A Xunta cede e acepta todas as reivindicacións que os sindicatos e a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) fixeran para desconvocar a folga prevista nos centros de saúde de Galicia desde este martes 9 e ata o vindeiro xoves 11.
O Sergas acepta "todas" as demandas dos impulsores da folga para desconvocla e asume que deberá negociar o novo modelo de Atención Primaria nunha gran mesa e con todos os colectivos
Logo dunhas catro horas de negociación, o comité de folga --no que están representados a CGAP e os sinditacos UGT, CIG, CSIF, CESM, CCOO e O'Mega-- e o Sergas alcanzaron un acordo que implica a desconvocatoria dos paros previstos en tres días e que supoñían un paso máis na conflitividade que no ámbito sanitario vive a Xunta desde hai meses.
Sanidade recuou. “É unha gran vitoria; nós non cedemos en nada pero eles acabaron cedendo en todas as nosas demandas, aceptaron todo”, explican fontes do comité de folga logo dunha xuntanza onde o Sergas asumiu que debe negociar o novo modelo de Atención Primaria, que foi tratando con diferentes colectivos e por separado nas últimas semanas, nunha gran mesa, nun Consello Técnico do que sairá finalmente ese novo modelo.
Así, a Consellería acepta negociar as demandas dos impulsores da folga: unhas, as de carácter laboral e relacionadas coas condicións de traballo, no marco da mesa sectorial; outras, respecto do carácter organizativo e asistencial, nese novo Consello Técnico de Atención Primaria, un órgano de carácter permanente no que estarán representados sociedades científicas, colexios médicos, asociacións profesionais e sindicatos.
Sanidade acepta crear un Consello Técnico, con representantes de todos os colectivos, para negociar xa os cinco puntos "irrenunciables" da Coordinadora Galega e o novo modelo de Atención Primaria
A creación deste consello, no canto dunha simple mesa de diálogo e de carácter “asesor” --termo que a Xunta quixo incluír pero que tamén aceptou desbotar-- será perfilado a finais de mes e comezará a traballar na primeira quincena de maio. Era unha das principais demandas da CGAP e contará con arredor dunhas 40 persoas en representación de diferentes colectivos sanitarios, “todos os que teñan algo que dicir”. Reunirase dúas veces ao ano e a partir del crearanse comisións nas que Sanidade e os implicados abordarán problemáticas específicas como as que afectan os traballadores sociais, a precariedade dos profesionais eventuais, a situación dos PAC ou a escaseza de psicólogos.
Ademais, na primeira xuntanza dese Consello Técnico trataranse xa eses cinco puntos clave que a CGAP considera “irrenunciables” para elaborar un novo modelo: incremento da achega económica, a recuperación das xerencias de Atención Primaria, un incremento de persoal, rematar coa precariedade dos profesionais e solucionar o conflito dos Puntos de Atención Continuada (PAC), cuxo persoal continúa en folga.
“Conseguiuse o que queríamos cando convocamos esta folga; negociarase co Sergas en pé de igualdade e ábrese unha mesa de diálogo para tratar eses cinco temas irrenunciables”, engaden fontes do comité de folga, que aclaran que “o novo modelo de Atención Primaria xa non pode ser o que pretendía Sanidade nin o que está a negociar con colexios profesionais ou xefes de servizo”. “O novo modelo sairá dese Consello; a Xunta di que xa ten un borrador, pero se acaban aceptando as alegacións que lle presentemos, acabará por ser un modelo máis completo”, insisten as mesmas fontes, que destacan que o Goberno galego tamén se comprometeu a dotar de orzamento os acordos aos que se cheguen.
“O novo modelo de Atención Primaria xa non pode ser o que pretendía Sanidade nin o que está a negociar con colexios profesionais ou xefes de servizo”
O acordo que agora é "documento asinado"
A Xunta, nun comunicado, admite que a súa nova proposta ofrece “canalizar as reivindicacións de carácter organizativo e asistencial do comité de folga”, e xa que logo da CGAP, “a través do Consello Técnico de Atención Primaria”. Ademais, aclara que con este “acordo” culmínase “un proceso de diálogo pola mellora da Atención Primaria promovido pola Consellería de Sanidade e do Sergas e no que participaron máis de cen profesionais en máis de 50 reunións de traballo”.
Desta vez, no entanto, a Xunta evita cualificar de “acordo” --como fixo en varias ocasións malia as advertencias dos interlocutores presentes nas negociacións que o negaron en varias ocasións-- o resultado das conversas que o Sergas mantivo co Consello Galego de Médicos e varias sociedades científicas de Primaria. Fala, agora, de “documento asinado” en referencia a un texto que os médicos reduciron a unha “acta” con “compromisos pendentes”.
A presión cidadá e dos profesionais sanitarios, organizados en diferentes entidades, lograron que o Sergas acabase por aceptar unha negociación aberta e simultánea con todos os colectivos, malia que durante semanas buscou o apoio e o aval de colexios profesionais e sociedades científicas logo de atopar o rexeitamento do resto de persoal implicado no futuro da Atención Primaria.
Precarias pola Atención Primaria amosa o seu rexeitamento á desconvocatoria de folga: "É un erro apagar o descontento e a mobilización por unha promesa vaga de diálogo"
Non todos os colectivos, no entanto, apoian a desconvocatoria. Precarias pola Atención Primaria non asinou a acta que ao crer qeu a oferta de Sanidade "é totalmente insuficiente dada a situación de alarma na que se atopa o sistema de saúde e non dá resposta ás reivindicacións da protesta".
"É un erro apagar o descontento e a mobilización por unha promesa vaga de diálogo e sabemos que este é un sentir compartido entre as profesionais da sanidade pública", din para anunciar que continuarán coas súas "accións".
Ademais, o sindicato O'Mega considera "inaceptable" que no texto presentado polo Sergas este "non acepte a vinculación da Administración aos acordos tomados polo órgano creado" e espera que na reunión onde se aclare o regulamento do Consello Técnico se poida "modificar" esa redacción.