O PP definira xa a súa estratexia de campaña hai máis de dous meses. Daquela, a voceira do PPdeG, Paula Prado, dixera "entender as dificultades do Bloque para condenar accións que a Audiencia Nacional considera terroristas, como as de Resistencia Galega". "Galicia ten prioridades moi diferentes ás de Bildu e os galegos reflectirán a súa disconformidade con esta coalición nas urnas", manifestara logo de confirmarse a coalición entre o Bloque e os abertzales. Só horas antes, Novas Xeracións, a través da súa conta de Twitter, asegurara que os acordos "entre partidos que non condenan a violencia" non os representaban.
Agora, e no ecuador da campaña, é o presidente da Xunta -que adoita vincular o nacionalismo con posicións violentas- o que volve coa teima. Así, este sábado Núñez Feijóo pediu o voto dos galegos e a mobilización do PP ante as eleccións europeas do día 25 de maio para que non representen a Galicia "nin os amigos de Bildu nin os de Resistencia Galega", en alusión tanto ao BNG como a AGE.
Feijóo pediu o voto para que Galicia non estea representada en Europa "nin polos amigos de Bildu nin de Resistencia Galega"
E fíxoo nun acto electoral celebrado no pavillón de deportes municipal de Ourense, xunto coa vicepresidenta do Goberno de España, Soraya Sáez de Santamaría, a popular Carmen Pardo e outros do partido. Núñez Feijóo pediu a máis dun milleiro de asistentes, que se mobilicen para "dar un último impulso" ao PP. "Temos que seguir explicando o noso proxecto e pedir un último impulso porque temos que volver confirmar que en Galicia somos o partido maioritario e que en España seguimos sendo o da maioría e todo iso xogámonos o día 25", engadiu.
O presidente da Xunta presumiu de que o PP está a "dar a volta o marcador da economía" co Goberno de España que "leva anos combatendo con seriedade e acerto, pero non é suficiente unha lexislatura", engadiu. Ademais, non dubidou en desdeñar o resto de candidatos porque, segundo el, preséntanse a Europa "para fuxir de aquí", para "rescatar a súa carreira política" ou para "pór o pinganillo e facer proclamas de secesión e división".
O presidente da Xunta cre que o resto de candidatos van a Europa "para rescatar a súa carreira política"
A iso contraponse o PP, segundo Feijóo, que "pon a alguén que formou parte do Goberno de España que sacou ao país do buraco, aínda que outros -o PSOE- leven a un candidato que estivo no Goberno que fixo que Europa se espantase de España". "España foi a cruz do euro e levamos algún tempo marcando a cara do euro, así que deixar que os que piden o voto para Bildu se sigan explicando e aos outros que digan por que romperon cos nacionalistas e van agora con EU", reiterou, sobre BNG e AGE.
Segundo Núñez Feijóo, cada día que pase "vai contra eles pois cada día queda máis lonxe a ameaza de rescate, a quebra dos servizos públicos e a Galicia dividida con loitas dentro do seu Goberno -en alusión ao bipartito-, e cada día está máis preto o deixar de falar de paro para falar, nos próximos dous anos, de emprego", engadiu.
Feijóo aproveitou a ocasión para reivindicar o Día das Letras Galegas como "día do idioma que caracteriza ao noso pobo", e defendeu a "liberdade para usalo" cun bilingüismo cordial. Ademais, insistiu en enxalzar a unidade territorial do Estado "porque somos un pobo e queremos que nos vexan como o que somos, unha parte de España", asegurou.
Galicia, segundo o presidente galego, non se sente identificada cos que queren "o referendum que queren noutros pobos" -en referencia a Cataluña- nin coa "frivolidade dos gobernos de Rodríguez Zapatero" nin que se pense" na comunidade autónoma "como un lugar sen intelixencia".
Nese sentido, lembrou que o fundador do PP era galego así que, preguntouse: "como non vai haber vida intelixente en Galicia?". Segundo Feijóo, a xente intelixente "rodéase de xente intelixente" e presentou así a Soraya Sáenz de Santamaría, que lle seguiu no atril, como a "vicepresidenta máis intelixente" elixida por outro galego, o presidente Mariano Rajoy.