Centos de persoas do sueste da provincia de Ourense viaxan máis de dúas horas para amosar a súa indignación ante o Parlamento de Galicia, onde Feijóo se defendeu presentándose como garante da seguridade dos bebés
A protesta de Verín avanza metros cara ao presidente Feijóo, literalmente. A concentración ás portas do Parlamento de Galicia convocada por diversos colectivos cidadáns e da sanidade pública para o mediodía deste martes, na que participaron persoas de todas as idades, acabou desbordando o dispositivo policial e cortando varias veces o tráfico na contorna da Cámara, que rodearon cunha marcha improvisada.
A poucos metros da protesta, no interior do Parlamento, Feijóo ofrecía aos medios de comunicación unha nova formulación do seu variado argumentario en defensa da súa postura de pechar o paridoiro: tras argumentar primeiro que a redución do número de nacementos afectaba á habilidade dos profesionais, e verse despois obrigado a recoñecer que a causa real era a incapacidade do seu Goberno de dotar de pediatras ao centro, este martes o presidente dixo que “se os veciños queren usar o paridoiro desde o punto de vista das súas decisións persoais, nós non temos inconveniente en que sexa baixo a súa responsabilidade, pero nós temos que garantir a seguridade dos bebés e iso pasa por atopar pediatras”.
Nove autobuses e numerosos vehículos particulares fixeron unha viaxe de máis de dúas horas, e outras tantas de volta, en defensa do hospital comarcal
Á protesta deste martes en Santiago desprazáronse 9 autobuses desde diversas vilas da comarca de Verín, ademais de numerosos vehículos particulares, que realizaron unha viaxe de máis de dúas horas, e outras tantas de volta. O seu longo desprazamento ata as portas do Parlamento non arrefriou os ánimos, máis caldeados que os doutra protesta sindical que se realizara no mesmo sitio poucos minutos antes. Un enfado que mesmo sorprendeu ao dispositivo policial despregado na zona, incapaz de impedir que numerosas persoas de avanzada idade os desbordasen obrigando a cortar o tráfico en varias ocasións entre as doce do mediodía, hora en que comezou a concentración, e a súa disolución pouco despois das dúas da tarde.
“Feijóo dimisión”, “o meu meniño non nace no camiño” ou “Feijóo, escoita, Verín está en loita” foron algúns dos berros
A intensidade da protesta da veciñanza da comarca de Verín, con berros de “Feijóo dimisión”, “o meu meniño non nace no camiño” ou “Feijóo, escoita, Verín está en loita”, conseguíu que o habitualmente comedido líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, botase con eles, ao igual que o resto de deputados do grupo Común da Esquerda, o BNG ou En Marea que saíron da Cámara a amosarlles a súa solidariedade.
“Só levantaremos as protestas cando vexamos o servizo aberto e funcionando”, advirten os mobilizados
Ante os medios de comunicación, Aurora Sola, da plataforma en defensa da sanidade pública da comarca de Monterrei, criticaba que o peche do paridoiro “vai obrigar á mocidade que vive na nosa comarca a abandonala”, e rexeitaba que a mobilización cidadá pare tras a decisión do Goberno galego de volver convocar prazas de pediatría para o hospital verinés coa esperanza de que non volvan quedar baleiras. “Só levantaremos as protestas cando vexamos o servizo aberto e funcionando”, sentenciou, tras lembrar que levan xa “16 días de peche indefinido”.
Desde o PSdeG, Gonzalo Caballero, que foi recibido entre aplausos e apertas ao saír do Parlamento e achegarse aos manifestantes, fixo propia a reivindicación dos alí congregados e garantiu que “un goberno progresista á fronte da Xunta garantirá que o paridoiro de Verín funcione con normalidade e seguridade”. Desde o grupo Común da Esquerda, a súa portavoz en cuestións sanitarias, Eva Solla, salientou que a súa formación levaba tempo advertindo de que a xubilación do anterior pediatra podería supoñer o peche do paridoiro de Verín, pero que “a Xunta fixo caso omiso” e agora a o peche, asegura, ameaza “tamén a outros servizos”. Pola súa banda, desde o BNG a deputada ourensá Noa Presas esixiu ao presidente que escoite o clamor social: “Ten que rectificar e reabrir o paridoiro de Verín de forma inmediata”.
A concentración deste martes ante o Parlamento supón a expansión fóra da comarca de Verín dunhas mobilizacións que xa prevén manterse durante varios meses
A concentración deste martes ante o Parlamento supón a expansión fóra da comarca de Verín dunhas mobilizacións que xa prevén manterse durante varios meses e que derivou na convocatoria dunha gran manifestación o 9 de febreiro tamén en Santiago por parte de SOS Sanidade Pública, plataforma que agrupa unha morea de entidades pola sanidade pública, profesionais e sindicais, que protestarán "contra o desmantelamento dos hospitais comarcais, a deterioración da Atención Primaria e a precariedade laboral do persoal sanitario".