Logo das novas concentracións deste pasado xoves ante os centros de saúde, a Asemblea Galega de Áreas Sanitarias (AAS) convocou este sábado a unha manifestación da Atención Primaria que sairá ás 12 da Alameda de Santiago. Foi unha mobilización máis, fundamentalmente secundada por persoal médico, nun conflito sanitario que non cesa e tenlle varias frontes abertas á Xunta, mentres o Consello Técnico impulsado polo Sergas mantén os labores nas diferentes comisións, nas que traballan máis de 200 profesionais e con pequenos avances.
Desde a AAS aseguran que, tras “meses de conflito” na Atención Primaria, “non houbo ningunha mellora real” e que a Consellería de Sanidade “non fixo nada” que se notase. “Ten aberto moitas comisións de traballo pero non se ve no día a día da asistencia sanitaria”, critica o colectivo que une as asembleas de médicos das distintas áreas sanitarias de Galicia e que considera que "os anuncios na prensa non os notan os profesionais nin a poboación”.
A Asemblea de Áreas Sanitarias denuncia que, tras "meses de conflito, non houbo ningunha mellora real" na Atención Primaria
A mobilización do sábado reúne profesionais de toda Galicia, aínda que non está apoiada polas grandes plataformas sanitarias como SOS Sanidade Pública, que agrupa a maioría de colectivos e sectores.
Porque o conflito en Galicia deu un xiro coa creación desa ampla mesa de diálogo impulsada polo Sergas, unha das medidas que sindicatos e colectivos reclamaran para desconvocar a folga de tres días que estaba prevista en abril. O Consello Técnico, a inclusión de cinco puntos “irrenunciables” nas conversas e o cambio no modelo de negociación detiveron aqueles paros, pero non o malestar, que agromou en poucas horas. Na Atención Primaria, a protesta derivou en varias frontes e na conformación das asembleas sanitarias á marxe dunha coordinadora que agrupaba diferentes entidades.
Fontes dalgúns dos profesionais e colectivos que traballan nas comisións creadas pola Xunta din “respectar” a convocatoria da manifestación pero non cren que “sexa o momento” cando están, din, “en plena negociación coa Xunta e dando pasos”. Dos cinco puntos “irrenunciables” que propuxeron ao Sergas, aseguran ter compromisos na maioría deles, á espera de avanzar na petición de aumento no orzamento para que o 25% do total no ámbito sanitario sexa dedicado á Atención Primaria ou na convocatoria de oposicións para cubrir “prazas vacantes e non de interinos”.
Profesionais que traballan nas comisións impulsadas polo Sergas non cren que "sexa o momento" de mobilizacións cando están "en plena negociación coa Xunta"
Este mesmo venres, o Sergas anunciou a creación dunha dirección de Atención Primaria en cada área sanitaria para “fortalecer o primeiro nivel asistencial” e que estará diferenciada da Dirección de Atención Hospitaiaria e ao mesmo nivel que esta.
“Estamos avanzando e haberá que esperar aos resultados”, advirten estas mesmas fontes, que sinalan que será no vindeiro mes de novembro cando se empece a negociar o “novo modelo” que pretenden todos os sectores mobilizados na Primaria.
Seis demandas fundamentais
Desde as AAS advirten de que non se notan os avances e apelan ás súas seis reivindicacións fundamentais para secundar a protesta. Entre elas, que se inclúa máis tempo para atender o paciente e a limitación a 30 citas por día ou a atención homoxénea en todas as áreas sanitarias ou a cobertura do 100% de todas as ausencias en todas as categorías. Tamén esa xerencia de Atención Primaria, que a Xunta asegura que acaba de crear baixo a denominación de "dirección", e a “oferta e convocatoria de todas as vacantes en todas as categorías mediante unha Oferta Pública de Emprego”.
Fontes da negociación co Sergas insisten en que haberá que agardar para avaliar os resultados dos traballos no Consello Técnico, pero lembran que hai máis de 200 profesionais implicados en quince comisións.
Sexa como for, e tras a exitosa folga do pasado mes de xuño e dos paros de médicos en Vigo en maio, a AAS convoca tamén unha nova folga de dous días, o 27 e 28 de novembro, en toda a Atención Primaria do Sergas.