ao hospital de Ourense aos 40 minutos de nacer e sen a nai, que chegou ao CHUO máis de tres horas despois da marcha do seu pequeno

Antes, pouco despois do ingreso da nai, o doutor Castrillo solicitara a presenza dun pediatra que se trasladase desde Ourense ante a ausencia dese especialista no hospital. Segundo denuncia, e logo de varias conversas con diferentes responsables da área de Xinecoloxía e da xerencia, a solicitude foi finalmente aceptada logo de que se poñese en dúbida a súa conveniencia. 

Advertíronlle ao xinecólogo, segundo relata, da súa "responsabilidade" por ter atendido un parto nun hospital que carece agora dese pediatra que estaba reclamando, e que en moitas outras ocasións se trasladou desde a capital, e por non acceder ao traslado da muller en ambulancia.  

Ante esta situación, Javier Castrillo puxo en coñecemento do xuíz de garda o caso para "salvagardar" a súa responsabilidade ante unha situación que o podía comprometer "legalmente", tal e como explicou este xoves en declaracións aos medios. 

Segundo di, o maxistrado determinou que o obxectivo principal era velar pola "maior seguridade, benestar e a vida" tanto da nai como do neno. Desde Ourense acabaron mandando un pediatra tras as dúbidas iniciais e logo de que este médico especialista insistise na súa decisión de non trasladar a muller para evitar así que dese a luz na ambulancia ou sufrise algún risco innecesario. 

O doutor puxo en coñecemento do xuíz de garda a ausencia dun pediatra e o risco que supuña enviar a muller cun parto tan avanzado a Ourense

"O traslado a Ourense está contraindicado, todas as guías e recomendacións contraindican facelo se hai unha probabilidade razoable de que se produza un parto no camiño porque, nese caso, hai complicacións que non se poden remediar", advirte Castrillo. 

O Sergas, consultado por este diario, asegura que "non existíu, en momento ningún, negativa por parte de pediatría a trasladarse ao Hospital de Verín, e polo tanto ese traslado non ten relación ningunha cunha suposta intervención xudicial neste procedemento". Ademais, explica que esa comunicación co xuíz de garda "non foi comunicado á Dirección da Área Sanitaria de Ourense, nin oralmente nin por escrito" por parte do obstreta de garda.  

Sexa como for, o neno foi separado da súa nai aos poucos minutos de nacer, evitando o "pel con pel" recomendado durante as primeiras horas de vida e malia que o xinecólogo de garda asegura que ese traslado "non era preciso a priori" polo bo estado de saúde do pequeno tras un parto sen complicacións. 

Hospital de Verín, nado como fundación nos 90 e rescatado para o Sergas en 2008 © Google

Outras fontes do persoal do hospital verinense denuncian unha decisión por parte do pediatra chegado desde Ourense que cualifican de "violencia obstétrica" e que podería ter "consecuencias para o pequeno nun futuro", ademais de "incumprir calquera guía o recomendación sobre o parto". 

Segundo denuncia o pai do neno en Diario do Támega, a nai, á súa chegada ao CHUO, tivo que agardar sentada nunha cadeira de rodas durante dúas horas malia atoparse "mareada e sufrir sagrados" e non logrou ver o fillo ata as 11.30 da mañá, cinco horas despois do seu traslado a Ourense. 

O neonato foi separado da nai aos poucos minutos de nacer, incumprindo as recomendacións no parto

Profesionais do mesmo centro estudan xa poñer en coñecemento esta actuación do Comité de Ética ou mesmo acudir á vía xudicial ante unha situación "que non se pode consentir". 

Á espera da resposta do Sergas, co que contactou este diario, a Consellería de Sanidade asegurou ao Faro de Vigo que "non houbo negativa" de que un pediatra se desprazase a Verín e que, xa que logo, "non houbo intervención xudicial". "É moi grave o que se di, que o presente por escrito", din respecto das declaracións do xinecólogo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.