A Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) convoca para este mércores 27 e o xoves 28 os médicos de familia e pediatras de Atención Primaria a unha folga ante a "deterioración das condicións do traballo asistencial, relacionadas coa mala xestión, a carencia de recursos e a falta de decisión da Xunta para poñer en práctica as recomendacións internacionais sobre o papel da devandita Atención Primaria no sistema sanitario".
A Asemblea de Áreas Sanitarias volve convocar folga de dous días logo de que non fosen "escoitadas" as súas demandas tras o paro de xuño
Os profesionais, organizados en asembleas nas diferentes áreas sanitarias galegas tras a ruptura da anterior coordinadora co gallo da desconvocatoria dunha folga en abril, insisten no seu "malestar" e na "sobrecarga" sufrida nos centros de saúde e denuncian unha "xestión desligada da realidade e unha completa ausencia de medidas que aborden o problema". Todo mentres as comisións técnicas continúan avanzando ao tempo que o Sergas achega outras propostas á marxe da mesa de negociación.
Logo da folga levada a cabo o pasado 19 de xuño, a AAS asegura que as súas reclamacións "non foron escoitadas", motivo que levou os profesionais a convocar outra folga na que manteñen as demandas. Así, reclaman unha xerencia de Atención Primaria, máis tempo para atención ao paciente e limitación a 30 citas por día, así como maior estabilidade e a convocatoria de prazas que cubran todas as vacantes de todas as categorías.
Ademais, a AAS solicita un orzamento específico e propio para a Atención Primaria que alcance o 25% do presuposto total sanitario e unha atención homoxénea en todas as áreas que garanta a derivación de presenza física a todos os servizos hospitalarias e telenconsulta con resposta en menos de sete días.
Os profesionais mobilizados aseguran que metnres o Sergas di ter executado o 99% do Plan de Atención Primaria, os centros de saúde "continúan sen enterarse"
A AAS asegura que, mentres o Sergas di ter executado o 99% do Plan Galego de Atención Primaria, os centros de saúde "continúan sen enterarse". "O únco que fixeron foi cambiar as impresoras, que en moitas casos era innecesario. Eses deben ser os recursos cos que queren que atendamos aos pacientes", aseguran.
A folga está apoiada por todos os grupos da oposición e polos alcaldes de diferentes localidades galegas, así como polos sindicatos CESM, O'Mega e CIG-Saúde. Ademais dos paros, haberá concentracións tanto o día 27 como o 28 nas principais cidades galegas e noutras localidades. Case un milleiro de facultativos terán que cumprir cos servizos mínimos.