O persoal médico e pediátrico de Atención Primaria mantivo o seguimento da folga convocada para este pasado xoves e este venres pola Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) reclamando unha "mellora" nas súas condicións de traballo e asistenciais e á Xunta que aplique de vez as medidas que levan meses solicitando.
Neste venres, segundo a AAS, o seguimento mantívose semellante ao do xoves aínda que con lixeiras variacións. Na quenda de mañá, o apoio á folga na área de Vigo era maioritario, do 88%, na da Coruña de case o 50%, na de Ferrol de máis do 62% ou en Lugo de practicamente o 40%. Desde o Sergas, o seu xerente, Antonio Fernández-Campa, advertiu do descenso na pariticipación respecto ao paro de xuño mentres que os datos facilitados pola Consellería de Sanidade baixaron a cifra a un 15,1% na mañá e un 14% na tarde.
A Asemblea de Áreas Sanitarias advirte dun seguimento semellante ao do xoves, cun apoio masivo na área de Vigo, e a Consellería redúceo ao 15%
Sexa como for, a AAS deu de prazo ata a primeira quincena de decembro para comprobar as melloras prometidas pola Xunta, logo de que o vindeiro 4 de decembro o Sergas presente as conclusións dos traballos levados a cabo xunto a uns 200 profesionais nas comisións técnicas creadas na pasada primavera, e que facilitaron a desconvocatoria dunha folga que xa estaba prevista daquela.
Desde o Sergas, pola contra, insístese en ofrecer diálogo, precisamente a través destes grupos técnicos que finalizan nestes días os seus traballos, unha proposta que desde a AAS ven con "pouca lóxica" a esta altura. De feito, será a partir destas conclusións e de como se visibilicen as medidas adoptadas na primeira quincena de decembro nos centros de saúde cando a Asemblea decida se continúa ou non coas mobilizacións.
No caso de que a situación non mellore, e segundo declaracións do voceiro da AAS, Alberto García, os profesionais médicos mobilizados na área sanitaria de Vigo abandonarán a docencia de residentes de primeiro ano. Os convocantes da folga insisten en reclamar recursos humanos, máis persoal traballando, mentres que outros profesionais, agrupados en sindicatos, asociacións profesionais ou entidades en defensa da sanidade pública, xa advirten tamén de novas mobilizacións "a nivel global" se os ofrecementos da Consellería tras meses de traballo continúan sen supoñer melloras palpables nas condicións, que implican, por exemplo, a sobrecarga asistencial que tanto denuncian.
As conclusións que a Consellería faga dos traballos nas comisións técnicas e os ofrecementos ao persoal determinarán se as mobilizacións continúan ou non
Mentres o persoal mobilizado asegura que as medidas do Sergas nos últimos meses tan só se notaron coa chegada de novas impresoras, desde Sanidade fálse tamén de novos escáneres ou ecógrafos. Ademais, e xusto neste venres, a Consellería destacou que está a investir "máis de 8,5 millóns de euros en renovar o equipamento sanitario e mobiliario dos centros de saúde", ao tempo que son moitos os profesionais que piden que esa premura e eses cartos investidos sexan destinados á contratación de persoal.
Ao tempo, a Conselleira lembrou tamén que destinará, nos seus orzamentos para 2020, "arredor duns 1.300 millóns para a Atención Primaria", unha cifra que, con todo, segue 142 millóns por baixo do que orzamentou o goberno bipartito hai unha década.