O peche do paridoiro de Verín desencadea tres meses de protestas contra o Sergas

Mobilización no CHUO contra o peche do paridoiro de Verín © MMM Galiza

O peche desde o pasado 1 de decembro da atención aos partos e o servizo de urxencias pediátricas no Hospital de Verín ergueu de novo ben alta a mobilización contra a política sanitaria da Xunta. As protestas, constantes desde hai meses, son xa habituais no sector da enfermaría, nos médicos da Atención Primaria, nos traballadores de Urxencias ou dos PAC, entre a cidadanía afectada polos "recortes" e a falta de persoal ou mesmo nos futuros profesionais da sanidade. 

O peche do paridoiro de Verín volveu erguer a mobilización contra a xestión sanitaria da Xunta, contra a que levan meses protestando varios colectivos

O conflito sanitario non só non cesa, senón que aumenta. A decisión sobre o paridoiro de Verín sacou a rúa milleiros de persoas da comarca de Monterrei en diferentes mobilizacións. Este luns, unha concentración no CHUO volveu protestar contra a xestión do Sergas e o martes será ante o Parlamento onde se amosará o rexeitamento. É tan só o principio dunha vaga de protestas contra o Sergas xa convocadas de aquí ata principios de marzo. "O peor que podes facer no monte é meterte cun animal que teña que defender as súas crías... En Verín metéronse coas crías e coas nais e foi toda a cidadanía quen contestou", explicaba un profesional do centro hospitalario verinense. 

Así, neste mediodía, foi a Marcha Mundial das Mulleres quen convocou unha concentración no Hospital de Ourense "en protesta polo acontecido no último parto en Verín", en referencia ao primeiro nacemento de urxencia que foi atendido tras o peche do paridoiro e tras o que o neonato foi separado da nai tras poñer o xinecólogo a ausencia de pediatras en coñecemento do xuíz de garda. 

Unha concentración no CHUO este luns reclamou a reapertura do paridoiro, o mesmo que este martes reivindicará outra mobilización ante o Parlamento

As convocantes decidiron, ademais, levar a cabo un peche simbólico na entrada do CHUO, onde volveron berrar que "Verín non se pecha" e onde reclamaron a reapertura inmediata do paridoiro e que o Sergas cubra as dúas prazas de pediatría pendentes. "Xunta culpable, xerencia cómplice", clamaron. 

O martes, pola súa banda, é a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei quen convoca a unha protesta contra o peche do paridoiro en Verín e o "desmantelamento" do hospital comarcal. Será ás 12 do mediodía e ata as 14 horas ante o Parlamento, en Compostela, nunha concentración apoiada por numerosos colectivos, entre eles SOS Sanidade Pública. 

Precisamente, SOS Sanidade Pública, plataforma que agrupa unha morea de entidades pola sanidade pública, profesionais e sindicais, decidiu tamén a convocatoria dunha gran manifestación para o vindeiro 9 de febreiro en Santiago "contra o desmantelamento dos hospitais comarcais, a deterioración da Atención Primaria e a precariedade laboral do persoal sanitario". 

Coa creación dunha comisión de traballo para organizar esta marcha, SOS Sanidade Pública abre tamén a posibilidade que as diferentes plataformas locais leven a cabo concentracións nos diferentes centros hospitalarios galegos o vindeiro 28 de decembro tamén "contra o desmantelamento" dos servizos sanitarios comarcais. Sería a previa á gran marcha, a do 9 de decembro, que xa estaba na mente do colectivo e que o ocorrido en Verín non fixo máis que ratificar. Unha gran marcha unitaria. 

SOS Sanidade Pública convoca unha gran marcha o 9 de febreiro "contra o desmantelamento dos hospitais comarcais, a deterioración da Primaria e a precariedade laboral"

Ademais, a plataforma Galegas 8M decidiu tamén en asemblea que a manifestación  nacional previa do 8 de marzo de 2020 teña lugar en Verín o primeiro dese mesmo mes. "A loita en Verín polo peche do paridoiro representa a loita pola dignificación dos coidados, dos dereitos sexuais e reprodutivos, dos servizos públicos; a loita contra a dispersión da poboación e o despoboamento do rural, e contra a violencia obstétrica. É unha loita pola vida", resume o colectivo tras o primeiro encontro preparatorio celebrado en Ourense. 

Veciñanza de Verín, nunha das protestas contra o peche da sala de partos do hospital comarcal CC-BY-SA Plataforma Defensa Sanidade Pública Monterrei

A oposición insta a Feijóo a que reabra xa o paridoiro

Por outra banda, os grupos da oposición reclamaron este luns a Núñez Feijóo que deixe as "escusas" e reabra xa o paridoiro de Verín. Logo de que o presidente da Xunta recuase e asegurase que había posibilidade de reactivar a atención aos partos, PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea uníronse nas críticas ao Goberno galego. 

O secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, acusou a Feijóo de "estar enganando de forma continua" ao dicir "unha cousa distinta" cada día respecto do conflito aberto en Verín. Ademais, asegurou que este caso "exemplifica a política de recortes que a Xunta está aplicando no ámbito sanitario, especialmente no medio rural", e insistiu en que a palabra do presidente "non vale nada". 

A oposición acusa a Feijóo de "enganar", por "escusas" e optar por un cambio de postura "insuficiente e tramposo"

Desde Común da Esquerda, Luca Chao considera que o cambio de postura de Feijóo "é unha vitoria clara da cidadanía mobilizada" ante a "improvisación constante" dun presidente de quen reclaman que cese o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. 

Ana Pontón, pola súa banda, tamén instou a Feijóo a "rectificar". "Xa non valen máis escusas", dixo, tras criticar unha decisión que considera "política" e que agocha "intereses económicos". Luís Villares, voceiro do grupo mixto, ve "un xesto positivo" o "inicio da rectificación" levada a cabo polo presidente da Xunta, pero cre que é "insuficiente e tramposo" porque "non se pode supeditar o peche do paridotiro ao que diga o servizo de Xinecoloxía, que avogaba por pechalo". 

Desde o PPdeG, o seu portavoz parlamentairo, Pedro Puy, non ve falta de "coherencia" na rectificación de Feijóo e defendeu que agora pense nunha posible reapertura do paridoiro no caso de que se cubran as dúas prazas de pediatría que quedaron desertas en xuño. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.